A partir do século XVI no concello de Forcarei viven varias familias que son consideradas fidalgas grazas a súa destacada posición económica, así como a seu emprego de escribáns. Trátase das familias Ogando, Soto, Ribera, Reigosa, Teixeiro, Cadavid, Ocampo… , que nalgún momento acaban relacionándose entre si.

Ao igual que outras moitas familias fidalgas do entorno de A Estrada, como os Leira Castro, Gómez de Castro, Bermúdez de Castro, etc., as familias forcaricenses obtiveron as súas riquezas a partir dos subforos, de préstamos e do seu emprego como escribáns, que acrecentaban grazas aos vínculos, morgados e matrimonios de conveniencia, sen embargo hai que destacar neste caso a importancia da contribución económica que diversos sacerdotes deron a súa familia a través das fundacións relixiosas. Trátase das fundacións de Ignacio Ribera, cura de San Xoán de Laxas (Boborás), Francisco de Soto cura de Millerada, Domingo de Lois cura de Cerdedo e do seu anexo Caroi, así como a de Francisco de Ogando Ribera cura de Cerdedo.

Hermosende
Hermosende

O estudio que se presenta céntrase no pazo de Hermosende, cuxo lugar pertenceu desde o século XVI aos Soto. O pazo foi construído sobre 1730, cun hórreo diante e oratorio no seu interior, no que o 7 de novembro de 1940 se celebrou a voda de Mª Concepción Ogando Soto e Joaquín Giménez Pérez. O pazo pertenceu durante boa parte do século XX aos Soto-Ogando. Comezamos a exposición polos Ogando.

Os "Ogando"

Apelido Ogando

Os apelidos utilízanse para identificar mellor a seu usuario, polo que a partir do s. XIII ademais do patronímico e do apelido derivado dun nome de lugar (como Chamosa, Edreira, Rozados, Morgade,…), utilízase tamén o derivado dunha profesión, como é noso caso. En efecto, o primeiro portador deste apelido seguramente exercía de pastor de gando, de aí o de “dogando”, que é a forma que aparece no século XVI-XVII. Logo, por escribirse os documentos sempre en castelán, modifícase e pasa a ser “de ogando”, quedando logo “ogando”, que alterna con “gando”, é dicir, sen artigo. En efecto, en 1672 fálase do “capitán Gando”, que sería a forma más previsible se o comparamos con outros apelidos, por exemplo: daleira> de aleira > de leira >leira, pero quizás por ser “gando” unha palabra de uso común e que podía ser pexorativa, triunfou a forma “Ogando”. Este apelido está xa moi estendido a finais do século XVI polas freguesías de Millerada, Pardesoa, Presqueiras, Beariz, Doade e máis contorna, o cal no é óbice para encontralo noutros lugares de Galicia.

Outros apelidos que son citados neste estudio son de orixe toponímico, como Da riva, que se transforma pronto en Rivas, Do Barro, un pobo de Pesqueiras, que pasa a Barros, Ribera, un lugar de Lebosende, e Soto, que alterna ao principio coa versión galega Souto, e que no noso caso parece que ten a súa orixe en Soutiño, lugar que podemos atopar en diversas partes de Galicia, como en Toedo (A Estrada).

Escudo de Pardesoa

Escudo de Pardesoa
Escudo de Pardesoa

Diante da igrexa de Pardesoa, máis concretamente diante da antiga capela de Nª Sra. Aparecida1 , hai un escudo cuartelado por unha cruz flordelisada. En xefe cinco estrelas dos Ogando 1º cuartel: unha cruz, palma e espada do Santo Oficio; 2º cuartel, cruz de Malta, tamén coñecida como da Orde de San Xoán que implantou diversas encomendas na zona de Lebosende; e na parte baixa tres cabezas dun animal e outra máis no cuarto cuartel. 3º cuartel, cinco variñas dos Varela, e 4º cuartel, unha espada, unha lanza, unha árbore dos Cadavid, e no mesmo cuartel e posta en punta unha camba dos Churruchaos. Dado que aparecen as armas dos Varela cremos que o escudo pertencía a Manuel Francisco Ogando Ribera e Cadavid que casou en Soutelo en 1772 con dona María Antonia de Cortés Varela e Bouchas, da casa de A Senra (Escuadro).

Escudo en Lebosende
Escudo en Lebosende

Mentres que o escudo que esta na casa da fonte en Lebosende (Leiro), semellante ao anterior pero moito máis simplificado, cambia o terceiro cuartel presentando as faixas dos Ribera. Pertencía a Juan Francisco Ogando Ribera e Cadavid, o irmán maior de Manuel, que morreu en Lebosende en 1808.

En Afonsín hai outro escudo igual ao de Pardesoa, aínda que realizado como en espello, polo que cabe pensar que algún descendente dos Ogando mandouno copiar con afán de notoriedade.

Escudo de Afonsín
Escudo de Afonsín

Xenealoxía dos Ogando

En Albite (Beariz) a mediados do século XVI vivía Juan Dogando, que estaba casado con Catalina Sueiro. Era irmán de Fernando Dogando, que era escribán e foi o fundador da capela de Nosa Señora dos Remedios da que deixou como patróns a tres dos seus irmáns2. Juan e Catalina Sueiro tiveron por fillos a:

  1. Juan Dogando Sueiro, que casou con Magdalena Gulías, e foron pais de Benito e Domingo Dogando Gulías.
  2. Benito Dogando (que segue)

Benito Ogando, familiar do Santo Oficio e notario da xurisdición de Montes, vivía en Fixó (Pardesoa), onde exercía a súa profesión a finais do século XVI e principios do XVII. Casou con Inés da Riva (ou Darriva).

Benito, un dos patróns da capela que fundou o seu tío Fernando Dogando na igrexa de Sta Mª de Beariz, xunto coa súa esposa fixo unha capela en advocación a san Gregorio na igrexa de Pardesoa, á que dotou convenientemente con rendas en Penalba, coa intención de ser enterrados nela.

Benito fixo testamento o 30 de abril de 1629 (ARG. 3252/5)3 , onde pedía ser enterrado co hábito franciscano que tiña prestado a seu primo Pedro Dogando, cura de Millerada, para o enterro do seu pai. Morreu o 5 de maio de dito ano en Cacabelos na xurisdición do mosteiro de San Clodio (Ourense). Deixou como usufrutuaria dos seus bens en Pardesoa e Presqueiras á súa esposa.

Inscripción en Garellas
Inscripción en Garellas

E o 24 de abril de 1636 Inés outorgou testamento (ARG. 20125 /40) no que encargou entre outras cousas catro misas a celebrar anualmente en Pardesoa para o que deixou ouro e prata a seus herdeiros para que mercasen oito fanegas de pan de renda, o cal se fixo no Sixto, deixando como patrón en primeiro lugar a seu fillo Benito e sucesores. Benito e Inés tiveron por fillos a:

  1. Francisco Dogando, a quen seu pai nomeou un dos patróns da capela da igrexa de Beariz. Tamén lle deixou a sétima parte do lugar de Quireza e 200 ducados en diñeiro para facerse escribán. E chegou a selo. En 1636 estaba solteiro e vivía en Presqueiras, pero logo foi veciño de Quireza.
  2. Isabel Dogando, que casou cun dote4 de 2.000 ducados con José, da freguesía de Negreiros (Silleda), que morreu en 1625. Logo en 1636 estaba casada con Jerónimo López del Nodal, veciño de San Andrés de Cesar, a quen, ademais do dote, Benito lle regalou un saleiro de prata valorado en 500 reais.
  3. Patronilla Dogando, que casou co capitán Frutuoso Becerra de Novoa.
  4. Magdalena Dogando. Ao igual que á súa irmá Patronilla, seu pai deixoulle como dote de matrimonio 500 ducados ademais da lexítima. Casou primeiramente con Alonso Varela Villar, veciño de Garellas, sen descendencia pois seu fillo Alonso morreu pronto, e logo con Pedro Gamallo de Senra, tendo unha filla, Mariana Gamallo.
    • Mariana Gamallo casou con Gregorio Reigosa, veciño de Garellas, patrón da capela de Garellas na que hai unha inscrición baixo unha cruz, que di “De Gregorio de Reigosa familiar do Sto Oficio ano de 1668”. Foron os pais de Alonso Reigosa, a quen se mencionará máis adiante e que recibiu o padroado da fundación da capela de Nosa Señora dos Remedios na igrexa de Beariz, fundada por Fernando Ogando, tío do seu bisavó. Alonso, nacido en 1657, casou con Josefa Castro e Andrade, tendo varios fillos en Millerada, entre eles:
      • Ignacia Reigosa Castro, que casou o 2 de xullo de 1732 con Alonso Varela Vaamonde, fillo de Fernando Varela de Aguiar, que tiveron unha filla María Josefa Varela Vaamonde que vai entroncar cos SOTO, como veremos na segunda parte.
      • Gregoria Reigosa Castro, nacida o 7 de outubro de 1709, casou o 4 de outubro de 1732 con Francisco de Rivas Vaamonde, nacido o 17 de setembro de 1707 e da casa de Cobas (Folgoso), fillo de Juan Patricio Rivas Vaamonde e de Germina de Seixas Bolaño, da casa de Bascuas (Arzúa). Xa viúva e aínda que veciña de Siador en Trasdeza, morreu e foi sepultada en Millerada o 10 de decembro de 1774.
  5. Andrés Dogando, a quen seu pai deixou como patrón da capela de Pardesoa, polo que lle deixou un lugar en Penalba, aforado en 27 ferrados de centeo (ARG. 16400/18). En 1637 engadiu ao padroado da capela dúas misas máis para o que deixou de renda 12 ferrados de centeo (9 en Cernadelo e 3 en Alfonsín).
    Casou primeiramente con Margarita Teixeiro, filla de Alonso Teixeiro -que tiña bens en San Clodio- e de Inés Fernández de Negreiros, a cal seguramente se casou tamén con Fulano Gutiérrez de Bustillo, xa que ao morrer en abril de 1672 o cura de San Salvador de Escuadro D. Basco Teixeiro, irmán de Margarita, varios netos de “Gutiérrez Bustillo” alegan (ARG.15425/42) que son sobriños de dito Basco Teijeiro. Margarita ademais era neta por vía materna de Juan de Negreiros (que casou de segundas con Jerónima Rojas) e de Margarita Fernández5 (ARG 19491/15).
    Logo casou con María (García) do Barro, filla do escribán de Carballedo Gregorio do Barro, con quen tivo unha filla: Patronilla Ogando. Patronilla morreu pouco despois de seu pai polo que María pediu ser usufrutuaria dos bens que lle pertencían á súa filla por herdanza, pero o herdeiro, Francisco Ogando, promoveulle un preito e María renunciou a eles. Logo María casou con Pedro Dorxa e máis tarde con Marcelo da Riva, vivindo en Pontecaldelas. Estando en Carballedo María cobraba alí unas rendas pertencentes a Francisco Ogando, seu fillastro e cuñado, pero ao morrer en 1681 seu pai Gregorio, escribán en Carballedo, o seu irmán Plácido cobrábaas como se fosen pertencentes a seu pai (ARG.14238/45).
    Andrés fixo testamento o 14 de outubro de 1637 no que engade á fundación da capela de san Gregorio feita polo seu pai en Pardesoa dúas misas máis para o que deixa nove ferrados de centeo en Cernadelo e tres en Alfonsín. Morreu o 17 de outubro e aínda que vivían en Alfonsín, onde fundaron un vínculo, foi enterrado na súa capela de Pardesoa. Ao facer memorial dos bens que deixaba, destaca a cantidade de gando, xoias e censos uns herdados e outros comprados por el. Andrés y Margarita Teixeiro foron pais de:
    • Francisco Ogando Teixeiro, que cando morreu seu pai tiña uns dezasete anos, polo que lle foi nomeado como titor Benito Ogando o seu tío. Pero en 1648 pediu cambiar de titor e nomear ao que ía ser seu sogro, Gregorio Barros, polo que o 9 de decembro de 1648 se nomearon contadores para facer a liquidación. Fíxose pero en 1656 iniciouse un preito porque non estaba de acordo co que se lle dera(ARG.8391/84).
      Casou con Dominga do Barro, filla de Gregorio do Barro e irmá de María, a súa madrasta. Francisco e Dominga eran veciños de Alfonsín en Presqueiras, onde ela foi sepultada o 1 de febreiro de 1703, mentres que Francisco foi enterrado o 2 de xullo de 1704 en Pardesoa, xa que era patrón da capela de san Gregorio e alí estaba enterrado seu pai.
      Francisco Ogando Teixeiro e Dominga Barros tiveron por fillos:
      1. Alonso Ogando Teixeiro Barros e Alemparte, de quen se falará detidamente.
      2. Magdalena Ogando Teixeiro Barros, nacida o 29 de xullo de1657.
      3. María Ogando Teixeiro Barros, nacida o 15 de marzo de 1660, sendo o padriño o escribán Afonso Gómez, de Castrelo, fillo de Juan Gómez6 e de María, natural de santa Mª de Muimenta, e a madriña a xa citada Magdalena Ogando, muller de Pedro Gamallo, de Garellas. En 1691 era veciña de Beariz e foi madriña dun neno xunto co comisario e cura de Cerdedo Francisco Ogando.
      4. Alexandro Ogando Teixeiro Barros, nacido o 16 de outubro de 1662, sendo os seus padriños a súa tía-avoa María Ribera, viúva, e Andrés Ogando, avó do neno.
      5. Dominga Ogando Teixeiro Barros, nacida o 29 de outubro de 1668. Casou con Juan Correa, nacido en 1672, e vivían en Presqueiras. Juan aínda vivía en 1751, ano en que foi chamado a un preito polo seu sobriño Baltasar, fillo de Alonso.
      6. Margarita Ogando Teixeiro Barros, nacida o 26 de agosto de 1671, sendo os seus padriños o xuíz Antonio Salazar e María de Barros, de Pontecaldelas, tía do bautizando. Vivía no lugar de Outeiro (Presqueiras) e en 1706 foi madriña de voda da súa sobriña Francisca de Ogando.
  6. Benito Dogando (que segue).

Benito Dogando en 1629 aínda era estudante, polo que seu pai don Benito Dogando encargou á súa esposa que o sustentase durante dez anos, ata que se graduase, recibise o orde sacro ou ben pedise a súa pensión por deixar os estudios. Benito, escribán e familiar do Santo Oficio, vivía en Pardesoa e casou en Lebosende o 22 de novembro de 1638 con María Ribera, nacida entre 1614-16, filla do escribán e veciño de Lebosende don Pedro de Ribera e de María de Hermida.

María Ribera tiña varios irmáns: Raimundo (Lebosende, 20/10/1607), José (1/4/1609), Ignacio (19/1/1611) cura de Laxas e comisario do Santo Oficio, Bartolomé (1/3/1619), Isabel (14/5/1617) que casou con x Darriba, José (11/6/1619) que tivo como fillo a Jerónimo, Pedro (26/3/1623), Clara (26/1/1625), así como Antonio, veciño de Leiro, e Margarita que son citados no testamento de Ignacio (ARG 2346/3, 14972/12).

En 1642 foi requirido para servir na guerra de Portugal, pois se le suponía persona rica y con facilidad…sin embargo después de comprado caballo, casaca, botas, espuelas y más necesario no llegan 200 ducados y por ser tutor de mi sobrino muchas personas dicen que soy rico, pero la mayor parte de la hacienda es de mi sobrino. En efecto, como acabamos de ver, foi titor do seu sobriño Francisco, fillo de Andrés, levándoo para a súa casa cando quedou orfo, onde lo alimentó, sustentó ansi del vestido de color, calçado y ssombrero y todo lo mas necesario conforme a su calidad y dende que fue de edad lo truxo siempre en la escuela a deprender a leer y a escribir como fue el lugar de la Madalena y en la villa de Lebosende que es en el rivero de Avia y ahora al presente lo trae en la ciudad de Santiago en la dha escuela traiendole vestido, capa y sombrero y lo más necesario.

O 5 de marzo de 1658 fixeron vínculo do morgado (ARG.16400/18) e melloraron en terzo e remate de quinto coa obrigación de cumprir coas misas encargadas en Pardesoa no seu favor e dos seus pais a seu fillo Andrés Ogando e os seus descendentes, e a falta deles a seu irmán Francisco e seus descendentes, e a falta deles aos de Paula Ogando, e esta mellora estaba incluída a granxa de Lebosende e a de San Lourenzo de Pena. Tiveron por fillos a:

  1. Andrés Ogando e Ribera, capitán de milicia da xurisdición de Montes. Casou con Benita Castro e Toubes, posiblemente de Quireza. Tiña unha granxa aforada do mosteiro de San Clodio. O 18 de xullo de 1675 no lugar de Sieiros de Sto. Tomé de Quireza fixo testamento deixando herdeiros a súa nai e a seu irmán Francisco, pois non deixaba sucesión. Foi sepultado en Pardesoa o 10 de agosto de 1675.
  2. Francisco Ogando e Ribera (que segue)
  3. Paula Ogando, que morreu sendo “hija de familia”, o 30 de xullo de1662, sen sucesión. No libro de Defuncións dise que seu pai xa morrera antes e que se “ofrendó por su anima tres carneros, tres hanegas de centeno y un canado de vino blanco viexo y un cesto con lo acostumbrado”(con pan, viño e carne).

Francisco Ogando e Ribera, comisario do Santo Oficio, arcipreste de Montes e cura reitor de San Xoán de Cerdedo e de seu anexo Santiago de Caroi. Tomou posesión da parroquia de Cerdedo o 21 de febreiro de 1666, onde estivo ata a súa morte que tivo lugar o 6 de xullo de1700. Seu tío Ignacio Ribera (Lebosende, 19/1/1611), cura de Laxas, no testamento que fixo o 27 de marzo de 1668, di que hice y fundé a mi costa la dicha capilla dentro de la iglesia de Laxas advocación de la Presentación y la tengo dotada … y en ella quiero y es mi voluntad se diga cada semana una misa rezada cada sábado, que sea bonita, a honra de la Virgen…y se pague al clérigo 100 reales de limosna y si el clérigo no quiere, que el patrón pueda elegir clérigo que la diga. A la cual dicha capilla hipoteco, con cláusula y pacto de no alienación, todos mis bienes muebles y raíces derechos y acciones de ellos que tengo y poseo desde el río Avia acá así en la feligresía de Laxas como en otras partes y nombro por patrón de dicha capilla al licenciado Francisco Dogando, clérigo abad de san Juan de Cerdedo mi sobrino, al cual nombro en primer lugar…) (ARG 2346/3). Os bens que deixou Ignacio Ribera, ademais dos bens mobles que había na casa en que vivía (50 moios de viño, 24 ovellas, prata labrada, etc.) consistían tamén la chousa del Hospital, una viña llamada Alvaredo, otra que se dice de Ferreiros, varias en las Bideiras, el lugar de los Escudeiros, la viña de Bobelas, etc.

Francisco mandou fundar unha capela na igrexa de Cerdedo coa advocación de san Xosé que debía ter dous altares e o seu nicho, e coa imaxe de san Xosé presidindo e aos lados as imaxes de san Francisco e san Antonio. Para esta capelanía á que deixaba 800 reais para o capelán e a seus sucesores, nomeou por primeiro capelán ao cura Francisco Sieiro, e nomeou como patrón ao capitán Alonso de Ogando Teixeiro e Barros, a quen deixou como usufrutuario de por vida, e logo aos fillos da súa muller Antonia Ocampo (pois tiña fillos de Magdalena Ogando), e de non ter estes descendencia, aos fillos de Andrés Dogando e Ribera –seu fillo natural- e da súa muller Fabiana Ocampo, veciños de San Xoán de Laxas, e de non ter estes descendencia a Alonso Reigosa e fillos, veciño de Garellas. En efecto, Alonso de Ogando mandou facer as imaxes e ornato de dita capela en 1704 encargando ao mestre Francisco Herrera a realización da capela, se ben consultou a súa viabilidade co mestre Alonso García de Gosende, o pai de Frei Martín Sarmiento.

Fixo testamento o 6 de xullo de 1700 con vínculo e morgado dos seus bens, que era un de los buenos caudales, y mayores de este reino, segundo Alonso Reigosa, xa que se reuniron nel os bens dos seus irmáns, Andrés e Paula, e por tanto os de seus pais e avós(RAG.3252/5). Deixou para os pobres de Cerdedo doce fanegas anuais de pan, e seis fanegas para os pobres de Caroi e Pardesoa a repartir o día de san Bernabeu de xuño.

Esquema dos Ogando
Esquema dos Ogando

Sendo xa cura –aínda que isto se debaterá moitas veces- tivo varios fillos:

  1. Ventura Ogando, que cando casou o 28 de outubro de 1700 “dijo ser” filla do reitor de Cerdedo Francisco Ogando e de Gregoria Ogando, veciña de Pardesoa.
  2. Ana Ogando, que don Francisco tivo de María de Limeres. Foi dotada polo seu pai con terras en Limeres e logo casou sobre 1698 con Domingo Rascado.
  3. Mariana Gamallo, que tivo de Dominga de Campos veciña de Figueroa. Foi dotada polo seu pai con terras en Figueroa e cinco fanegas de pan sinaladas tamén en Figueroa. Casou con Gabriel Gamallo sobre 1693, se ben en 1713 xa estaba viúva. O seu parente Alonso Ogando Teixeiro reclamará xudicialmente ditas terras e rendas así como as que levaba a citada Ana Ogando (ARG.19263/7).
  4. Andrés Ogando e Ribera, (que segue)
  5. Magdalena Ogando e Ribera , filla de Bárbara Ferrón, solteira. Casou co xa mencionado Alonso Ogando Teixeiro Barros e Alemparte. Magdalena e Alonso foron veciños de Presqueiras, aínda que Magdalena, que morreu o 28 de outubro de 1689, foi enterrada o 30 en Pardesoa na capela que tiene allí el capitán, é dicir, na de san Gregorio. Tiveron por fillos a:
    1. Francisca, que recibiu do seu pai como dote un lugar en Sobredo, e casou en Pardesoa o 16 de febreiro de 1706 co escribán de S.M. Sebastián Varela de Seixas, sendo a madriña a súa tía paterna Margarita Ogando, veciña do lugar de Outeiro en Presqueiras. En 1736 aparece xa como viúva e sen sucesión. Tras varios preitos dáselle en 1741 a mellora e terzo da herdanza dos seus bisavós Benito Ogando e María Ribera.
    2. Baltasara, que casou na parroquia compostelá de Santa María do Camiño o 3 de agosto de 1708 con Manuel García, pertencente á parroquia de San Bartolomeu en Pontevedra, coa advertencia do cura: hícele saber que no cohabitasen en tanto no se publicasen las amonestaciones. Foron os pais de:
      • María Magdalena García Ogando, que casou con Francisco Javier García Sarmiento, capitán del puerto y ministro principal de la Marina, que tiveron a Francisca García, que casou con José Blas Correa e Salgado, veciño de Pontevedra.
      • Francisca García Ogando, que casou con Antonio de Porras, dependente de venta de Tabacos e veciño de Pontevedra.

Alonso Ogando ao enviuvar casou o 16 de xuño de 1697 con Antonia Ocampo Soto en Pazos de Arenteiro (Cfr. Apéndice 1). Antonia morreu o 18 de setembro de 1702 e foi enterrada na capela familiar de Pardesoa, asistindo a seu enterro cincuenta sacerdotes.

Tiveron un fillo, Francisco Ventura Ogando Teixeiro, que naceu sobre 1698. Como a súa nai morreu antes que el, recibiu a herdanza da súa avoa María de Riva(s) e Ribera, que casara con Lorenzo de Ocampo o 29 de xullo de 1667. Morto por mor das vexigas mentres estudaba en Pontevedra, enterrouse en Pardesoa o 13 de maio de 1716.

A terceira muller de Alonso Ogando foi Magdalena Troitiño Ribas, veciña de Pardesoa, pola que tivo un preito sobre o casamento e dispensa, que lle custou bastante diñeiro, xa que eran parentes en cuarto grado de consanguinidade e en segundo grado de afinidade. Antes de casar tiveron por fillo a Baltasar Antonio Ogando, que foi bautizado o 25 de abril de 1707, sendo os seus padriños Antonio de Castro Vilamoure, escribán de S.M., e dona Baltasara Antonia de Ogando Teixeiro Barros, solteira, que como se citou era filla lexítima de Alonso. O matrimonio tivo lugar o 13 de decembro de 1711 en Pardesoa e no mesmo día se lle entregou o dote, 6.000 ducados que se entregaron en moeda ante o escribán de Cuntis don Bernardo Ruibal e Barros. Vivían habitualmente en Pardesoa, aínda que en 1713 nunha escritura de compra aparecen citados como veciños de Pazos de Arenteiro. Tamén tiveron una filla chamada Ana María, que morreu menor de seis anos o 19 de outubro de 1716 en Pardesoa.

Magdalena Troitiño foi sepultada o 3 de decembro de 1718 en Pardesoa.

O seu fillo Baltasar Antonio Ogando Teixeiro, foi aleitado por Benita de Outeiro, de Pardesoa, por lo que Baltasar siempre le tuvo mucho cariño y afecto. En 1729 seu pai fixo mellora a seu favor dos seus bens, sinalándoo no prado do Pumar en Alfonsín e outros bens que procedían da herdanza paterna. En 1741 Baltasar pediu facer as partillas dos bens dos seus avós Lourenzo Ocampo e María Ribas, esixindo diversos bens ademais dos bens que seu pai lle deixara como mellora e o dote que aportara a súa nai, Magdalena, que foran 6.000 ducados en diñeiro. Pero a resolución da Real Audiencia do 27 de outubro de 1741 só lle deixou os bens da fundación de san Gregorio na igrexa de Pardesoa, sucedendo a seu pai como patrón. En 1751 volveu a iniciar outro preito semellante para facer de novo as partillas do seu pai(ARG 2591/3)..

Baltasar casou en 1733 con María de la Peña e Valenzuela en Santiago, onde vivían. Non tivo sucesión.

Finalmente Alonso Ogando casou con Ángela Vaamonde Puga, filla de Francisco Vaamonde Puga, veciño de Mugares (Ourense). Tiveron varios fillos: Benito, Mª Luisa, Ángela, Juana e Baltasara, que xa morrera antes de 1751(ARG 20125/40).

Benito casou coa súa parente María Josefa Ogando Ribera, filla de Benito Ogando e María Cadavid, veciña de Pardesoa, Mª Luisa casou con Nicolás de Puga, sendo veciños de Mugares e residentes en Pontevedra, e outra irmá casou con Pedro de Rivas, veciño de Beariz. Os catro irmáns serán chamados a un preito iniciado en 1751 polo seu medio-irmán Baltasar Ogando Teixeiro, para facer unha partilla dos bens do seu pai Alonso.

Desde 1700 ata 1728 Alonso fixo unhas 50 transaccións de bens, entre vendas e compras, vendendo terras e foros dos bens que pertenceran ao cura de Cerdedo Francisco Ogando, dos que era soamente usufrutuario. Tamén derribou a casa de Pardesoa, feita en cantería e con ameas na súa portada principal, para facer outra máis arriba, polo que en 1728 foi denunciado por Benito Ogando e Ribera, de Pardesoa, acusado de dilapidar os bens do vínculo de Francisco Ogando. En 1731, de feito, fixo unha declaración recoñecendo que vendera varios bens e censos pertencentes á herdanza de Francisco Ogando e Ribera, aínda que era só usufrutuario.

A súa muller levou para Mugares moitísimos dos bens mobles que había en Pardesoa, prata, roupas, diversos utensilios, gando, etc., mesmo unha arca coa casulla, alba, cáliz e patena de prata pertencentes á fundación da capela de san Gregorio da igrexa de Pardesoa, que logo vendeu ao cura de santa Mariña de Corcores. Logo vendeu a prata e outros bens para mercar unha viña chamada Meaba en Mugares, coa súa casa, bodega, lagar e todo o anexo, e para que non figurase como propiedade da familia a efectos de herdanza, púxoa a nome dun parente clérigo, con quen terá un preito pois este quixo quedarse con ela. Logo Alonso, estando enfermo, preguntoulle pola prata e polo diñeiro e sucedió que Ángela y su padre Francisco le echaron las manos al cuello para matarle, cosa que sucedería si no llega un criado e un veciño nese momento. Por este motivo ausentáronse de Mugares durante catro meses Ángela e seu pai ata que este morreu. Entón Ángela volveu á casa do seu marido, quen morreu aos poucos días, o 21 de xaneiro de 1736, quedándose Ángela con ditos bens. Alonso tiña feito testamento ante Miguel Pérez de Novoa, escribán de Ourense.

Por outra parte, Alonso tamén tivo un fillo natural chamado Simón Ogando, que naceu sobre 1689 e unha filla chamada María Ogando, filla de Lucía Amaro, solteira, veciña de Xirazga.

Andrés Ogando e Ribera

.

Outro dos fillos de don Francisco Ogando, cura de Cerdedo, foi Andrés nacido a primeiros de setembro de 1666 de Magdalena Sieiro, solteira e veciña de Pardesoa, filla esta de Simón da Riva e Ángela Sieiro. Estando embarazada achegábase á igrexa de Cerdedo para falar con Francisco, o cura, pero este votábaa de alí dicindo que lle quería quitar o creto e chamándolle ruín e de mal vivir, mesmo dicíndolle que a había de castigar coa xustiza(ARG 16400/18). Magdalena deu a luz en San Isidro de Montes, onde morreu a consecuencia do parto polo que a criatura tivo como ama de cría a Dominga Cerviño, muller de Benito Vidal, veciños de San Isidro de Montes, pois había trece meses que tivera un neno chamado Apolinario. Nesta parroquia foi bautizado, sendo os seus padriños Juan de Monteagudo, cura de Quireza, e Magdalena Docarril, aínda que logo non se atopou o asentamento no libro parroquial.

Andrés era una persona de mucha inteligencia y habilidad, abogado y de crecido caudal segundo un dos seus veciños de Laxas, onde xa antes da morte do seu pai tomara posesión do padroado fundado por Ignacio Ribera(ARG. 14972/12). Ao morrer seu pai, reunido en Millerada en casa do escribán Sebastián do Val e en compañía do avogado Pedro de Vaamonde e Ocampo, informouse de que tiña difícil o herdar, porque seu pai era cura cando o procreou(ARG 16400/18).. Por iso Andrés fixo desaparecer o asento do bautismo queimándoo debaixo dun pote, segundo recoñeceu ante Alonso Reigosa. Logo demandou a seus avós maternos (que non se presentaron ao xuízo) alegando que:

D. Francisco de Ogando estando libre ha tenido acesso y copia [sic] carnal con Magdalena Sieiro,…moza soltera y vecina del lugar de Santiago de Pardesoa de cuya copia salió preñada y me parió... y (D. Francisco) me ha criado y alimentado hasta ponerme en los estudios, asistiéndome en lo necesario y casarme con una parienta suya pagando él la dispensa y otras cosas.

O 1 de xullo de 1701 conseguiu ser declarado fillo lexítimo de D. Francisco e de Magdalena Sieiro, libres e solteiros, aínda que se argumentara en contra porque D. Francisco pedira un préstamo de 5.600 reais o 2 de febreiro de 1666 en Santiago de Compostela, en cuxo documento constaba que era abade de Cerdedo (nos libros parroquiais de Cerdedo aparece como data de toma de posesión o 21 de xaneiro ou febreiro -non está claro- de 1666).

En 1701 trala morte de seu pai demandou xudicialmente a Alonso Ogando, o usufrutuario dos bens de seu pai, esixíndolle bens por alimentos pois dicía que era pobre. Conseguiu que lle dera 2000 reais así como distintos bens mobles facendo unha concordia ante o escribán Antonio de Ribas(ARG.16217/34). Sen embargo como Alonso perdeu os recibos, seguiulle apremando para que lle dese unha mula.

Andrés, a quen seu pai lle deu como dote o lugar de Liñariños, casou en Pazos de Arenteiro o 2 de febreiro de 1696 con Fabiana Docampo Soto, irmá de Antonia, a segunda muller de Alonso, e viviron en Laxas (Boborás), onde morreu Andrés en 1715. Foron os pais de:

  1. Benito Ogando Ribera e Castro (que segue)
  2. José Joaquín, nacido en Laxas como os seus irmás. Estudou en Barro (Presqueiras) e logo en Pontevedra ou Santiago, e sendo clérigo de menores foi pretendente en 1732 á capelanía de Cerdedo fundado polo seu avó Francisco Ogando e Ribera, trala morte de Francisco Sieiro, o primeiro capelán instituído polo fundador. Foi nomeado capelán de Cerdedo o 13 de xaneiro de 1743 onde vivía, se ben logo se retirou a Lebosende onde morreu sobre 1785(ARG.16400/17).
  3. Juan Antonio, que foi notario.
  4. María Josefa, que casou con Pedro Garrido de Oitavén, veciño de Quireza.

Benito Ogando Ribera e Castro, avogado da Real Audiencia, casou con María (Magdalena) Cadavid Gómez (Cfr. Apéndice 2), filla de Juan Antonio e de Josefa. Foron veciños de Limeres (Cerdedo) aínda que tamén aparecen vivindo en Pardesoa.

Benito Ogando en 1725 derribou sen permiso unha parede da igrexa de Pardesoa para facer unha capela, polo que o bispado lle puxo unha multa de 2.000 reais para gastos de guerra. O padroado da capela transmitiulla a seu fillo Juan Francisco o 30 de febreiro de 1726.

En 1726 Benito Ogando denunciou a Alonso Ogando Teixeiro, xa que comezou a dilapidar o vínculo recibido do cura de Cerdedo, de quen el se consideraba lexítimo herdeiro. Acusouno -como xa temos visto- de desfacer a casa de Pardesoa, para facer outra un pouco máis arriba, de cortar carballos centenarios, vender a prata ou regalala ás súas fillas, de redimir censos tanto na zona de Pardesoa como na de Lebosende, etc. Neste preito meteuse tamén Baltasar Antonio Ogando, fillo de Alonso Ogando.

Benito foi sepultado o 15 de xullo de 1758 na capela de Santo Domingo de Cerdedo, se ben o 29 de xullo se tiveron honras fúnebres tamén en Pardesoa, onde vivira entre 1752 e 1757. Tivo por fillos a:

  1. Juan Francisco Ogando Ribera. Naceu en Limeres o 8 de marzo de 1730, sendo os seus padriños Juan Antonio Cadavid e Jerónima Arén, solteira, de Folgoso.
    Como era o fillo primoxénito de Benito, herdou o padroado e aniversario lego que fundara en advocación da Virxe da Presentación o clérigo Ignacio de Ribera, e que nomeara como patrón a seu sobriño Francisco de Ogando e Ribera, cura de Cerdedo, así como o padroado fundado por este en Cerdedo (ARG 2346/3). Pero tamén foi patrón da capela de San Gregorio en Pardesoa, ao morrer sen sucesión Baltasar Ogando Teixeiro, quen herdara primeiro o padroado.
    Aparece como veciño de Pardesoa en 1757 e entre 1779 e 1793 era veciño de Lebosende, vivindo na casa da fonte xunto ao adro parroquial, pois era dono de ambas casas polo que acudía a miúdo a ditos lugares(ARG. 20125/40; 11226/17; 25554/43). Para o control das súas rendas dispoñía dun libro encadernado coa súa cuberta de pergamiño e con un rótulo con letras maiúsculas que dicía: Libro de rentas y censos que se tienen que cobrar porla casa de Pardesoa. Na primeira páxina dicía es para uso, régimen y cobranza de D. Juan Francisco Ogando y Ribera. E estaba firmado. (ARG. 24313/46).
    Entre 1791-7 demandou a diversos veciños de Beariz, Lebozán, Quireza, Pardesoa, Soutelo, Folgoso, San Pedro de Parada, Cerdedo e Corredoira por débedas de rendas e réditos de censos. Algúns alegaron que pagaran á súa irmá Susana, e outros ao capelán de Cerdedo, Pedro Ribas (R.A. 24313/46). Os nomes e apelidos que aparecen seguen encontrándose hoxe en día, como son Fernando Penas, en Soutelo, Antonio Gulías, en Lebozán, Francisco Seara, en Pardesoa, etc. Tamén se citan aos vecinos de la Aldea de Arriba Manuel García, Francisco Sieiro, Domingo Bieitez e Isidoro Boado, que dijeron estar fuera de la provincia a trabajar por sus oficios de carpintería y cantería, aos que se mandou buscar para citalos no campo da feira de Soutelo, freguesía de san Nicolás de Ventoxo, o día en que se celebraba dita feira, a saber, o 30 de outubro de 1793.
    Morreu celibato en Lebosende o 9 de novembro de 1808, tendo outorgado testamento ante José Garrido Mariño de Lobera, veciño de Montes.
  2. Manuel Francisco Ogando Ribera, (que segue).
  3. María Josefa Ogando, que naceu o 17 de abril de 1736. Casouna seu tío Miguel Cadavid en Cerdedo o 9 de xaneiro de 1751 con seu parente Benito Ogando Teixeiro e Vaamonde, fillo de Alonso Ogando Teixeiro e de Ánxela Vaamonde, polo que vivían en Limeres (Cerdedo), aínda que alternaban a súa residencia con Mugares e Pardesoa. Tiveron por fillo polo menos a Domingo Antonio, bautizado o 4 de febreiro de 1755, que foi cura e denunciou en 1789 a seu tío Juan Francisco para que o nomeara capelán en Cerdedo, cousa que non conseguiu.
  4. Francisco Ogando, bautizado en Cerdedo o 29 de xaneiro de 1739.
  5. María Rosa Ogando, que se bautizou en Cerdedo o 13 de maio de 1740, sendo os padriños seu tío Miguel Cadavid, estudante, e Josefa Gómez, avoa materna, veciños de Limeres. Casou en Pardesoa o 14 de xaneiro de 1763 con Pedro Darriba, nacido en 1745, fillo de Lourenzo Da Riba e de Margarita da Lama, veciños de Beariz.
  6. Celestino Ogando, que foi bautizado en Cerdedo o 16 de marzo de 1743 sendo os padriños Domingo Antonio de Nieves, caixeiro do tabaco en Soutelo, e Mª Antonia Arén, de Folgoso. Foi monxe da orde de San Bieito no mosteiro de Samos e en 1791 levaba a parroquia de San Pedro de Vilaxuste. En 1788 foi nomeado polo seu irmán Juan Francisco capelán do padroado de Cerdedo.
  7. Susana Ogando e Ribera. Nacida en 1745, aparece vivindo en Pardesoa, e logo en Lebosende xunto a seu irmán Juan Francisco.

Manuel Francisco Ogando Ribera (firmaba Ogando Ribera, sen o apelido materno) nacido en Cerdedo o 13 de febreiro de 1733 e bautizado dous días despois, sendo os seus padriños José Ogando, veciño de Arén, e Manuela Cadavid, de Limeres.

En 1757 foi denunciado polo cura de Pardesoa D. Felipe Correa Ozores de Soutomaior de ter agredido á súa criada Paula Pérez coa culata dunha escopeta, despois de que seu irmán lle dera de labazadas, mentres a súa nai a ameazaba cun forcado e lle chamaba “parrumeira”. Os Ogando acusaban ao cura de meter o gando nos seus prados, e de insultar a María Cadavid na ermida de Nª Sra. Aparecida, entre outras cousas. Neste preito cítanse (ARG. 20944/33) a tres veciños do Sixto que saíron ao traballo ao reino de Castela. Manuel tivo que pagar unha multa.

En 1786 demandou á maioría dos veciños das parroquias de Pardesoa, Magdalena, Ventoxo e Millerada acusándoos de entrar e levar leña e toxo dun monte da súa propiedade situado na zona de Grobas entre o monte de Coco ata o muíño de Ameixedo e Porto de Frade. Neste preito vemos que as aldeas tiñan moitos veciños, pois son denunciados en Soutelo 39 veciños, en Soutelo de Arriba 15 veciños, en Vilariño 30 veciños, en Sanguñedo 27 veciños, etc(ARG. 19057/11).

En 1777 e ata 1782 era xuíz ordinario da xurisdición de Tabeirós, logo na de Trasdeza e tamén o foi na xurisdición de Montes nomeado polo arcebispado. En 1804 tivo un preito (ARG.321/4) co mosteiro de Acibeiro xa que este nomeaba a uns xuíces meiriños para a cobranza e recadación das súas rendas e servizos en cada un dos seus cotos e encomendas. Ao nomear a un para Beariz e este alardear de que era xuíz, Manuel Ogando mandoulle que non actuase baixo multa de 100 ducados, xa que cría que non podía dicir que era xuíz. A Xustiza deulle a razón ao mosteiro7.

Casou na parroquia de Stª Mª Magdalena de Montes o 28 de setembro de 1772 con dona María Antonia de Cortés Varela e Bouchas8, filla do administrador de Tabacos de Soutelo, Benito de Cortés Varela Taboada e de María Bouchas, a súa esposa, donos da casa de A Senra en Escuadro (Cfr. Apéndice 3). Acudiu á voda o seu curmán don Caetano Gil Taboada, patrón da casa de Carballeda e veciño de Taboada (Silleda).

Manuel Ogando alternaba a súa residencia de Soutelo ou Pardesoa coa de Escuadro, onde seguramente foron bautizados os seus fillos, pero que non se pode comprobar pois os Libros Sacramentais desta parroquia foron queimados polos franceses. Os seus fillos foron:

  1. Manuel Ogando Cortes, (que segue)
  2. Rafael Ogando Cortés, que en 1804 está co seu pai en Pardesoa.
  3. José Ogando Cortés, nacido sobre 1779. Aos 14 años, o 31 de maio de 1793, xa foi nomeado capelán de Cerdedo polo seu tío Juan Francisco, que non quería que o fose o seu outro sobriño Domingo Antonio, fillo de Josefa Ogando Ribera e de Benito Ogando Teixeiro, pois este metérao nun preito esixíndolle unhas rendas en Pardesoa. Como José non tiña idade nin era aínda cura, foi nomeado José Benito Obelleiro, veciño de Figueroa, como capelán interino(ARG.10469/39). Logo foi cura.
  4. Antonio Ogando Cortés. Morreu célibe.
  5. Juan Ogando Cortés. Morreu no exército, non se sabe se célibe.
  6. Rosa Ogando Cortés.

Manuel Ogando e Cortes, que casou en 1799 con Francisca Toxo Conde, filla de Benito Francisco Toxo e de Ana Conde, veciños de Santiago de Compostela. En marzo e abril de 1809 tomou parte activa na loita contra os franceses, organizando con José Mª Rivas, do pazo de Siador, e outros o control e defensa da ponte de Ledesma e indo persoalmente a Xirazga e logo a Tenorio para contactar co capitán Francisco Colombo e conseguir pólvora e as balas que necesitaban. En 1812 era xuíz ordinario en Trasdeza, onde un veciño de Cortegada o denunciou por facer caso omiso dos seus alegacións (ARG 12337/23).. Este dicía que non podía pagar as “sisas” porque lle embargaron unha carga de viño para aprovisionar as tropas que loitaban contra os franceses.

Manuel morreu o 22 de febreiro de 1844 sendo enterrado o día 26 nun nicho do adro da igrexa de San Salvador de Escuadro, asistindo 34 sacerdotes. Cando morreu todos os seus fillos estaban solteiros.

Manuel e Francisca tiveron en Escuadro seis fillos:

  1. Josefa María del Carme bautizada o 26/9/1800.
  2. María Antonia bautizada o 21/10/1802.
  3. Joaquina bautizada o 22/4/1805. Foi monxa carmelita en Salamanca.
  4. Manuel (que segue).
  5. Mª del Pilar Gabriela bautizada o 31/3/1810.
  6. Antonia Mª Rafaela Ogando Toxo bautizada o 30/7/1816.

Manuel Ogando Toxo, naceu o 1 e foi bautizado en Escuadro o 2 de novembro de 1807 sendo os padriños Manuel Cobián e Benita Nácar, veciños de Chapa. Casou en 1844 con Joaquina Soto Álvarez, filla de Alonso de Soto Varela, de Millerada, e de Isabel Charlon, veciña de San Miguel de Osmo (Ourense).

Enlázase así coa familia SOTO.

  1. En 1737 o párroco de Pardesoa atopou diante da igrexa parroquial unha imaxe de madeira pintada da Virxe do Rosario de tamaño dunha cuarta. Fíxose unha ermida que estivo en uso desde 1745 ata 1918, en que deixou de haber a festa por razóns de “economía”, segundo unha Asemblea Agraria da parroquia que así o dispuxo. A ermida xa sen uso foi convertida en Teleclub nos anos 70. [volver]
  2. En 1655 os patróns eran:
    1. Juan Dogando o Roxo, fillo de Gregorio, que sen descendencia deixou a padroado a seu curmán e cura de Millerada Pedro Dogando, fillo de Pedro e María Gulías vecinos de Sanguñedo.
    2. Francisco Dogando, neto de Juan Ogando.
    3. Alonso Dogando, fillo doutro de igual nome.
    [volver]
  3. Arquivo do Reino de Galicia. (Real Audiencia) A Coruña. [volver]
  4. Como referencia, por esas datas Francisca López, filla do cura de Vea e alcipreste de Tabeirós, foi dotada con 800 ducados para casar co dono do pazo de Correáns en Vinseiro. [volver]
  5. Margarita era filla de Fernando de Senra e Marquesa de Senra. [volver]
  6. Desta familia volveremos a falar ao facer a xenealoxía dos Cadavid. [volver]
  7. O mosteiro tivo continuos preitos por este motivo desde o século XVI, que se poden ver no RAG. [volver]
  8. Cando Rodríguez Fraíz fala de “Cristóbal de Soto Cortés y Buncharde”, baséase nunha árbore xenealóxica na que pon de onde era natural cada personaxe, e nun caso pon: “Bouchas de....”, sen completar, por non saber de onde provén o apelido Bouchas. Fai, pois, unha lectura errónea. [volver]

NOTA DO AUTOR. Este artigo foi publicado nunha versión abreviada na revista METACIOS nº 2, 2013, Forcarei.