Como se pode ver en Casas fidalgas do concello de Forcarei I, Benito Ogando Ribera casou con María Cadavid Gómez, filla de Juan Antonio e de Josefa Gómez. Foron veciños de Limeres (Cerdedo) pero alternando con Pardesoa.

Os bisavós de María Cadavid1 foron Alonso Cadavide a súa muller Ana Lois, que tiña un irmán, Domingo Lois, cura de Cerdedo.

Domingo Lois foi quen fundou o 30 de decembro de 1649 o padroado de Limeres, valorado nese momento en 26.829 reais, nomeando patrón a seu sobriño Benito, fillo de Alonso Cadavid. En Cerdedo Hice edificar una capilla al lado izquierdo de la iglesia de advocación de santo Domingo, con su altar, sepultura para mi persona, cáliz, ornamentos, vestiduras y los más necesario… La capilla está hecha en piedra labrada con sus claves, portada de arco, retablo de piedra con sus imágenes y tribuna, todo ello pintado (RAG 17982/17). E deixou encargado ao patrón para que pagase estudios a un clérigo de menores, preferentemente da súa familia, con vistas a facerse logo cargo da capelanía, así como a un mozo pobre da parroquia para estudar gramática.

Alonso e Ana tiveron dous fillos:

  1. Francisco Cadavid (que segue)
  2. Benito Cadavid, primeiro patrón da capelanía fundada polo seu tío, foi sepultado en Cerdedo o 17 de decembro de 1705, asistindo ás honras once sacerdotes. En 1679 fíxose reconto dos bens do padroado facendo apeos ou derregas dos bens, para o cal o 8 de marzo de 1679 Juan Nieto herrero confirió y demarcó una vara de cinco codos por las marcas que están señaladas en la losa de un monumento grande que está en el atrio de dicha iglesia en la parte de abajo frente a la puerta traviesa de la Iglesia, que dijo y declaró ser las mismas por donde se confieren y demarcan las heredades que tiene la fábrica de esta dicha iglesia y a dicha vara pasó las marcas con un hierro caliente de codo a codo, y en las puntas le hizo una cruz, presente en todo ello dicho Benito Cadavid...2
Inscrición "vara codo de" na igrexa de Cerdedo
Inscrición "vara codo de" na igrexa de Cerdedo

Francisco Cadavid casou con Catalina Darriba, e tiveron tres fillos: Benito Cadavid, cura de Cerdedo, que morreu o 5 de xullo de 1757 sen testamento, Mariana Cadavid, e Juan Antonio Cadavid (que segue)

Juan Antonio Cadavid, patrón de Limeres onde vivía e traballaba terras mediante caseiros, casou con Josefa Gómez Gundín. Josefa era filla do escribán de montes Francisco Gómez Guntín e de Jacinta Reigosa, veciño de Castrelos. Seu pai Francisco repartiu a escribanía entre os seus cinco fillos: Josefa, Pedro, Francisco, que era cura de Castrelo, Matías e Mariana3.

Juan Antonio fixo testamento o 11 de agosto de 1753 ante Francisco de Ribas. Ademais de encargar diversas misas e esmolas, tamén deixou tres xovencas, unha a San Bernabé, outra a Nª. Sra. de Aguadelupe e outra a Nª Sra. do Pego (ARG 17982/17). Morreu o 14 de agosto de 1753 en Cerdedo e Josefa foi sepultada o 30 de abril de 1765. Tiveron varios fillos:

  1. Francisco Antonio Cadavid, (Cerdedo, 6/3/1707-12/1/1778), escribán da xurisdición de Montes, que tamén aparece como xuíz ordinario do coto de Castro Cavadoso. Uniuse en matrimonio con Josefa (Fernández) de Godas, filla de José Godas e María Vales de la Torre Tovar, neta por liña materna de Lorenzo Vales e de Luisa de la Torre Tovar, filla e herdeira de Luis de la Torre Tovar e de Ana da Nogueira. Josefa era natural de Laxas e morreu en Cerdedo o 30 de abril de 1765. Non fixeron testamento. Tiveron cinco fillos, sendo o primoxénito José que casou con Josefa de Nieves Arén4. Josefa, veciña de Soutelo, viviu en San Paio de Figueroa, onde morreu o 14 de setembro de 1801, pois a José seu sogro Domingo Antonio de Nieves empregouno en A Estrada como caixeiro de tabacos.
  2. María Cadavid, a muller de Benito Ogando, Casas fidalgas do concello de Forcarei I. Bautizada en Cerdedo o 22 de xullo de 1709, co nome de María Magdalena.
  3. Manuela Cadavid, bautizada o 30 de maio de 1714 e casada en decembro de 1742 con Jacinto Balboa, fillo de Leonel Balboa e Camba e de Jacinta López Cerezuela, veciños de Albarellos. Con descendencia.
  4. Domingo Antonio Cadavid, que foi bautizado o 18 de decembro de 1718.
  5. Pedro Antonio Cadavid, bautizado en Cerdedo o 23 de outubro de 1720 e que foi monxe da orde de San Bieito en Celanova.
  6. Miguel Cadavid, bautizado o 1 de outubro de 1722, sendo os padriños seus tíos o licenciado Benito Cadavid e Mariana Gómez. Foi cura de Cerdedo.
  1. De Chamadoira (Cerdedo) eran outros CADAVID (García de Caamaño), parentes destes, cuxo estudo será presentado próximamente. [volver]
  2. Actualmente dentro da igrexa parroquial encóntrase unha inscrición que pon vara y codo de san Juan. Seguramente se trata de parte de dita marca [volver]
  3. Unha filla de Mariana (1678-1763) e do seu marido José Arén Losada, chamada Francisca, casou en 1756 con Miguel Núñez Miranda e Pazos, e foron os bisavós do escritor Marcial Valladares Núñez (cfr. FERRO-BÉRTOLO, Casa dos Araújo na revista Nalgures, nº 9). [volver]
  4. Ver FERRO-BÉRTOLO, Pazo de Xerliz e casa de Badía no Boletín nº 10 de Estudios de Genealogía Heráldica y Nobiliaria de Galicia. [volver]