Extraído da Revista Estadística Española números 60, 61, 62 e 63, segundo semestre de 1973 e primeiro semestre de 1974, por Rafael Mir de la Cruz. Traducido o galego por Noelia Muñíz Vidal.

Patronímicos e Apelidos máis frecuente

A formación de plurais

15-16-17. As palabras galegas rematadas en vogal, aínda cando esta forme parte dun ditongo, adoptan o s final nos seus plurais, pero as rematadas en -al e -ar engaden -es: Candales (candal alto e delgado) e Rubiales, formas desusadas; e as menos frecuentes en -es: Casares; pero o corrente é que o -s substitúa simplemente ao -l. Así, Feal fai Feás e Curral (recinto de animais domésticos) dá Currás; mais o antigo galego coñeceu a terminación -ais, polo que subsisten Curráis e Nováis, xunto ás súas outras dúas formas de plural Currás e Novás, nas variedades dialectais. O catalán, de Casal orixina Casals, e a lingua galega admite as dúas formas derivadas: Casás e Casáis. Estas dúas formas antigas de -ais, en ocasións tritongo, Muruáis, perduran no Bierzo (que xeográfica e lingüisticamente debe considerarse de Galicia) e no nordés; e -aes obsérvase nos arredores de Santiago ( Novaes), sendo esta a solución moderna portuguesa (Geraes).

Convén advertir que hai un bo número de vocábulos coa terminación -ás con vogal acentuada, plurais de palabras doutras terminacións: Agrás, Chás, Tembrás.

As palabras rematadas en -an e -on, non exclusivamente galegas, xeran dous plurais, o clásico en -ns: Troans (posiblemente do “truhanes” castelán, de troulear, divertirse), engadindo -es ou os sufixos -anes e -ones. Estes últimos prevalecen no litoral atlántico: Atanes (de atanar. Curtir as peles), Goyanes (de problemática semántica), empregándose en sentido pexorativo para censurar nomes propios pluralizándoos: Cidranes (os Isidros). Do segundo atopamos Briones (Brión é o mofo da cortiza das árbores), Allones (río) e Tejones, de teixugo ou teixo, animal carnívoro que debeu de ser corrente en Galicia noutros tempos. Os seus derivados non deben confundirse cos do teixo (arboredo destas plantas).

A forma do plural -is é característica das franxas orientais: Balbís, Lugrís, Señarís.

A desinencia -ois, pouco corrente, é tipicamente galega: Cardois, Frois, Lois.

-Ores, non usual tampouco, é tamén característica: Lores, Ozores.

Outras formas de diminutivos

18-19-20. -Elo, -ela, -elos e -elas. Prodíganse bastante, se ben hai nomes coa primeira desinencia, propios de obxectos ou instrumentos, que non implican pequenez: Candelo (candil), Martelo (martelo), aínda que o usual é o emprego nos diminutivos Campelo, Castrelo.

O plural, Carabelos (caraveis), Furelos (ratos pequenos), Monelos (muíños) e Queimadelos, como mostras case exhaustivas, é infrecuente, sendo máis común o feminino entrambalas dúas formas numerais: Paradela (de parada), Caldelas (de caldas, augas quentes).


21. -Elle. O ll latina conservouse en certo número de locucións: Alvarellos, Berdullas, Brandullas (branduras), Cousillas, Boucello, Cortellas, Crucella, Perille, Soutullo, e nunha pequena cantidade de antigas desinencias: Brenlla, Noenlle e Senlle, como exemplos, de incerta etimoloxía. O sufixo máis característico, de inconfundible orixe galaica, é o primeiramente citado: Bacorelle (de bacoreira, porqueira).


22. -in. Diminutivo peculiar das bisbarras que lindan co Principado de Asturias: Abuín, Eirín, Gudín, Mosteirín (de mosteiro), non desdeñándose en hipocorísticos: Alfonsín, e servindo de terminación a nomes propios usados como apelidos: Medín. Presenta as dúas formas de plural: Rubines, de Rubín, e o primitivo da -ns: Cuntins. -ino é corrupción castelanizante: Sotelino e Carballino por mor de Soteliño e Carballiño, con plurais análogos ao castelán: Ventosinos.

O feminino -ina, é xa propio do bable.

23. -Allo e -ayo. Expresan, así mesmo, cosa minguada ou reducida: Bugallo (excrescencia do carballo), Ramallo (ramaxe ou rama pequena), e algún outro diminutivo, como unxo, Caruncho (couza), é de carácter despectivo.


24-25. -Ada e -Ado. Formas do participio similares ás castelás, con maior profusión da feminina: Taboada (Táboas cortadas), sobre o masculino, Beado, Rosado, e con plurais escasos: Coiradas, Cambados (arqueados) e Bargados (barga, pedra de lousa).


26-27. -Eda e -edo. O mesmo que en castelán (Alameda, Olmedo) adoitan referirse a colectivos, do reino vexetal os máis deles: Alboreda, Abeledo (lugar poboado de abeleiras).


28-29-30. -Ade, -ide e -ido. Si, son construcións do participio xenuinamente galegas, expresivas de calidade, como Caride (caridade), Condide (fundación); ou usadas en adxectivos: Cordide (dorido) ou Aniño (sorprendido, abatido); ou en derivados de nomes propios: Nonide (de Nonius ou de Nonito); ou comúns: Pontide. O de maior frecuencia é -ida: Freijido (lugar de freixos) e Saborido (saboroso). -ode, Illode, é infrecuente, e -odo e -udo son moi raros, Morodo (albedro), Cascudo (de casca grosa) e Ramudo.

-Alde, -ilde e -Aldo. Son elementos terminais máis antigos, aplicados a nomes xermánicos e latinizados Leobalde (Leovixildo), Malde, Mayalde, Fagilde, Ingilde, Novegilde, Faraldo, os máis deles de imprecisa etimoloxía.

31. -Ambre e -obre. Se cadra son desinencias arcaicas de formas verbais, limitadas, segundo o repetidamente citado sabio polígrafo Menéndez Pidal, ao territorio dos antigos artabros: Barallobre (bulicio), Illobre (de illa). Hai variadas mostras toponímicas e onomásticas de dubidosa etimoloxía.

O participio regular activo -ante, -ente ten escasa representación: Carboentes, Follente, Querentes, Serantes (posiblemente de serán, tarde ou vixilia). -Eito non alcanza tampouco máis relevancia, aínda que é completamente galego Barbeito (barbeito), Feito (feito ou suceso), non é corrente este participio pasivo irregular.

Outros sufixos

32-33. -Ande, -ende e -onde. Son remotos sufixos, posiblemente de carácter adverbial, que indican proximidade a maior parte, observándose en raíces xermánicas e latinas, de significado non sempre coñecido no primeiro caso: Baamonde (variantes Vaamonde e Bahamonde), Gomesende (de Gome), Rosende (de Rosendo), Bande e Cernande.

-Unde, -Inde é deformación dialectal: Ousinde, de Ousende. Outra é Aldegunde, Bragunde.

34. -Ulfe. É desinencia característica, tomada do xermánico, wolf, “lobo”, de frecuente aplicación metafórica, por pobos desta raza na Idade Media, como expresión de valor, engadida a nomes persoais. Áchase o vocábulo sen ningún aditamento, Ulfe, aínda que é moi raro.


35-36. -Oso e -osa. Desinencias utilizadas en adxectivos, ao igual que na lingua de Castela, para indicar calidade en grao sumo: Barroso, Orosa (montañosa).

-Eijo e -Ejo. Son galegos en exclusiva: Eixo (eixe). A segunda desinencia é unha corrupción da primeira Requejo, Requeijo (Requeixo, leñeira e aba dun monte en declive cara un val).

Outra forma é -enjo: Regenjo (realengo ou terras da Coroa).

-Axe e -age. Denotan, xustapoñen ás súas correspondentes raíces, conxuntos de cousas de igual clase: Amboage (de amboa recipiente), ou obxectos de orixe animal: Lage (laxar, de lousa).

-El e -ol, non propiamente de Galicia, teñen algunhas aplicacións: Caravel (caravel), Prol (proveito), Fardel (morral), Orol (montañoso).

-Ul. Malia a súa escaseza, parécenos galego en exclusiva: Jul, Marful, Martul.

-En e -un, cos seus respectivos plurais, non alcanzan representatividade: Chorén, Miguéns, Serén, Colúns, Cuns.

37. -Io. Pode expresar unha calidade abstracta: Grandío (grandeza), pero xeralmente serve de terminación de adxectivos substantivados: Tovío (toxo novo).

O anteposto e unido ao nome, figura en certo número de apelidos: Ocampo (o campo), Ogando (o gando), Obanza, Ovando.


38-39. -Dá e -Do. Preposicións do xenitivo, con maior proporción da segunda, aglutinadas aos nomes respectivos, implican un grupo de apelidos de importancia Dacruz, Daorden, Doamo, Dovale.

Terminacións ditongais

Numerosas e típicas da rexión, aínda que non faltan noutras. Ademáis dalgunha xa exposta, relacionaremos as seguintes:

40. -Ay. Propia, así mesmo, de apelidos cataláns, observámola en especial nalgúns medievais e en locucións de maior antigüidade: Astray (procede de Asterio), Balay (nome celta expresivo de vasoira).


41. -Ao. Sufixo característico do galego e do portugués, usado de xenitivo para denotar patria ou procedencia, como en Mariñao (das marismas), ou utilizado en adxectivos e nomes propios e comúns: Ardao (variante de Aldao), Vao (vao), de doado pluralización: Probádevos, Timiraos.


42. -Ea. Sendo máis propio do éuscaro, serve en galego de terminación feminina de nomes acabados en -e: Forte, Fortea, ou ben entra na composición de palabras dese xénero: Lea (loita).


43. -Ey. Sufixo de nomes propios, polo común de ascendencia sueva, que aínda sendo complemento da onomástica catalá é moito máis corrente en Galicia con varias ducias de topónimos e os paralelos onomásticos: Asorey (preténdese que proveña de Asuero), Juanatey e algún outro derivado de nomes comúns: Silvarrey.


44. -Oa. Na formación do feminino: Lagoa, ou en palabras exclusivas deste xénero: Figueroa.


45. -Oy. En bo número de derivacións obsérvase este ditongo, que, coma nas rexións pirenaicas, posponse ás máis variadas raíces: Filloy, Quiñoy e Vascoy ou Bascoy.

-Ou. Antiga e desusada desinencia: Carou, Erviñou.

46. -Ua. Máis característicos do País Vasco, inseríndose en diversos vocábulos galegos: Insua (illa), con algúns elementos representativos do plural: Bascuas, Brantuas.

-Aa-. A duplicación do a é única de Galicia, dándose en reducido número de locucións. Como sufixo achámola na palabra “céltico” ou na prerromana Sáa (defensa fortificada, fortaleza), topónimo e apelido, con formas compostas: Saavedra (defensa antiga), Saafigueroa (derivado da figueira), Saamil, entrando o ditongo en diversos antefijos: Caabeiro, Baamil, etc.

-Oo. Case exclusivo de Galicia: Feijóo ( feixó, faba). Grijóo (na bisbarra de Bruaba, Muxía; Grixó é diminutivo de Grixa, forma apocopada de Igrexa), Riobóo (río bo). Hai a excepción de Cóo, lugar do municipio de Los Corrales de Buelna ( Santander), mais, non obstante, este apelido alcanza notable densidade na chamada Costa da Morte.

-Uy. A desinencia, corresponde a nomes vasco-navarros. Localizamos o apelido Permuy, de certa frecuencia nas bisbarras ferrolás, ortigueirás e de Pontedeume, sen que exista topónimo galego que o xustifique.

Escribiuse que en galego non hai tritongos, aínda que algunhas palabras os conteñen. Tal é o caso de Cagiao (de caxigo ou carballo novo) e Giao (Xulián).

Non pretendemos sistematizar toda a frondosa gama de sufixos galegos. Algúns, non típicos, como os que corresponden a vogais acentuadas en singular, Parajó, Tié, ou en plural, Alborés, Carnés, Leirós, Mirós (xenitivos), e moitísimos máis quedaron esquecidos. O innegable é que, a diferenza do castelán, no que as terminacións son doadas de enumerar, no galego, o mesmo ca noutras linguas peninsulares distintas da oficial española, o cómodo moldeamento dos seus elementos compositivos, xunto coas alteracións dialectais, foi creando ao longo do tempo esta caterva de variacións de interminable exposición.


... continuará