As asociacións Colectivo Republicano de Redondela, Alén Nós e o Seminario de Estudios Redondeláns, preocupados ante as noticias que circulan pola vila, referentes ao posible traslado dos restos de don Telmo Bernárdez ao cemiterio novo de Mañó, dende o seu actual emprazamento no cemiterio dos Eidos, así como polo estado de deterioro que se observa do conxunto, con panteóns ou outros elementos decorativos a piques de desaparecer, outros tronzados por mor da barbarie e a incultura, así como polo avance que parece imparable das hedras e herbas de todo tipo, que provocan roturas ou deterioros de por si, MANIFESTAN:
Que o cemiterio dos Eidos é patrimonio de todos os redondeláns, e non duns poucos.
Que o recinto en si mesmo é unha xoia do arte popular, pero tamén unha mostra case única nesta parte do noso pais, digna de ser considerada polos estudiosos da antropoloxía e a etnografía, en tanto en canto permite observar o que foi tradicional culto aos nosos devanceiros, hoxe en transo de desaparición como consecuencia dunha nova forma de entender as cousas.
Que o cemiterio debe de conservarse íntegro, levando tratamento dunha peza, e non pode ser mutilado e moito menos trasladado do seu emprazamento, por ser o fragmento de máis valor que queda do vello casco histórico da vila, xunto aos viaductos e aos dous pazos urbanos.
Que os Eidos é unha mostra única dos derradeiros dous séculos da historia da vila, pois nel repousan os restos de xentes que pelexaron contra os franceses na batalla de Pontesampaio, dun capitán xeneral de Galicia, dun gobernador civil de Zamora durante a ditadura de Primo de Rivera, do primeiro alcalde republicano ou de persoeiros de tanto renome, dentro do que foi o movemento agrarista galego, como Juan Amoedo Seoane. Tamén pode indicarse que foi o lugar onde repousaron os restos dun maquis galego, foxa común de asasinados durante a guerra civil en todo o termo municipal de Redondela, ou de varios membros da masonería local, pero tamén de xente que, sen tanto fulgor aparente, non por iso son merecedores de menor respecto e recordo.
Que a fermosa necrópole dos Eidos é un espazo ateigado de beleza, cun certo aire romántico decadente propio dos vellos camposantos do século XIX, que se construíron fora dos adros das igrexas, non só como lugares de repouso dos mortos, senón tamén de paseo e esparcemento dos vivos, un fin que, cun pouco de imaxinación e ben pouco orzamento, podería volver a recuperar.
Redondela non pode permitirse o luxo de tirar unha vez máis outra parte tan substancial do seu pasado, senón que, máis ben, facendo un esforzo, debería de poñela en valor, para lucila con orgullo diante dos que nos visiten, como mostra dun pobo culto, que sabe buscar a reconciliación co seu pasado.
Por todo o EXPOSTO, o Colectivo Republicano de Redondela, Alén Nós e o Seminario de Estudios Redondeláns, diríxense ao Pleno Municipal para pedir que non se mova unha soa peza do lugar, e se realice un plan de actuación que permita salvagardalo para as xerazóns futuras. Nese sentido, os colectivos que asinan ofrecen a súa colaboración para aportar ideas e esforzos.
Redondela, maio de 2006