Cultura asinará un convenio co Ministerio para dixitalizar os fondos de mosteiros galegos que están en arquivos españois.
Tamén se subscribiu un convenio polo cal as dúas administracións investirán 1,2 millóns de euros na adquisición de fondos bibliográficos para a mellora das bibliotecas públicas galegas.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, acordou esta mañá coa ministra de Cultura, Carmen Calvo, a próxima sinatura dun convenio entre ambas as dúas administracións para dixitalizar os fondos monásticos galegos que están depositados en diferentes arquivos españois.
Cumprirase así a proposición non de lei aprobada polo Congreso dos Deputados a petición do parlamentario do BNG Francisco Rodríguez, que pretende recuperar para Galiza e para que poida ser estudada polos investigadores galegos.
Trátase dunha documentación procedente da desamortización levada a cabo no século XIX e que era propiedade, fundamentalmente, de mosteiros galegos.
Por outra banda, ambas as dúas administracións subscribiron un convenio de colaboración polo cal se investirán 1,4 millóns (601.178 euros achegados polo goberno central) na adquisición de fondos bibliográficos para a mellora das bibliotecas públicas, dentro do Plan Extraordinario de Dotación Bibliográfica do Ministerio. Ademais, Carmen Calvo comprometeuse a colaborar no financiamento do novo centro coreográfico galego que está en fase de creación.
Control arqueolóxico das zonas queimadas Outro dos compromisos extraídos desta xuntanza bilateral foi a próxima colaboración de técnicos do Ministerio de Cultura, que traballarán xunto co equipo da Consellaría no control arqueolóxico e na inspección das 70.000 hectáreas queimadas polos incendios deste agosto.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa realizou un informe sobre os danos causados nos bens patrimoniais catalogados, que requerirán un investimento de 77.000 euros para a súa restauración, pero grazas a esta liña de colaboración co Ministerio realizarase unha análise “máis exhaustiva” de todas as áreas afectadas.