Veño arrastrando unha contradición na publicación de noticias en Xenealoxía.org con relación ós dereitos de autor e o copyright.

Cando recibo unha noticia copiada literalmente doutro medio en xeral con advertencias claras en canto á reprodución do seu contido (do tipo “Todos los derechos reservados”) ou simplemente co seu copyright, veño tratando de esquivar o tema extractando unha especie de cita da noticia e poñendo no pé tódolos datos de autoría con claridade. Pero isto tampouco se pode facer sen permiso do autor ou editor no seu caso. Se tedes permiso de reproducción dun artigo debedes de facerme chegar un correo (Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.) do autor ou editor (o propietario dos dereitos) autorizando a reprodución.

Polo tanto a partir de hoxe só publicarei artigos escritos por vos. Trátase tan só de contar a historia coas propias palabras. Nalgúns medios teñen unha licenza que autoriza a reprodución como é o caso de Xenealoxía.org, neses supostos reproduciría o artigo sen ningún problema. Sempre citando ó autor, título do artigo, o nome da páxina web, fecha de publicación, e a URL.
Algo do tipo :

Fonte: "Unha historia das tentativas". Culturagalega.org. 19/10 /2005. (http://www.culturagalega.org/temadia.php?id=6913)

(Este artigo é un exemplo de contido aberto de Culturagalega.org http://www.culturagalega.org)

Como as noticias son de intres, para non perder a oportunidade de poder léelas, cando sexan copiadas só publicarei os datos do enlace, para así a quen lle interese poda ler a noticia no seu sitio de orixe.

Saúdos:
Ricardo Lago Couce