A Fundación Pedro Barrié de la Maza presentou na súa sede de A Coruña, a súa Biblioteca con sesenta mil volúmenes, trinta mil xa catalogados, que recollen, desde diversos pontos de vista e orixe, séculos de literatura e investigación.
O acceso está restrinxido a investigadores universitarios, membros de Academias e Institucións, etc., previa cita.
Podemos acceder directamente por Internet ó seu Catálogo.

=> Biblioteca da Fundación Barrié de la Maza FONDOS
A biblioteca Martínez-Barbeito ten a súa orixe na colección que daquela xuntou Andrés Martínez Salazar, que pasou máis adiante ás mans do seu fillo Fernando Martínez Morás - o cal a mellorou de xeito notable- e que por último recolleu seu fillo Carlos Martínez-Barbeito (1913-1997), quen a continuou ampliando ó longo da súa vida, ata crear unha das máis importantes coleccións de bibliografía galega. Conta con algo máis de 11.000 volumes de obras relativas a Galicia, impresas en Galicia ou de autor galego.
Cronoloxicamente contén títulos desde o século XVI ata a metade do XX. Sobresaen as coleccións de xenealoxía e heráldica.

Biblioteca García-Sabell. Recompilada polo intelectual e humanista que foi presidente da Real Academia Galega e delegado do Goberno en Galicia, ten como principal característica o seu carácter interdisciplinar. Entre os fondos referentes a Galicia salientan os editados na Galicia da emigración.

O arquivo Said Armesto contén o arquivo persoal de Víctor Said Armesto, que foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa nunha universidade española. A súa temperá morte truncou a que prometía ser unha das traxectorias máis admirables dentro do grupo de científicos e intelectuais españois que adoita identificarse coa xeración europea do 14. O seu arquivo persoal foi doado á Fundación Pedro Barrié de la Maza pola súa filla Eugenia Said Santoro en 1992.

Fonte: a web da Fundación Pedro Barrié de la Maza