Resumo do estudo do profesor Gonzalo Navaza sobre a orixe dos apelidos, publicado en A Mesa pola Normalización Lingüística, entre eles podemos atopar os seguintes:
Abade, Abeixón (Abeijón), Araúxo, Arroxo, Vaamonde/Bahamonde, Balde, Baldomar, Baldomir...sigue Baldín
Baldrei
Balteiro
do Barro
Bestilleiro
Bo/Boo
Bocixa
Bodelo
Bustabade
Buxán (Buján)
Cadavide
Caxaraville
Carbia
Caride
Castelao
Caxade
Cebeiro
Cide
Colazo
Corpancho
Corpo
Cosmede/San Cosmede
da Costa
Costas
Costoia
Coto
Cotobade
Couto
Diaz
Dieguez
Fariña
Ferreiro
Feixó (Feijoo/Feijó)
Fole
Fontan/Fontao
Formoso
Freixeiro (Freijeiro)
Freixomil
Gabín
Garrido
Goiáns/Goiás
Gontade
Grande
Gulías
Iánez
Igrexas/da Igrexa (Iglesias)
Irixoa
Julías
Lousada
Louzán
Louzao
Loxo
Mariño
Maside
Méixome
Meixomín
Melide
Mexuto (Mejuto)
Miguez/Miguens
Milleiro
Miraz
Monteiro
Montouto
Mosqueira
Noia
Nóvoa
Outeiro (Otero)
Páez
Pais
Pallares/Pallarés
Paz
Pazo
Pazó
Pousada
Pedraio
Penabade
Pequeno
Proupín
Quintans/Quintás
Rebón
do Rio
Riobó/Rioboo
Ruso
Ruzo
Sa/Saaa
Sambade
San Mamede
Seoane
Soto
Teixedo
Valadares
Valboa
Valcarce
Valcárcel
Vello
Viaño
da Vila/ Davila
Vilaodriz
Vilar
Vilaravide
Vilarverde
Xofre (Jofre)

Gonzalo Navaza
Riqueza onomástica
Unha das grandes riquezas do patrimonio cultural galego é a onomástica, o tesouro dos nomes propios. Nun dos seus dous campos principais, o da onomástica xeográfica ou toponimia, conta desde hai anos con protección legal, o que permitiu descontaminar de alteracións e deturpacións castelanizantes os infinitos nomes de lugar que cobren con palabras da nosa lingua cada recanto do país. No outro campo, o da onomástica persoal ou antroponimia, perviven aínda os efectos dunha oficialidade que non recoñecía dereitos á lingua galega. Con esta nova lei, que modifica algúns artigos do Código Civil e da Lei do Rexistro Civil, ábrese unha porta legal para a recuperación do noso patrimonio.
Pódese prever que o alcance práctico desta novidade legal será menor, e desde logo moito máis lento, ca no caso da toponimia. En primeiro lugar porque mentres que o topónimo galego é unha obrigación legal derivada dun dereito colectivo, a restauración do apelido deturpado descansa na vontade do interesado: é un dereito individual.
En segundo lugar, porque nos topónimos coexistía, xunto coa forma oficial deturpada, a forma viva popular, lexítima galega. Os apelidos, en cambio, en moitos casos só teñen vida oficial, polo que con frecuencia se perde noticia da forma orixinaria. É certo que aínda hai familias apelidadas Otero ou Villar, poñamos por caso, que son coñecidas polos seus veciños como "os de/do Outeiro" ou "Os de/do Vilar", pero a morte paulatina da sociedade campesiña tradicional acaba tamén con eses exemplos de pervivencia, e polo regular as persoas tenden a identificarse coa forma do seu apelido tal coma o aprenderon. Sospeito que moitos Soto, por seguir empregando exemplos de apelidos ben comúns, levarían unha sorpresa ó comprobaren que non hai que remontarse moitas xeracións para dar cos antepasados apelidados (de/do) Souto.

Casuística complexa
O texto da lei 40/1999, ademais de falar de adecuación dos apelidos á lingua correspondente, fala tamén de regularización, o que pode dar lugar a interpretacións erradas. Naturalmente, esa regularización non significa necesariamente uniformización; hai apelidos que presentan variacións dialectais que deben ser preservadas, e o mesmo se podería dicir de variantes gráficas dun mesmo apelido.
Visto que cada apelido ten a súa propia historia, unicamente se poden establecer uns criterios moi xerais para a restauración da nosa onomástica deturpada, pois cada caso require un tratamento específico. Por veces as aparencias enganan, e un apelido como Villamil, por exemplo, que de primeiras semella conter un primeiro elemento villa-, podería corresponder a un topónimo idéntico Villamil, variante de Guillamil (emparentado co primeiro elemento de Guillerme) de xeito que non se trataría dunha forma deturpada, mentres que unha restauración en *Vilamil sería un errado hipergaleguismo.
Unha clasificación xeral dos apelidos galegos pode establecer tres grandes tipos. O primeiro sería o dos apelidos patronímicos, derivados dun nome de pía, con ou sen sufixo (Rodríguez, Fernández, Vázquez, Lourenzo...), que constitúen un grupo relativamente limitado pero moi abundante; o segundo, o dos apelidos toponímicos, derivados dun nome de lugar (Taboada, Outeiro, Souto, Pereira, etc.), e un terceiro dos apelidos que foron en orixe nomes comúns, empregados como sobrenomes, onde cabería distinguir varios subgrupos (alusivos a características físicas, á condición social ou oficio, etc...).
A orde de transmisión
Interesa salientar ademais outra dimensión da nova lei 40/1999, e é a relativa á orde de transmisión, presente no propio título da lei: "Sobre nomes e apelidos e orde dos mesmos". Sería conveniente atender a criterios de preservación do noso patrimonio onomástico á hora de decidir esa orde.
A invariabilidade tradicional, que transmitía como primeiro apelido o primeiro do pai e como segundo o primeiro da nai, non só discriminaba a liña materna na transmisión, senón que conducía á extinción dos apelidos menos frecuentes. Polas propias leis da combinatoria, os apelidos máis comúns tenden a ser cada vez máis comúns, e os menos comúns tenden a desaparecer. No último Congreso Internacional de Ciencias Onomásticas, celebrado en Santiago, o profesor Santamarina ironizaba sobre as fatais consecuencias desa tendencia calculando os centos de anos (non demasiados) que tardariamos os galegos en chamarnos todos Rodríguez, Fernández, González, López ou García. A posibilidade da alteración da orde dos apelidos permite corrixir en parte esa tendencia.
Agradezo o convite da Mesa pola Normalización Lingüística para responder desde A Nosa Terra a cuestións concretas relativas ós nosos apelidos. As fontes de información de manexo son basicamente o material de traballo do Proxecto de Diccionario de Apelidos Galegos, no que participo xunto con Ana I. Boullón, da Universidade de Santiago, e Antón Palacio, da de Vigo. Co recente falecemento do cuarto participante no proxecto, o chorado profesor Fernando Tato, perdemos moitos de nós un grande amigo e a onomástica galega o seu máis entusiasta e lúcido investigador.
Publicado no Semanário A Nosa Terra (Nº 922 - 17/02/2000 - Páxina 17)