Os profesores das escolas participantes no proxecto "Ponte...nas ondas! (http://www.pontenasondas.org) pretenden dinamizar, nas sociedades galega e portuguesa, a promoción dunha candidatura a PATRIMONIO INMATERIAL da “ tradición oral luso-galaica ”.

Unha comisión de profesores das dúas marxes contactou con particulares, asociacións, organismos, universidades e institucións para dar a coñecer esta proposta, acadando un amplo consenso que foi traducido na presentación, ás administracións galega, española e portuguesa, dunha proposta para ser presentada á UNESCO. "Propoñemos que o Ciclo Agrario e da Natureza de Galiza e Portugal sexa declarado pola UNESCO Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade pola cantidade e importancia do legado popular secular, común a ambos os pobos.

Propoñémolo porque pretendemos recuperar e conservar ese legado pola particular cosmovisión que se manifesta neste patrimonio, alén do interese dos datos etnográficos, históricos, lingüísticos e literarios que aporta, do elevado número de composicións existentes secularmente realizadas na mesma lingua romance, e tamén para honrar a todos os transmisores orais que nos deron a coñecer contos, lendas, anécdotas, ditos populares, adiviñas, música, teatro, danza e formas peculiares de facer e de adaptarse ao medio."


Leer máis en Ponte... nas Ondas!, Candidatura de patrimonio inmaterial galego-portugués