Máis de cen mil volumes de dez millóns de fichas acumulados ao longo de toda unha vida de amor polos libros. Para alén das súas obras de investigación, Ogando deixa, logo da súa recente morte, un amplísimo legado bibliográfico. O estudoso estivera xa en tratos coa Deputación de Ourense para crear unha fundación que permitise a conservación e o acceso a este material, sen que se chegase a fechar este proceso. O enterro do académico celebrouse o pasado sábado no panteón familiar de Vilafranca do Bierzo, logo dunha misa que oficiou o bispo Luís Quinteiro na igrexa ourensá da Trindade, e na que estiveron presentes algúns dos máis destacados nomes da cultura do país.
Noticia publicada por culturagalega.org Xulio Francisco Ogando, membro da Real Academia Galega desde 1980, falecía o pasado día 1 na cidade de Ourense onde residía. O finado, nado en 1913, era licenciado en Filosofía e Letras, participou nas Mocidades Galeguistas durante a Segunda República e era membro das fundacións Otero Pedrayo e Alexandre Bóveda. Desenvolveu un abondoso traballo de investigación histórica en campos coma a bibliofilia e os xuristas e ilustrados do país.

Marcos Valcárcel en Galicia Hoxe fai unha comprida biografía baixo o título "Un home liberal, pero católico", que ó momento non está en liña. Galicia Hoxe