O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará en xullo do 2006 en Santiago un Congreso da Emigración Galega para conmemorar o 50 aniversario do primeiro evento que tivo lugar destas características, organizado pola diáspora en Bos Aires en 1956. Así o anunciou o director do Arquivo da Emigración Galega (AEG), Ramón Villares, quen explicou que, igual que hai 50 anos aquel conclave serviu para facer balance e analizar os retos da comunidade galega no exterior, o do próximo ano permitirá realizar unha análise histórica e diagnosticar unha "avaliación dos problemas de futuro". "Espero que neste congreso de principios do século XXI poidamos facer algo así", indicou.
Villares aproveitou a presentación do proxecto de recuperación documental da emigración en Arxentina, Cuba e Uruguai, para dar conta deste evento, do que xa teñen elaborado un "esquema" inicial.
Polo que respecta a este proxecto, o director de AEG sinalou que os fondos que se incorporarán ó arquivo constitúen o "centro de referencia fundamental" da diáspora. Así, unha das tarefas que se fixou o Consello da Cultura foi recuperar a documentación producida pola colectividade emigrante, polas entidades e polas sociedades creadas polos galegos en Latinoamérica.
O resultado presentado, que corresponde ó traballo realizado nos anos 2003 e 2004 en Arxentina, Cuba e Uruguai, en colaboración coa Consellería de Emigración, supón o inventariado, catalogación e copia da documentación correspondente a 115 sociedades, que a partir de agora se incorporan ós fondos do Arquivo da Emigración e poderán ser consultados por investigadores e estudosos.
Así, o Arquivo da Emigración ten entre os seus obxectivos a recuperación e conservación da documentación producida pola emigración galega, entre as que ten un papel relevante a creada polas asociacións da diáspora nas sociedades receptoras.
O resultado está composto de máis de 120.000 páxinas microfilmadas ou dixitalizadas que mostran o "importante caudal patrimonial" realizado por persoas do propio arquivo, dos que Villares destacou a "alta especialización" mostrada neste traballo de recuperación patrimonial.
Ademais, explicou que os fondos non serán só do Consello da Cultura, senón que pertencerán "a toda Galicia", xa que solucionan o problema que había ata agora da "dispersión". "Esperamos que no futuro poidamos seguir nesta dirección", explicou o director do AEG, quen insistiu en que pretenden converter estes traballos nun "centro de referencia documental" da emigración. Así, informou de que este material ten "moitas posibilidades de ser explotado" con medidas de consulta directa para sectores interesados tanto a título particular como desde o punto de vista de institucións. A documentación recuperada inclúe unha ampla tipoloxía na que figuran libros de actas, rexistros de socios, libros de contabilidade, correspondencia, fotografías, estatutos, regulamentos, memorias, etc.

http://www.elcorreogallego.es (Canal: emigración)