A Real Academia Galega cumprirá cen anos no vindeiro 2006 e esta efeméride non só marcará boa parte da súa actividade institucional, senón que tamén é moi posible que afecte a unha das súas funcións máis importantes, a de elixir a figura á que se homenaxea no Día das Letras Galegas. A celebración no 2006 do centenario é para a Academia un motivo de festa e de reivindicación da súa propia historia e o seu papel como organismo cultural decisivo na vida galega. Este feito podería motivar aos académicos para optar por un persoeiro que represente os valores da institución, o que vincularía o programa do centenario cos actos arredor da homenaxe do 17 de maio. Un bo candidato podería ser algún dos membros fundadores da Academia, nunha liña semellante á que propiciou a elección para o 2000 de Manuel Murguía, o seu primeiro presidente, e seguida no 2001 pola figura de Eladio Rodríguez. En todo caso, os académicos e o seu presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, preferiron non facer comentarios sobre o proceso e agardar a facer públicos os resultados das súas deliberacións dentro de 7 días.

Fonte: X. Fraga O centenario da Academia influirá na elección do homenaxeado o 17 de maio. La Voz de Galicia. Cultura y TV, 25/06/2005. (http://www.lavozdegalicia.es/se_cultura/noticia.jsp?CAT=106&TEXTO=3845364)