Aínda que en termos diferentes, non fai moitos días tiñamos nos Foros de Xenealoxía.org unha debate sobre se incluír ou non dentro da denominación galego a comarca asturiana do Eo-Navia co propósito de artellar o proxecto topónimos xermánicos. Pois entendíase que o feito de nomear "topónimos galegos" no proxecto implicaba incluír os desta zoa (entre outras) se non se quería incorrer en falla.

Agora leo en Galicia Hoxe, que a polémica estalou en Asturias con motivo do apoio que a Federación de Asociacións do Occidente -que preside a asociación Arcángel San Miguel de El Franco- brindou á candidatura da tradición oral galego-portuguesa cando parece ser non é un sentir representativo de tódolos colectivos que a integran, polo menos en canto ás formas. Eu persoalmente descoñecía a polémica que xa ven de atrás “O acontecido arredor da candidatura galego-portuguesa á Unesco é a derivación do enfrontamento que as asociacións culturais e mesmo partidos políticos asturianos manteñen arredor da ‘fala’, lingua propia da comarca do Eo-Navia, que moitos se resisten a denominar como galego.” Pero o que non me ofrece dúbida e que han de ser eles mesmos os que deben defender a súa cultura como eles a entendan e sintan.

Maré .Santiago. NO REVERSO DA CONCORDIA. Polémica en Asturias pola candidatura de Galicia á Unesco. Galicia Hoxe, Mércores 02.11.2005. ( http://www.galicia-hoxe.com/index.php?option=com_content&task=view&id=9291&Itemid=34)