Introdución
Cando nos acercamos por primeira vez a un escrito antigo pódenos doadamente vir a tentación de deixar todo e pedir axuda, ou mesmo acudir a alguén para que nos transcriba o texto. Pero xa que a nosa investigación xenealóxica na maioría dos casos ten de ser dos tempos de hoxe cara a antigüidade, tamén vai facer ela mesma de escola progresiva forzándonos a ler documentos próximos no tempo e cunha grafía máis semellante á dos nosos días, para paulatinamente conforme nos alongamos irnos metendo en tarefas de máis dificultade. É dicir nós mesmos iremos familiarizándonos e deprendendo co noso propio traballo.
Para que de tódolos xeitos nos resulte máis doado o traballo, xuntamos esta serie de recomendacións de tipo práctico a ter en conta cando comecemos a transcribir unha acta de bautismo, un censo, ou similar.
Evidentemente non están tódolos casos que nos podemos atopar, pero invitados estades a completala lista para axuda de todos.
1. A grafía
Moitas palabras non gardan as normas gramaticais que imperan hoxe, e tampouco as de entonces, e non estamos a falar só do galego, fundamentalmente oral noutros tempos, senón do castelán no que tentábase escribir na maioría dos documentos.
- 1.1. O "b” o "v” empregadas indistintamente ás veces dentro do mesmo documento. Exemplo: Ribeira/Riveira, havrá/habrá, saver/saber, vajo/bajo.
- 1.2. A “i”, “y”, “ll” e a “l”. Exemplos: Santabaia/Santabaya/Santaballa, Neira/Neyra, aier/ayer, yngreso/ingreso.
- 1.3. A “c”, “z”, “s”, “ç” ou “x”. Exemplos: Cernadas/Zernadas, Gonzalez/Gonçalez/Gonzales; Zea/Cea, expezies/especies.
- 1.4. O uso de “j”, ”g” e “x”. Exemplo: mujer/muger/muxer, roxo/rojo.
- 1.5. O uso de “h” pode estar onde non esperamos ou non estar. Exemplos: Ay/hay, ayan/hayan, hes/es, echo/hecho, Tomás/Thomás, Teresa/Theresa, Monteaghudo/Monteagudo, Ghonzález/González.
- 1.6. As letras dobres “ss”, e tambén “ff”, “tt”, “mm”, “rr” e “xx”. Exemplos: Passos/pasos, tuviesse/tuviese, sissa/sisa, Sotto/Soto, rreales/reales.
- 1.7. Palabras xuntas ou partidas. Exemplos: porsuoficio/por su oficio, yson asaver/y son a saber, encad aunaño/en cada un año.
- 1.8. As abreviaturas, son moi utilizadas e difíciles de interpretar ás veces. Exemplos: fra/feligresía, ssno/escribano, segn./según, dhas./dichas, rrs/reales, mad./magestad, admas/además.
- 1.9. A decoración empregada na escritura tanto nas maiúsculas, como no fin da liña, puntuacións e acentos, ou abreviaturas, tampouco axuda a interpretación mentres non nos afagamos ás particulares do que escribe.
- 1.10. As maiúsculas poden aparecer onde non as esperamos, no medio das palabras ou frases, ou mesmo non aparecer, un nome propio en minúscula ou ó comezo do párrafo. Exemplos: isabel Perez/Isabel Pérez, tiene Uncriado/tiene un criado, una Bacadequatro años/una vaca de cuatro años.
- 1.11. Os números 1, 7 e 9 poden confundirse tamén según sexa a escritura, imos ter especial coidado.
- 1.12. Letras semellantes na escrita. Cos seguintes grupos de letras prestaremos especial atención de non confundilas polo confusas que se nos presentan ás veces “f, i, j, s, t”, “a, o, v , c” e “r, x”.
2. Os Apelidos
-
2.1. O número
Ás veces, pódese atopar un apelido en forma plural ou singular e nembergantes tratarse dun mesmo apelido, exemplo: Fariña / Fariñas. A variación dáse mesmo hoxe en día no uso cotián ó falares dunha persoa Fariña, e dicires que é dos Fariñas ó referirnos á casa.
Máis isto non quere dicir que polo mesmo metamos a todos os que atopemos no mesmo saco, só ter en conta que cabe a posibilidade de atopar o apelido que se busca grafado desta maneira.
De feito un mesmo apelido pode ter diferentes orixes, sen gardar ningunha relación xenealóxica. Así, un “Fariñas” do Baixo Miño seguramente non garde ningunha relación cun “Fariñas” da Limia nin cun “Fariña” da comarca de Pontevedra.
-
2.2. O xénero
Unha característica da xenealoxía galega, e mesmo da portuguesa, é o uso do xénero para o apelido usado por unha muller. Exemplos: Faxardo/Faxarda; Carrete/Carreta; Bouzón/Bóuzoa. -
2.3. A desgaleguización
A orixe dos apelidos da Galiza está no propio idioma galego, polo tanto un apelido galego que non se corresponda con esta lingua significa, presumiblemente, que foi desgaleguizado, deturpado ou contaminado. Este proceso de desgaleguización, prodúcese fundamentalmente a partires do século XVIII. Podemos sinalar dous tipo de desgaleguización:- 2.3.1. A Castelanización, exemplo: Outeiro a Otero; da Fonte a Fuentes ou de la Fuente; Carballal a Carbajal, Valboa/Valbuena.
- 2.3.2. A Castrapización, exemplo: Freixo a Freijo (sendo a súa tradución ao castelán: Fresno); Laxe a Lage.
-
2.4. O uso da preposición
É moi frecuente atopar tanto nos protocolos notariais como nos rexistros bautismais a unión da preposición “de” co apelido, que polo xeral fai referencia á procedencia dun lugar, do mesmo xeito que as contraccións que vimos anteriormente. Exemplos: Depereira [de Pereira], Demondoñedo [de Mondoñedo].
Neste caso, a unión dos apelidos ten xerado apelidos particulares por si solos, así Deive / Deibe procede de de Eive (aldea de Monfero) ou Dans que procede da aldea de Ans.
-
2.5. O uso da contracción
As contraccións galegas: da, das, do, dos son moi usuais nas documentacións. Este uso aínda segue a estar presente actualmente en moitos apelidos: Dafonte [da Fonte], Dopazo [do Pazo], Docampo [do Campo], Dasilva [da Silva]; Docabo [do Cabo].
Hai outras que non existen actualmente, unha persoa que busque, por exemplo, os apelidos Camiño ou Outeiro, pode-los encontrar coa forma Docamiño e Douteiro, é dicir “do Camiño” e “do Outeiro”.
-
2.6. A letra “ñ” ( en galaico-portugués “nh”)
Até ben entrado o século XIX, non aparece a letra española “ñ” . En detrimento desta letra podemos atopar as seguintes: n, nn, gn. A xente tende a pronunciar o apelido segundo aparece nos documentos antigos, máis isto é un erro monumental, así por exemplo un CHARINO ten que ser pronunciado como CHARIÑO.
-
2.7. O uso dos apelidos con “San/Santa”
Galiza é un país montañoso onde os núcleos de poboación non estaban concentrados, máis ben, atopábanse espallados polo súa xeografía. Isto deu lugar a cerca de 3.500 freguesías cos seus respectivos nomes dedicados aos seus patróns ou patroas. Nestes casos, os que proceden desta denominación, podémo-los encontrar das seguintes maneiras, aquí algúns exemplos:San Martiño/Sanmartiño/San Martín/
Sanmartín/Samartín, Santa Baia/Santa Baya/Santa Balla/Santabaia/Santabaya /Santaballa
Recomendacións
Cando estea diante dun documento (libro parroquial, censo, acta notarial, ...) primeiro bótelle unha ollada xeral para familiarizarse coa caligrafía da persoa que escrebe, fixándose nas partes máis doadas de recoñecer para vostede: os nomes das persoas, datas, lugares que sabe aparecen, utiliceos coma plantilla para identificar as letras no documento xa que son as mesmas, coas variacións lóxicas en cada caso.
Coma noutras cousas que acometa comece polo máis doado para ir collendo seguridade e lle axude a atopar outras palabras que en principio poidan parecer máis difíciles pero que lle axudará velas no seu contexto.
Lea en voz alta se fose o caso de corrido para ver se ten senso, en moitos casos, ó facelo, o que parece un galimatías inintelixible cobra senso.
Recorde que aínda dentro do mesmo documento a mesma palabra pode aparecer escrita de xeitos diferentes.
Esquézanse dos prexuízos de encaralo documento coas normas ortográficas que rexen agora tanto para o galego coma para o español. Se finalmente non entende unha palabra tróquea por un sino de interrogación ou poña tantas M coma letras coide aparecen e non perda máis tempo. Cando teña todo o documento transcrito volva sobre elo pois se cadra xa vexa máis claro o seu significado. Se non fose así calque con coidado a palabra descoñecida e deixe unha nota na transcrición de onde a reproduciu. Noutro momento é posible que poida poñerse en contacto con outro investigador máis avantaxado que lle poda votar unha man.
Bibliografía
O alfabeto
http://membres.multimania.fr/questione/documentos/normas82/alfabeto.html
Primera Reunión Interamericana sobre Archivos
http://members.tripod.com/vhaj/PrimeraReunion.htm
Historia da lingua galega - Galipedia
http://gl.wikipedia.org/wiki/Historia_da_lingua_galega
DE CRONOLOGIA, DIPLOMÁTICA PALEOGRAFIA E HISTÓRICO-LINGUÍSTICOS por P. Avelino de Jesus da Costa
http://cvc.instituto-camoes.pt/hlp/biblioteca/estudos_de_cronologia.pdf
TÉCNICAS DE LEITURA: NOMES E ABREVIATURAS EM DOCUMENTOS DOS SÉCULOS XVII E XVIII" por Rubem Queiroz Cobra