En próximas datas terá lugar a presentación d’A Torre e Pousa de Dumia, o novo libro do filólogo e historiador lucense Xulio Pardo de Neyra, no que este prolífico autor mergullou na historia social da Terra de Cervantes.
O seu percorrido dende o século XIII ata os tempos máis recentes foi posible grazas aos documentos do propio arquivo familiar da Torre de Dumia, dos que Pardo de Neyra bebeu grandes doses á fin de perfilar as liñaxes que van dende os Trastamaras, pasando polos Canceladas, chegando ata os Pardos, quen señorearían a torre dumiense e mailas súas propiedades adscritas xa a partires do século XVI.
Salientar que, por riba de todo e no que ao estrito relato xenealóxico se refire, ao construir estas árbores xenealóxicas partindo dos legaxos orixinais, tal e como xa vén sendo característico na obra de Pardo de Neyra, aporta o autor gallas e filiacións pouco, ou nada, estudadas até o presente, ao tempo que non corre o risco de hipotecar os seus escritos ás filiacións convencionais dos antigos nobiliarios, moitas veces trabucados, se ben perpetuados a forza da cita indiscriminada e sen fundamento documental, e agora por fin correxidas por mercede do traballo serio de autores como Pardo de Neyra ou, sen ter que saír destes foros, Purificación Rodríguez, Cruz Bangueses, Fernando Dopico e moitos outros.
Este uso das fontes primixéneas é fundamental para aqueles investigadores que, ao ler libros baseados nesta complexa materia, auxiliar da historia, procuran unha versión máis exacta dos feitos antigos, aínda que sexa en sacrificio das narracións máis condimentadas, caso de Seguino, Aponte, Gándara, ou mesmo Crespo Pozo.
Pero neste traballo non só se repara nas liñas fidalgas, senón que tamén se contextualiza a estes dinastas pacegos no seu espazo e no seu tempo, afondando na paisaxe e paisanaxe dos Ancares. Faise especial fincapé na iconografía heráldica vencellada aos Dumias, doada de atopar tanto na súa propia torre como noutras que lles houberon de pertencer, caso da de Donís e, máis aló da arquitectura civil, tamén na relixiosa, ao estar presentes as súas fermosas armas naquelas capelas onde se fixeron soterrar.
Xulio Pardo de Neyra (Lugo, 1968) foi docente nas universidades de Santiago de Compostela, Extremadura e, últimamente, na de Coruña. Especial mención merece o feito de contar no seu currículo con tres teses de doutoramento, caso ao parecer único a nível estatal.
Cunha trintena de ensaios ás súas costas, a maior parte escritos en lingua galega, Pardo de Neyra xa tén realizado moi interesantes incursións no eido da xenealoxía. Lembrar, entroutros, a Historia do Concello de Baralla. Pazos e Fortalezas de Neira de Xusá (1998), Tradición e actualidade do heroe cabaleiresco masculino nas lendas familiares galegas. Mito e realidade histórica á vista dos documentos da literatura galega contemporánea (2003), Fidalguía e cultura palaciana na Galiza do último milenio: de casa e solar coñecido (2006) ou Literatura Pardozeliana: Brandanismo e Sebastianismo nunha nación a liberar. O mito e o cronotopo do Marechal na literatura galega (2010). Agora é a editorial ferrolá Embora a que tén confiado no seu bo facer para A Torre e Pousa de Dumia (2012), que xa lle publicou con anterioridade outra obriña, A Época Nós (2009).
Nota legal da foto de Xulio Pardo de Neyra. Autoría: Eduardo Castro Bal (Ollo de Vidro - A. C. Alexandre Bóveda) , 2012, baixo licenza CC-BY-SA 3.0 < http://www.aelg.org/Centrodoc/GetPhotosByAuthor.do?authorId=autor324 >