Foi a persoa a quen Miguel de Cervantes lle dedicou a segunda parte de “O Quixote”, as “Novelas exemplares”, as “Comedias e entremeses” e “O Persiles”. Pero foi moito máis ca iso, Don Pedro Fernández de Castro é un dos primeiros e máis importantes mecenas culturais do seu tempo. Quevedo, Góngora e López de Vega foron algúns dos persoeiros sobre os que o sétimo Conde de Lemos exerceu o seu labor.

En plena celebración do quinto centenario do Quixote, non debemos deixar pasar a relación literaria entre Miguel de Cervantes e o VII Conde de Lemos. Foi longa e estreita e, segundo documenta o historiador galego Ángel Arnáiz, estudoso do Conde nun libro, ao escritor non lle sentou moi ben que o nobre non o tivera escollido como acompañante cando foi nomeado Virrei de Nápoles. Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal estivo rodeado de celebridades ao longo da súa vida. Tivo de secretario a Lope de Vega, mantivo tratos cos Argensolas, Mira de Mescua, Góngora, Espinel e outros reputados autores e artistas. Escritores que dixeron del honra da nosa idade (Quevedo), ou que foi o seu verdadeiro señor e benfeitor (Cervantes).

Do gusto pola literatura

Corría 1598 e acabado de nomear Marqués de Sarria e primoxénito das casa de Castro Andrade buscou un secretario que o axudase nos seus asuntos particulares. Quixo a casualidade que a persoa que entrou ao seu servizo se chamaba Lope de Vega. Foi así como un dos escritores máis recoñecidos do século de ouro foi “vestido e descalzado,” como el mesmo asegurou nunha epístola que lle dedicou en 1607, polo Conde de Lemos. Ademais, Lope de Vega presentoulle ao Conde un Cervantes que naquel tempo buscaba unha sólida protección e foi tan fructífera que o escritor deixou constancia do seu agradecemento en múltiples obras e nunha documentada relación epistolar.

Aínda que o Conde foi máis coñecido e popularizado polo seu labor como mecenas cultural, tamén gozou dunha obra literaria certamente reputada. Entre as cartas, escritos e traballos entre os que está “Historia do deputado galego coas demais provincias de España” , destaca “El buho gallego con las más aves de España”, un alegato en defensa de Galicia no concerto dos reinos da Coroa española.

Un político de primeiro nivel

Entre os numerosos cargos políticos que o VII Conde de Lemos durante a súa vida destacaron tres: a presidencia do Consello de Indias, un dos títulos máis ambicionados pola nobreza; o virreinato de Nápoles e a presidencia do Consello de Italia, que segundo o conde de Gondomar era o cargo “maior e máis útil que daba o Rei en Europa” . Tres cargos que concedía a coroa de Castela e que lle serviron ao conde para marcarse no seu haber ter conquistado Terrenate e as illas do arquipélago das Molucas, a promulgación da Real Cédula de 16 de maio de 1609 a favor da liberdade dos indios, ou ter conseguido da Santa Sede excepcións para o dereito de asilo co que conseguiu limpar o territorio de vagabundos e mendigos.

En 1616 Fernández de Castro Regresaba a Valencia desde onde, segundo a súa entrada na Real Academia Galega “puido seguir o desenvolvemento da intriga do palacio contra o seu sogro, que terminaría arrastrando a ambos ao ostracismo”. De feito, foi o duque de Uceda quen presionou a un feble Felipe III quen acabou por retirar os nomeamentos do Duque de Lerma e de Lemos.

Dous anos máis tarde, en 1618, Pedro Fernández de Castro regresa a Monforte, onde organizou no seu pazo grandes festas para a nobreza da época. Así, ata 1622 cando se trasladou a Madrid por mor da enfermidade da súa nai, unha viaxe da que non volvería. O 19 de outubro dese mesmo ano finaba na súa casa de Plazuela de Santiago na capital madrileña, aínda que foi enterrado no Mosteiro das Franciscanas en Monforte.

O condado de Lemos

Con Lope de Lemos inaugurouse a saga de Lemos, que toma o seu nome desas terras da provincia lucense. Unha liñaxe das máis recoñecidas e reputadas que continuaron os Castros, Osorios e Enríquez.

O primeiro conde de Lemos, Trastámara e Sarria, Foi Albar Núñez Osorio e foi mordomo maior do Rei Afonso XI. Outro monarca, Carlos V, inaugurou co II Conde de Lemos a distinción de “grande de España”. Do matrimonio entre o II Conde con Teresea Osorio naceu Beatriz de Castro Osorio, a II Condesa de Lemos que foi coñecida pola súa beleza e por emparentar, nun enlace acordado por Isabel A Católica, co sangue real portugués. Desta unión saíron os IV e III Condes de Lemos, mais outros sete fillos.

Pedro Fernández de Castro, V conde de Lemos, interveu na campaña de Portugal e Felipe II nomeouno primeiro gobernador da provincia lusitana de “Entre Duero e Miño”. Sucedeuno o seu primoxénito, que se converteu no VI da liña sucesoria e pai do mecenas cultural máis grande de todos os tempos. O VII Conde de Lemos non tivo descendencia, co que todos os seus títulos e bens pasaron ao seu irmán Francisco Ruiz de Castro Andrade e Portugal, que se converteu no VIII Conde de Lemos. O seu sucesor seguiu coa tradición familiar e foi amigo e protector de escritores e artistas. Morreu como monxe benedictino, logo de renunciar a todos os seus títulos e posesións. A liñaxe foi perpetuada por Francisco Fernández de Castro, IX Conde de Lemos, ao que seguiu o X Conde. Co XI Conde de Lemos, rematouse a liña consanguínea, xa que Pedro Fernández de Castro e Andrade e Portugal faleceu sen descendencia e toda a súa liñaxe foi continuada pola súa sobriña, Rosa María de Castro e Centurión.

O Condado de Lemos pasou á posteridade por ser unha liñaxe amiga das artes e das letras, e por ser protectora de escritores e artistas. Foron os mecenas máis coñecidos e populares do seu tempo.

Fonte: Condados culturais. Culturagalega.org, 4 de outubro de 2005. http://www.culturagalega.org/noticia_arquivo.php?id=6841