Na Real Chancelaría de Valladolid consérvanse documentos de grande interese á hora de refacer a xenealoxía e descendencia dos primeiros Pensado e Andrade. É o caso do pleito seguido entre os anos 1697 e 1701 para a sucesión nos bens vinculares de certo morgado, entón en mans de D.ª Francisca Pardo Osorio e que, con anterioridade, fora titularidade propia de D.ª Mariana de Andrade1.
É posíbel remontarse aos tempos do escribán D. Andrés Pensado e da súa dona, D.ª Marina Ares de Andrade, cabeceiros desta liñaxe, que coa súa unión fusionaron estes dous apelidos.
En ocasións, esta señora é chamada María, no canto de Marina, polo que non temos ben claro a grafía auténtica da súa onomástica. Á marxe, sinalar que os devanditos foron pais de:
- D.ª Ana de Andrade (veciña de San Mamede de Bazar, no municipio coruñés de Santa Comba, casada en primeiras nupcias con D. Alberto de Antelo Villardefrancos, fillo de D. Martín de Antelo e de D.ª Clara Pérez Villardefrancos; e en segundas con D. Juan de Abelenda Riobóo).
- D.ª Catalina de Andrade (matrimoniada en Rianxo con D. Benito Becerra).
- D. Andrés Pensado de Andrade (que pasaría por vigairía para casar con D.ª Catalina Pardo Osorio, sendo proxenitores de D. Antonio –veciño de Santa Baia de Cañás, no termo municipal de Carral, en A Coruña- e de D.ª Francisca Pardo Osorio de Andrade –arriba expresada, casada en San Salvador de Pazos, en Ponteceso, con D. Lucas Rodríguez Varela de Añón-).
- D. Juan Cotón de Andrade (Reitor do beneficio curado de San Martiño de Liñaio, en Negreira).
- e unha última filla, D.ª María de Andrade (esposa que foi do Doutor D. Jerónimo Carrera Morán, dos que de seguido falaremos, e que pasaron a residir en Compostela).
Coñecemos que D. Andrés Pensado xa estaba falecido en 1635, pois nese ano, a súa viuva, D.ª Marina Ares de Andrade pleitea con D. José Mariño sobre exención de maravedís2 e co escribán D. Gregorio Coello, pola compulsa de certa documentación3. Tan só un ano despois enfróntase ao xuíz do couto de Rivas, D. Domingo de Portos e a D. José Mariño de Castro, sobre varias vexacións4.
Xa en 1638, D.ª Marina Ares de Andrade, apoiada polo seu fillo D. Andrés, lidia con D. José Mariño de Castro pola metade dos froitos de San Xoán da Riva e do seu igrexario5. A última nova histórica que temos de D.ª Marina correspóndese co ano 1648, sendo entón veciña de Santiago de Compostela, onde supoñemos que había de residir canda a súa filla D.ª María, na casa do seu xenro, D. Jerónimo Carrera. Nese ano, é requerida por unha veciña de Rianxo, D.ª María de Bastón Villardefrancos, tamén viuva, neste caso de D. Jacinto Bermúdez de Castro, quen actúa na defensa do seu menor, D. Benito de Castro, pola posesión dunhas vides brancas, chamadas de Rianjiño
6.
No Arquivo Catedralicio de Santiago existen outros escritos do século XVII que deixan entrever parte da actividade levada a cabo pola parella conformada por D.ª María de Andrade e mailo Doutor D. Jerónimo Carrera Morán. É o caso da venda de censo redimíbel ao quitar feito polo Doutor D. Jerónimo Carrera Morán, e maila súa muller, D.ª María de Andrade, veciños da cidade de Santiago, á Confraría da Nosa Señora da Concepción dos Clérigos do Coro, dunha renda anual de doce ducados e medio a cambio dunha suma de douscentos cincuenta ducados
, datada en 27 de agosto do ano 16397. Relacionado con este documento está o poder outorgado pola Confraría da Nosa Señora da Concepción dos Clérigos do Coro a varios dos seus consiliarios para dar a censo a suma de douscentos cincuenta ducados ao Doutor D. Jerónimo Carrera, e á súa muller, D.ª María de Andrade
, con idéntica data8.
Houbo de finar o Doutor Carrera denantes de 1645, momento no que o seu irmán, D. Agustín Carrera Morán, actúa en representación dos herdeiros do anterior, ao darlle beneplácito á Concordia asinada polo licenciado D. Agustín Carrera, clérigo presbítero, veciño da cidade de Santiago, como titor e curador dos seus sobriños, herdeiros do Doutor D. Jerónimo Carrera, co licenciado Pedro Martínez de Palacios, clérigo e rector de Santa María da Corticela, racioneiro de Sancti Spiritus, sobre un censo que o defunto tiña tomado da Confraría dos Clérigos do Coro dunha suma de douscentos cincuenta ducados
, datada en 10 de febrero de 16459. Do mesmo tino é o Arrendo do licenciado D. Agustín Carrera, clérigo presbítero, como titor dos fillos de Jerónimo Carrera, o seu irmán, defunto, veciño da cidade de Santiago, a favor de Baltasar Machado, veciño da cidade de Santiago, mestre de afinar órganos na Igrexa de Santiago, dunha casa sita na Carreira do Conde e máis dun agro, pola vida do citado Baltasar e en renda anual de dezaoito ducados
, datado en 21 de maio de 164610.
Porén, a muller de D. Jerónimo seguiría aínda con vida moito tempo despois, aló polo ano 1661. Acontence entón que inicia pleito co seu cuñado, D. Benito Becerra, misión en posesión e partixa dos bens que vencellaran no seu día D. Andrés Pensado e D.ª Marina Ares de Andrade11. Engadir que coñecemos o nome dalgúns dos irmáns do Doutor D. Jerónimo Carrera. Xa temos falado de D. Agustín, cuxo testamento e última vontade está datado en 17 de novembro de 164312. Temos novas, igualmente, de D. Antonio Carrera Morán, Reitor de Santa María de Curro a comezos do século XVII, e con posterioridade Coengo, Mestre de Capela da Igrexa de Santiago, quen tomou os hábitos despois do pasamento da súa dona, D.ª Gracia de Andrade, segundo é coñecido polo poder que outorga en 9 de xuño de 1618 a favor de D. Nicolás Bastón, radicado na corte de Madrid, para que éste poida cobrar certa doazón de mil ducados que D.ª Lucía de Joz, viuva do escribán D. Urraco de Baños, dispuxo a favor de D.ª Mariana Mourán, filla de D. Antonio e de D.ª Gracia13.
Entrámbalas marxes do río Ulla
Abundante información quedou sobre os fillos de D. Jerónimo Carrera Morán e D.ª María de Andrade, quen cruzarían as fronteiras do Ulla para se asentar no val do Lérez, nas terras de Pontevedra. Desta proxenie temos constancia, cando menos, de tres vástagos:
- D. Antonio.
- D. Jerónimo.
- e D.ª Mariana Carrera de Andrade.
O primeiro, D. Antonio Carrera, tivo nupcias con D.ª Inés Romero de Lis, alumeando este connubio unha única filla, D.ª Josefa María Carrera de Andrade. Sabemos desta rapaza que ao chegar a idade casadeira foi pedida por D. Andrés Osorio Galos, fillo de D. Antonio Osorio Galos e de D.ª Inés de Mondragón, residindo a parella en Santa Cruz de Castrelo, no termo de Cambados. Froito deste casorio sería fillo D. Plácido Osorio Galos, informado en 1702 para ser colexial de Fonseca, en Santiago de Compostela14. Pola súa banda, Crespo Pozo, ao departir sobre o apelido Osorio, fai referencia aos Osorio Galos de Goyanes, cuxa estirpe reconstrúe a partir dos papeis de Soto Penedo conservados no Museu de Solla, en Arcade, e ata os sextos avós de D. Andrés Osorio Galos, citando asemade a outro fillo distinto do susodito D. Plácido, chamado D. Antonio Vicente Osorio Galos de Goyanes, tido igualmente en D.ª Josefa María Carrera15.
Sobre D. Jerónimo Carrera de Andrade, sinalar que foi Reitor do beneficio curado da freguesía de Santa María de Alba, en Pontevedra, e Comisario do Santo Oficio da Inquisición.

En último lugar temos a D.ª Mariana Carrera de Andrade, muller de D. Fernando de Saavedra Presedo Aldao, fidalgo pontevedrés de ascendencia lucense pola vía dos Saavedras e betanceira por parte dos Presedos, fillo do rexidor D. Juan de Saavedra e de D.ª Isabel de Presedo Freijomil e Figueroa.
Ao tempo do pasamento de D. Fernando de Saavedra non quedaron fillos lexítimos que herdasen os bens fundados tempo atrás polo Abade de Tourón, outro Saavedra, nin para os que D.ª Mariana trouxera ao casamento, vencellados polos seus avós, D. Andrés Pensado e D.ª Marina Ares de Andrade. É nestes intres cando D. Jerónimo Carrera de Andrade insta pleito para que a súa irmá manteña, pese a todo, a posesión do morgado familiar16, no que entra como parte activa o Mosteiro de Santa María de Armenteira, reclamando a restitución dunhas casas ubicadas en Pontevedra e que tiñan sido ocupadas por D.ª Mariana Carrera e o seu parente, D. Clemente de Saavedra Soto. Dende o cenobio argumentaban así:
Y porque en esta demanda y prosecucion desta caussa se a proçedido con dolo y con fraude por averse mobido a ynstancia de Don Jeronimo carrera, abade de santa maria de alba, cuñado de dho Don fernando savedra cuya ermana estubo cassada con dho Don fernando y por no aver thenido hixos ha dispuesto se mobiese este pleito a dha cassa porque su ermana se quedasse en ella y con efetto el mismo Don Jeronimo a ssido el que ha buscado y soliçitado los testigos para que declarassen en la probança del monasterio.
Aclarar que os bens dos Saavedra pasarían de D.ª Mariana a uns curmáns do seu marido, como sobriños de D.ª Isabel de Presedo; e os dos Pensado de Andrade recaerían no patrimonio da súa curmá, D.ª Francisca Pardo Osorio, filla de D. Andrés Pensado de Andrade e D.ª Catalina Pardo Osorio.
Parente seu, ao parecer irmán de D. Jerónimo segundo algunhas voces, houbo de ser outro crego, D. Juan Antonio Carrera de Andrade, que ocuparía a reitoría de San Vicente de Cerponzóns entre o 5 de marzo de 1713 e a data da súa morte, o 25 de xuño de 174417, a quen se lle atribúen dous fillos sacrílegos, nados de D.ª María Osorio Galos, moza solteira: D.ª María Ignacia, bautizada en 1716, e D. José Antonio Carrera Osorio, bautizado en 1719, semellando ser este último un dos seguintes rectores do beneficio curado de Cerponzóns, entre a primavera de 1755 e a data do seu pasamento, o 21 de xaneiro de 177918.

Carresas e Andrades na vila do oso e mailo madroño
En Madrid aparecen certos persoeiros de similar apelido. Estes Andrade eran igualmente orixinarios da Galicia, aínda que descoñecemos se teñen unha filiación próxima e exacta cos anteriormente estudados. Segundo as fontes de que dispoñemos, o máis antigo membro desta galla é D. Gonzalo de Andrade, orixinario do solar de Pontedeume, quen na súa mocidade emigrará a Toledo e, máis concretamente, a Talavera de la Reina, onde celebrará a súa voda con D.ª Ana de Mayorga de la Carrera. Estes foron pais de D. Jerónimo de Andrade y de la Carrera, en ocasións apelidado de la Carrera y Andrade
, tal e como figura no testamento de D. Luis, un dos seus fillos:
In Dey nomine, amen. Sepan quantos esta carta de testamento, última y postrimera boluntad, bieren cómo yo, don Luis de Vargas Andrade, veçino desta noble billa de Madrid, hijo que soy de los señores liçenciado Jerónimo de la Carrera y Andrade y de doña Ana de Bargas, mis padres, beçinos que fueron desta dicha villa, estando, como estoy, em pie, bueno y sano y sin enfermedad alguna, y en mi buen juiçio, memoria y entendimiento natural19.
D. Jerónimo emparentou con D.ª Ana de Vargas, veciña de Madrid, pasando a familia a residir na vila da Corte. Coñécense dous fillos deste himeneo: xa queda referido D. Luis, de quen podemos comentar que foi nado en Madrid o 2 de setembro de 1576, recibindo as augas do Xordán na freguesía de San Ginés. Chegou a rexidor e gozou do nomeamento de Cabaleiro da Orde de Santiago. Preto dos corenta anos, e cunha nada despreciábel fortuna, casará con D.ª Margarita de la Peña Zorrilla, filla do Veedor Xeral da Armada, ascendendo a súa dote a once mil ducados. Será un matrimonio sen meniños, de xeito que a herdanza do Luis quedará nas mans dun fillo natural que tivera, sendo de estado solteiro, coa tamén solteira D.ª Catalina del Olivo, tal e como aclara no seu testamento:
Ytem digo y declaro que para que se sepan los que son mis herederos, a falta de hijos de legitimo matrimonio, que yo tube al dicho don Luis de Andrade y Vargas en la señora Catalina del Olibo […] siendo la susodicha y io solteros20.
O outro fillo de D. Jerónimo de la Carrera e D.ª Ana de Vargas foi D. Alonso, o maior en días, que parece foi doutor en leis. Tivo por esposa a D.ª Manuela Sotomayor Mendoza, sen que quedase sucesión algunha deste matrimonio. Morre, D. Alonso, polo Nadal do ano 1615, ficando por herdeiro o seu irmán.
- Arquivo da Real Chancelaría de Valladolid, Pleitos Civís, Pérez Alonso (F), Caixa 2833,1. [volver]
- Arquivo do Reino de Galicia, C-2695-66. [volver]
- Arquivo do Reino de Galicia, C-25679-168. [volver]
- Arquivo do Reino de Galicia, C-3635-62. [volver]
- Arquivo do Reino de Galicia, C-23733-27. [volver]
- Arquivo do Reino de Galicia, C-16039-43. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Santiago, P. 167, fl. 329 r. e ss. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Santiago, P. 167, fl. 329 r. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Santiago, P. 187, fl. 57 r. e ss. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Santiago, P. 188, fl. 224 r. e ss. [volver]
- Arquivo do Reino de Galicia, C-10761-18. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Santiago, P. 180/1, fl. 323 r. e ss. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Santiago, P. 158, fl. 149. [volver]
- Pablo Pérez Costanti; 1998:82. [volver]
- José Santiago Crespo Pozo; 1985:65. [volver]
- Arquivo da Real Chancelaría de Valladolid, Pleitos Civís, Pérez Alonso (F), Caixa 2894,4; fl. 107. [volver]
- La iglesia de Cerponzóns: su historia. CERPONZÓNS. 30/11/2013. [http://serpenties.blogspot.com.es/2013/10/la-iglesia-de-cerponzonssu-historia.html] [volver]
- Familia Osorio - Galos patronos da parroquia de Cerponzóns. CERPONZÓNS. 10/02/2015. [http://serpenties.blogspot.com.es/2013/10/familia-osorio-galos-patronos-de-la.html] [volver]
- Arquivo Histórico de Protocolos de Madrid, Tomo 3956, fl. 140 r. – 183 vto. Transcrición de Elisa Ruiz García; 2002: 935. [volver]
- Elisa Ruiz García; 2002:942. [volver]
Bibliografía
- CRESPO POZO, José Santiago (1985): Blasones y Linajes de Galicia. Editorial La Gran Enciclopedia Vasca, Historia de Galicia, Vol. XXV.
- PÉREZ COSTANTI, Pablo (1998): Linajes Galicianos, Ara Solis, Santiago de Compostela.
- RUIZ GARCÍA, Elisa (2002): Entorno a los Documentos y Libros de Don Luis de Vargas, Regidor de Madrid, en Littera Scripta: In Honores Prof. Lope Pascual Martínez, Universidad de Murcia, Vol. II, pp. 935-62.