A Casa da Toma estaba situada na parroquia de S. Pedro de Lantaño, concello de Portas.

Da súa construción, no lugar de Almirante, non quedan restos palpables, pero si se conserva o nome na microtoponimia, e por suposto, a fermosa capela incluída na igrexa parroquial que leva o seu nome.

A familia que viviu na Casa da Toma foi unha familia poderosa, que teceu liñas de parentesco con importantes familias dos arredores.

Nas súas raíces procede por unha parte da Casa de Outeiro e por outra da Casa do Rial (Pazo de S. Bieito) ambas en S. Pedro de Lantaño1.

O seu poder económico procedía como no caso da maior parte dos fidalgos galegos nos foros. Arrendatarios dos dereitos dos mosteiros, que posuían a maior parte da terra en Galicia, durante séculos exerceron como intermediarios cobrándolles aos labregos e dándolle parte ao clero. O xerme da Casa da Toma foi a chamada “Granxa da Toma” recibida en foro do Mosteiro de Armenteira, e vinculada á Capela de Nosa Señora da O.

O Pazo de Padriñán coñecido tamén como Pazo do Virrei está situado no lugar de Padriñán, na parroquia do mesmo nome no concello de Sanxenxo.

A fachada principal, como é costume apreciada neste tipo de residencias adórnase en lugar ben visible con dúas labras heráldicas colocadas polo seu fundador a mediados do S. XVIII.

O seu fundador xunta os apelidos dos Prego de Montaos e Gómez de Valladares, e a súa riqueza, como veremos, procede na súa inmensa maioría dos “negocios” e cargos que obtivo en Nova España.

OS BOCETA GARCÍA FIGUEROA DE LANTAÑO

D. Alvaro Boceta de Figueroa naceu arredor do ano 1540, fillo de Gonzalo Boceta do Rial e María González2, neto de outro Alvaro Boceta. Reitor de S. Pedro de Lantaño foi o fundador da Capela de Nosa Señora da O ou da Expectación, máis coñecida como capela da Toma, no derradeiro cuarto do S. XVI. Particularmente manteño como hipótese que D. Alvaro era descendente do Gonzalo Boceta do Rial escudeiro de Paio Gómez de Soutomaior3 na primeira metade do S. XV moradores no que logo sería o pazo de S. Bieito4.

Firma de Álvaro Boceta Figueroa
Firma de Álvaro Boceta Figueroa.

A súa filla natural Dona María González Boceta Figueroa casou con Alonso García (Casa de Outeiro), escribán, veciño de Casal. Alonso García era fillo de Juan García e María de Caldas, neto por liña paterna de Ares García e Inés García Boceta; neto por liña materna de Gonzalo de Caldas.

Alonso García e María González tiveron entre outros fillos a Dona Ana María González e a D. Aluaro Boceta, reitor de Carril5, 1º patrón do vínculo da capela da Toma fundado polo seu avó D. Alvaro Boceta.

Alonso García foi sepultado o día 2 de setembro de 1.625 na capela da O incluída na igrexa parroquial de S. Pedro de Lantaño segundo vontade propia recollida no seu testamento datado no 26 de maio dese mesmo ano

...Item mando que cando a vontade de meu Señor Xesucristo... servir se me levar desta presente vida que o meu corpo e carne sexan sepultados dentro da capela que fixo e fundou Alvaro Boceta o meu sogro inclusa na igrexa de S. Pedro de Lantaño (...) a sepultura onde foi e está sepultada María González a miña muller...6

Dona Ana María González casou con Fernando Boceta Saborido, veciño de Almirante. Na escritura de dote ante Francisco Villar escribán a 15 días do mes de ¿? de 1600 dise:

Fernando Saborido e Alonso García escribán veciños da freguesía de S. Pedro de Lantaño e o dito Fernando Saborido dixo que habéndose tratado casamento entre el e María González filla do dito Alonso García por el ser home rico e facendado e o dito Alonso García ser de moitos fillos e non ter bens que dotar a dita súa filla para casar con home rico como era o dito Fernando Saborido e ademais deso por ser fillos de bos pais e todos fillos e pais vir e descender de boa liñaxe e xeración a mais ¿? que había en Terra de Salnés (…) dera á dita Mª González dos seus propios bens 100 ducados …

Na súa partida de defunción acaecida en 1.632 tamén se recalca esa condición era rico, proba disto é que ao seu enterro acudiron 14 sacerdotes.

Dona Ana e D. Fernando Saborido tiveron 7 fillos: Joseph, Alonso (n.1.620), Andrés e Domingo clérigos presbíteros, Ana, María e Francisca.

  • Joseph que segue a liña.
  • Alonso Saborido casou con Ana Boceta González filla de Domingo Boceta e Ana González de Portas.
  • Ana Boceta Saborido (¿?-1.690) de primeiro casamento casou con Gregorio Boceta de Perrín fillo de Juan Boceta de Perrín (Casa Perrín –Lantaño). De segundo casamento casou con Alonso Martínez Señoráns, inicios da Casa da Moroza en Lantañón (Sta. Mª de Paradela).
  • María Boceta Saborido casou con Bartolomé da Fonte en Fontenla.
  • O licenciado Domingo Boceta Saborido tivo dous fillos naturais un que foi a Flandes ao servizo da súa maxestade D. Carlos Segundo e unha filla Benita Boceta que quedou na Torre por se-la súa herdeira.
  • O licenciado Andrés Boceta Saborido morreu en Santiago sendo mordomo e asistente de D. Andrés de Mondragón marqués de Santa Cruz.

Fernando Boceta Saborido á morte de D. Aluaro Boceta, sucederao como patrón no vínculo da Capela da Toma, quedando dende ese momento a capela ligada á Casa.

D. Josph Boceta, bautizado en S. Pedro de Lantaño o 20 de decembro de 1.624. Casou no ano 1.642 con Ana María Barba de Figueroa natural de Vilagarcía (bª 1/agosto/1622), filla de D. Lope Barba de Figueroa e Dona Ana López Villamoure. Tivo este matrimonio polo menos 3 fillos: Álvaro, Dominga e Antonio.

O 9 de agosto de 1.670 celébranse os casamentos de Álvaro e Dominga. Lese na partida de casamento:

“Albaro Boceta, escribán, fillo de Joseph Boceta e Ana Figueroa, con Francisca García filla de Alberto García escribán, e a súa muller Alberta de Caldas, e, Francisco García e Dominga López Boceta dos mesmos pais, os que son parentes de 3º e 4º grado”.

Son todos bisnetos de Alonso García, escribán e María González Boceta Figueroa.

D. Álvaro Boceta Figueroa segue a liña da Casa da Toma, e, como tal patrón da Capela de Nosa Señora da O. Nado en Lantaño, bautizado na parroquial de S. Pedro o 25 de decembro de 1.644, foron os seus padriños o seu avó materno e a súa tía Dª Juana de Figueroa. Exerceu de escribán de número de Caldas e o Salnés. Parte dos seus protocolos notariais consérvanse no Arquivo Histórico de Pontevedra, e, é precisamente nun deles onde primeiro aparece o topónimo da Toma para referirse á súa casa ...ano de mil seiscentos setenta e tres... na casa da Toma... Como xa dixemos, casou D. Alvaro con Dona Francisca García de Caldas (bª en Lantaño 15/12/1640) o 9 de agosto de 1.670 e tivo este matrimonio polo menos oito fillos: Diego, Pedro, Simón (1.678), María Gregoria? (n. 1.679), Francisca, Antonio (n. 1.683), Raphaela (1.684), Josepha (n.1.688)

  • Diego que segue a liña.
  • Simón Boceta de Figueroa casará con María Ana de Savaroz . A súa filla Gabriela Boceta de Figueroa casará con Ignacio de Barreira veciño de Sta. María de Portas.
  • Gregoria Boceta de Figueroa casará no ano 1706 con Lorenzo de Afonsín viúvo, natural de Baión, fillo de Joseph de Afonsín e Dominga Cunqueiro.
  • Antonio Boceta Figueroa (bº 24/1/1683-fº 9/9/1766) xa viúvo sen descendencia de Dª Dominga Mª Fernández casou en Ferrol o 15 de abril de 1716 con Dª Francisca Gómez López Teixeiro. Fillos seus serán Juan Silvestre, Dª Josefa e D. Pedro Bonifacio Boceta Figueroa (Ferrol 1723-?). Casará D. Pedro no ano 1751 con Mª Josefa Antonia Fernández. Veciños de Ferrol terán por fillos a Silvestre José Antonio, Isabel, Juana Manuela, Angel Antonio Lorenzo e Juana Antonia. Por un protocolo ante Manuel Gervasio Alvarez sabemos que venden a súa herdanza de Lantaño.(1788) Dª Josefa casa tamén en Ferrol con D. Juan Antonio Vázquez e fillo deles será D. Diego Vázquez Buceta Figueroa López Teixeiro e Gómez, presbítero coengo da Santa Iglesia Catedral de Mondoñedo e teniente vicario xeral do departamento de Ferrol, Cabaleiro da Orde de Carlos III 7.

Morreu D. Álvaro no ano 1.688 e foi enterrado na Capela de Nosa Señora da O como patrón dela. Asistiron ao seu enterro 19 sacerdotes, símbolo de poder económico. A súa dona fixo testamento ante Ciprian de Ruybal o 22 de xullo de 1702.

D. Diego Boceta Figueroa seguindo os pasos do seu pai é escribán real e será Alcalde da vila de Caldas de Reis, onde será veciño. Parte dos seus protocolos notariais consérvanse no Arquivo Histórico de Pontevedra.

As relacións de Diego cos seus irmáns foron malas. Nun protocolo notarial de Alberto de Magariños e Castro, escribán, do ano 1.692 lemos:

Pedro, Simón, Gregoria, Francisca, Antonio, Raphaela, Josepha, menores que quedaron de Albaro Boceta Figueroa do casamento que tivo con Francisca García na freguesía de S. Pedro de Lantaño, e agora nos atopamos provectos de titor e curador que o é Diego Boceta o que é neglixente e preguiceiro na defensa das nosas persoas e bens e nos receamos perder o noso dereito, por dita causa e (...) queremos que no o sexa nin de aquí en diante defenda os nosos preitos (...) e nomeamos por tal noso curador ... a Joseph Melio de Castro, o noso parente residente na freguesía de Sta. María de Portas.

Incluso apoiado pola súa nai, D. Pedro trata de apartar do vínculo ao seu irmán Diego alegando que o mencionado Diego nacera antes do casamento dos seus pais, co que o primoxénito de lexítimo matrimonio era el8.

Casou D. Diego con Dona Isabel González Lemos e Puga9, da que descoñecemos a súa filiación. Ámbolos dous foron sepultados na capela familiar de Nosa Señora da O, da que D. Diego é patrón, ela no ano 1.705 e el no ano 1.711. Coñecese a existencia de dous fillos deste matrimonio: Joseph e Rosa.

  • D. Joseph que segue a liña.
  • Dona Rosa Buceta Figueroa e González casou con D. Pedro Antonio Taboada Mosquera e Valenzuela, fillo de D. Francisco Mosquera Mariño e Dona Andrea Taboada e Valenzuela, señores da Casa de Señoráns de Abaixo en Sta. María de Paradela. Por un protocolo notarial de Francisco Antonio Oubiña, escribán de Caldas, sabemos que no ano 1.771 dona Rosa é viúva e vive na vila de Caldas de Reis; neste protocolo dá o seu poder a D. Joseph Rosendo Boceta Figueroa o seu sobriño para leva-lo bens do vínculo e morgado que está gozando.

D. Joseph Buceta Figueroa, quen incorpora ó seu apelido o topónimo da casa, aparecendo en moitos protocolos notariais como D. Joseph Buceta da Toma. Nótese que nesta xeración o apelido Boceta pasa a ser Buceta.

Acta de defunción de Jose Boceta.

D. Joseph casou no ano 1.720 con Dona Paula Mosquera Gil Taboada e Valenzuela, irmá de D. Pedro, o seu cuñado. Tense constancia de nove fillos deste matrimonio:

  • Mª Francisca (n. 1.721)
  • Mª Josepha (n. 1723)
  • Juana Isabel (n. 1.725-fª 1.742)
  • Antonia (1.728-1.794)
  • Ana Gregoria (1.731-¿?)
  • Joseph Rosendo (1.733-¿?) primoxénito varón e polo tanto sucesor no vínculo da Casa da Toma. En 15 de novembro de 1757 outórganse as súas capitulacións matrimoniais. A elixida foi Dª Josefa Benita Prego de Montaos Gómez de Valladares, vástago do Pazo de Padriñán cuxa xenealoxía se exporá a continuación.
  • Mª Benita (1.737-1.817)
  • Mª Theresa (1.740-1814)
  • Ignacia Benita (1.743-1.828).

Consta no Catastro da Ensenada D. Joseph Buceta como propietario dunha casa dun alto sita na aldea de Almirante, ten de fronte oito varas fondo catro dereita e esquerda bens propios; anexo á casa unha peza de terreo de 65 ferrados, amáis doutras propiedades.

Dona Paula fixo testamento ante o escribán Martínez de Varallobre o 20 de outubro de 1754 e morre ese mesmo ano. No seu testamento manda entre outras cousas ser sepultada dentro da capela de Nosa Señora da O da que é patrón o seu home; declara entre outras cousas ter mercado cos cartos da súa dote o sitio dos Agriños onde fixemos unha casa eu e o dito meu home e outra que está por acabar pegada a ela. Mellora ás súas fillas no tercio e remanente do quinto dos seus bens sinalados no dito sitio e lugar dos Agriños.

D. Joseph faleceu no ano 1.773; na súa partida de defunción lese:

En dezanove de abril do ano mil setecentos setenta e tres deuse sepultura ó cadáver de D. Joseph Buceta da Toma, dentro da igrexa parroquial desta freguesía de S. Pedro de Lantaño e nunha sepultura da capela da súa casa (...) asistiron ao seu enterro e honras doce señores sacerdotes...

Dona Benita, dona Teresa e dona Ignacia fan testamento conxunto ante D. Alberto Magariños, escribán, no 1.804, nel dinse veciñas do Rial, Casa dos Agriños, mandan ser enterradas na capela da O da súa liñaxe e deixan por herdeiro ao seu sobriño D. Santiago Buceta Figueroa.

OS PREGO DE MONTAOS

Juan Prego de Montaos e Catalina López Loba tiveron por fillo a:

Nuño Prego de Montaos quen casou con Mª Agulla de Bullón e Figueroa sendo pais de:

D. Martín Prego de Montaos quen casou con Dª Antonia Lanzós sendo pais de:

D. Nuño Prego de Montaos e Lanzós quen casou en San Lourenzo de András, concello de Vilanova de Arousa, con Dª. Mariana de Prado Gaioso e Mendoza, foron señores da Casa Solar de Tapedello. Tiveron por fillos entre outros a:

D. Manuel Francisco Prego de Montaos quen instalado en Padriñán casa con Dª María Fabiana Gómez de Valladares.

OS GÓMEZ DE VALLADARES

Pedro Gómez Cuervo casado con Theresa Fernández de Castro, veciños de S. Lourenzo de András, foron pais de:

D. Antonio Gómez Cuervo de Quirós e Dª Jacinta de Carballa e Saavedra foron pais de:

Bernardo Gómez Cuervo de Quirós, bautizado en Sanxenxo aproximadamente no ano 164910, escribán de número, xuíz ordinario da vila de Portonovo. Casou con Dª Clara Fernández da Silva, filla única de Gabriel de Nogueira e Padín escribán da vila de Portonovo e Mariana da Silva, neta por liña materna de Alonso da Silva, tamén escribán, bisneta de Gonçalo da Silva e Benita Patiño11. Por un protocolo notarial ante Jacinto de Moraña sábese que no ano 1675 xa estaban casados. Estivera casada antes Dª Clara con Benito Díaz de Aguiar, tendo por fillos a D. Alonso, D. Bernardino, Dª Bernardina Josefa e Dª Benita Díaz de Aguiar.

Por outro protocolo ante o mesmo escribán en 1698 sábese que Bernardo Gómez e viúvo de Dª Clara e ten dela dous fillos: Juan Bernardo e Luísa Antonia Gómez.

D. Bernardo casou en segundas nupcias con Dª Benita Antonia Moraña Valladares e Caamaño en S. Xés de Padriñán. Era Dª Benita filla de Juan de Moraña, escribán, e Dª Mª de Valladares, neto paterno de Juan de Moraña o Vello, mercader, e Francisca Domínguez veciños de Sanxenxo, e, por liña materna de Alonso Dozo e Ana de Valladares. Serán moradores do lugar de Padriñán. Tiveron por fillos a:

  • Dª María Fabiana Gómez de Valladares.
  • Dª Feliciana Gómez Valladares, casada con D. Nicolás Varela de Leira tendo por fillos a : Mª Benita (bª 1726), Vicenta Antonia (bª 1727), Andrés (bª 1728), Mª Josepha (bª 1732) casada (1764) con D. Joseph de Pazos de S. Bartolomé de Pontevedra; Joachin Antonio(bª 1735) e Antonio. Testou Dª Feliciana ante Francisco Antonio Domínguez, morreu e foi sepultada o 6 de xaneiro de 1766.
  • D. Faustino Gómez de Valladares, avogado da Real Audiencia de Galicia. Casou no ano 1722 con Dª Luisa Antonia Varela Sarmiento e Soutomaior, filla de D. Luis Vázquez Varela e Dª Isabel Antonia Sarmiento e Soutomaior veciños de Sta Mª Sar en Santiago de Compostela12. Tiveron por fillos D. Faustino e Dª Luisa a Dª Mª Vicenta casada con D. Claudio Deán no 1752; Mª de la Concepción (n. 1729) e Francisca Antonia Fabiana (n. 1732) casada con D. Miguel Munilla no 1756.

Dª Benita Antonia Moraña e Valladares faleceu e foi sepultada na capela de Nosa Señora da Purificación na igrexa parroquial de S. Xés de Padriñán o 23 de novembro de 1723. Asistiron ao seu enterro 15 sacerdotes 13. Fixera testamento ante Andrés Correa.

D. Bernardo Gómez Cuervo faleceu e foi sepultado na parroquial de S. Xés o 4 de abril de 1736.

A unión dos Prego de Montaos cos Gómez de Valladares realizarase co casamento de:

D. Manuel Francisco Prego de Montaos, n.1695, afincado en Padriñán. Casou o 8 de xaneiro de 1725 con Dª María Fabiana Gómez de Valladares, tendo por fillos a:
  • Dª. Caetano Francisco Ignacio Prego de Montaos Gómez de Valladares.
  • Dª. Juana María Prego de Montaos, bautizado en S. Xés o 21 de maio de 1731, sendo o seu padriño D. Juan Antonio de Moraña. Consta o seu bautismo pero debeu morrer pronto xa que o seu pai non a menciona no testamento.
  • D. Jacobo Prego de Montaos, bautizado o 15 de abril de 1733, sendo o seu padriño D. Jacob Sarmiento de Valladares.
  • Dª Josefa Benita Prego de Montaos, quen casa con D. Joseph Rosendo Buceta Figueroa.

Dª María Gómez, faleceu e foi sepultada o 21 de xuño de 1762 asistindo ao seu enterro 14 sacerdotes. Fixo testamento ante Andrés Correa escribán de número da xurisdicción da Lanzada.

D. Manuel Prego de Montaos faleceu e foi sepultado o 6 de outubro de 1770, asistindo ao seu sepelio 21 sacerdotes. Fixo testamento ante Domingo Antonio Paadin escribán de Sanxenxo a 8 de setembro de 1770. Nel manda entre outras cousas ser sepultado dentro da igrexa parroquial de S. Xés vila de Sanxenxo nunha sepultura xunto á Capela da Nosa Señora da Purificación. Refírese aos seus fillos e filla:

fillos lexítimos a D. Ignacio, D. Jacobo e Dª Josepha Prego de Montaos e Gómez, e esta agora defunta e é constante e público que o referido D. Ignacio sendo de idade de dezasete anos ausentouse deste reino ao de México na Nova España onde se mantivo por espazo de vinte e catro anos pouco máis ou menos, en cuxo tempo ganou e superlucrou? co seu afán e industria e outros oficios nobres que obtivo como de Alcalde Maior da provincia de Thepeaca? no motivado reino de México por espazo de cinco anos e algúns meses distintas cantidades de reais das que en varias ocasións me remitiu (…) coas que fabriquei a Casa en que habitábamos a miña muller e eu e os outros dous fillo e filla e xenro o seu home e os fillos que produciron do seu matrimonio ata que se separaron da miña compaña e a do dito D. Ignacio o seu cuñado (…)

Reprocha a D. Rosendo que non o coidase e di que se tivo que ocupar de todos os gastos por non ter este oficio nin industria para axenciar cartos.

D. Caetano Francisco Ignacio Prego de Montaos Gómez de Valladares, bautizado en S. Xés de Padriñán en agosto do 1727 sendo o seu padriño o seu tío político D. Nicolás Varela de Leira.

D. Ignacio Prego de Montaos foi Alcaide Maior e Capitán de guerra en Nova España ao servizo do rei Carlos III, dedicándose igualmente ao comercio. Coa cuantiosa fortuna que fixo edificou o pazo en Padriñán, coa súa torre, tal e como consta no seu testamento e, fundou morgado. Seguramente foi a tradición popular a que comezou a coñecer o pazo como pazo do Virrei debido a esa fortuna conseguida nas Indias.

Alberto Magariños ssno “(...) a vinte e tres días do mes de xullo ano de mil setecentos setenta e oito, ante min ssno e testemuñas, sendo presente D. Ignacio Prego de Montaos Gomez de Valladares, Cuervo de Quirós, Prado, Gaioso e Mendoza Lanzós e Agulla (...) para que haxa e perpetúe memoria e que as Casas e bens non se menoscaben nin destrúan, antes ben vaian en aumento, de facer fundación e morgado (...) nomea por primeiro sucesor a D. Jacob Prego de Montaos o seu irmán, crego beneficiado no Arcebispado de ? Cidade Imperial de San Luís de Potossí no Reino do Perú (...) e o inmediato sucesor que será enseguida de el e chama por tal a D Joseph Buceta Figueroa Prego de Montaos o seu sobriño, fillo lexítimo de D. Rosendo Buceta Figueroa e Dª Josepha Prego de Montaos Gomez de Valladares irmá do otorgante agora defunta e a falta deste ou de fillos lexítimos e de lexítimo matrimonio suceda e pase a D. Santiago seu irmán segundo (...)

Teñen obriga entre outras a de vivir na Casa e levar os apelidos Prego de Montaos.

Entre os bens declarados

unha casa alta e baixa coa súa torre, portal, cociña, curral, bodegas, cortes e lagar coa súa casa, entradas e saídas e ao redor dela terreo de vinte ferrados de pan pouco máis ou menos, composto de labradío, viñedo e árbores froiteiras, co seu pombal, hórreo ou cabana e eira, todo de cal e canto que coa dita torre e máis oficinas da referida casa, fabricou o outorgante a excepción da cociña e un cuarto baixo que está pegado a ela e dito terreo de ao redor da dita casa está pechado por todas partes.

Obtivo Carta Executoria de fidalguía na Real Sala de Hijosdalgo de Valladolid a 26 de xuño de 1770, aprobada na corte de Madrid a 31 de xaneiro de 1772, en que os señores cronistas da súa Maxestade lle dan e poñen as Armas para que use delas segundo as ten na fronteira da torre da súa Casa.

Firma de Ignacio Prego de Montaos
Firma de Ignacio Prego de Montaos.

Na partida de defunción conservada no Libro do Arquivo Parroquial de S. Xes de Padriñán pódese ler:

En 21 do mes de febreiro ano de 1784 fixéronse nesta parroquial igrexa de S. Xes de Padriñán as honras fúnebres e enterro do defunto D. Ignacio Prego de Montaos que morreu no mar ao saír da Habana para Veracruz de muerte natural, que ía ser Alcaide Maior e Capitán de guerra na provincia de Freruco?. Fixo testamento ante Alberto de Magariños escribán da súa maxestade, veciño da parroquia de Sta. María de Caldas polo que deixou os seus cuantiosos bens en forma de morgado (...)

D. Joseph Rosendo Buceta Figueroa Mosquera quen como quedou dito casou con Dª Mª Josepha Benita Prego de Montaos Gómez de Valladares. A escritura de dote faise ante o escribán Andrés Correa o 15 de novembro de 1757. Nela D. Joseph Buceta Figueroa pai de D. Joseph Rosendo

prefire e da ao dito seu fillo como sucesor nos vínculos de que é actual posuidor e máis que por lexítimo lle corresponden…

Por razón de alimentos cédelle certos bens en András e Tremoedo e a cuarta parte da presentación do beneficio de S. Lourenzo de András. D. Manuel Prego da en dote quince mil reais de vellón. A parella ten obriga de residir en Padriñán a menos que volva de México o seu fillo D. Ignacio.

Sábese de cinco fillos deste matrimonio:

  • Joseph Francisco Vicente Buceta e Prego, bautizado en S. Xés de Padriñán o 24 de outubro de 1758, o primoxénito, debeu falecer solteiro, sen descendencia, xa que como reseñaremos máis adiante será o seu irmán o que herde o morgado do seu tío.
  • Santiago Buceta Figueroa e Prego de Montaos que segue a liña.
  • Dona Josepha Ignacia Vicenta Buceta e Prego casou no ano 1.781 con D. Manuel de Prado e Lanzós fillo de D. Juan Andrés de Prado e dona María Benita Varela e Gómez veciños de S. Cibrán de Cálago (Vilanova de Arousa).
  • Francisco (n. 1.768) bautizado en S. Pedro de Lantaño sendo os seus padriños D. Joseph B. De Silva e Taboada e a súa muller dona Francisca de Losada e Navia.
  • Dona Juana María Buceta e Prego nada e bautizada en S. Pedro de Lantaño no ano 1769 sendo os seus padriños D. Joseph B. De Silva e Taboada e a súa muller dona Francisca de Losada e Navia. Casou o 17 de setembro de 1.812 con D. Pedro Fontenla e Barros viúvo de Dona María Antonia Barros veciño de Sta. Mª de Muimenta, fillo de D. Juan Antonio Fontenla e dona Juliana de Barros veciños de S. Cristóbal de Couso. Tivo este matrimonio por filla a dona María Dolores del Carmen Barros Buceta (n.1.815) quen casará o 2 de novembro de 1.834 con D. Rosendo Torres y Fernández fillo de D. Juan Torres e Dona Rosa Fernández e Abal veciños de Sta. Cruz de Castrelos, residindo o matrimonio en Lantaño. Dúas fillas deste matrimonio Mª da Anunciación (n.1836) e Mª del Carmen (1.844-1.845) son os últimos nacementos na familia da Casa da Toma que se constatan nos libros parroquiais de Lantaño. Casará Dª Mª Anunciación con D. Andrés Botana en Sta. Baia de Dena.

O 9 de outubro de 1790, D. Joseph Rosendo Buceta, viúvo de Dª Josefa B. Prego de Montaos casa en S. Xés de Padriñán con Dª Antonia Correa, filla de D. Andrés Miguel Correa e de Dª Isabel de Aguiar 14, neta por liña paterna de D. Pedro González Correa e Dª Rosa de Torres, e por liña materna de D. Alonso Diaz de Aguiar e Dª Pasqua Garcia de Torres.

Dª Antonia Correa faleceu e foi sepultada o 15 de decembro de 1810 na igrexa de S. Xés de Padriñán.

D. Rosendo sabemos por un protocolo de 1822 que aínda vive.

D. Santiago Buceta Figueroa Prego de Montaos casou con Dª Teresa Munilla, veciña de S. Clemente de Sisán onde residirán uns anos ata que se trasladan a S. Xes de Padriñán. Por un protocolo notarial ante Joaquín Antonio Romero con data 22 de xuño de 1798 sabemos que D. Santiago xa é sucesor no vínculo fundado polo seu tío D. Ignacio Prego de Montaos Gómez de Valladares en S. Xes de Padriñán. Uniranse así á morte do seu pai D. Rosendo a Casa da Toma e o Pazo do Virrei.

Firma de Santiago Buceta Figueroa Prego de Montaos
Firma de Santiago Buceta Figueroa Prego de Montaos.

Tiveron por fillos D. Santiago e Dª Teresa a:

  • Dª Josefa, falecida solteira.
  • D. Ramón, falecido solteiro o 26 de febreiro de 1835.
  • D. José Mª que segue a liña.
  • Dª Joaquina casada no ano 1825 con D. Salvador Vilavedra (fº 1853) sen descendencia.
  • Dª Carmen, falecida solteira.
  • Dª Joaquina, xa viúva, e Dª Carmen testan a primeira o 23 de abril de 1882 e a segunda o 26 do mesmo mes deixándose usufrutuarias unha á outra, e á morte da derradeira deixan como herdeira á súa sobriña Dª Manuela. Serán veciñas de Padriñán.

  • Dª Gertrudis casada con D. Domingo Obejero o 24 de febreiro de 1825. Aínda que tiveron varios fillos ningún sobreviviu aos seu pais. Faleceu D. Domingo no ano 1863 e Dª Gertrudis antes que el deixando por herdeiros aos seus sobriños D. Dogracias e Dª Manuela.
  • D. Joaquín, presbítero. A través do Libro de Fundacións de S. Pedro de Lantaño sabemos que D. Joaquín Buceta como apoderado de seu pai D. Santiago pagou a cantidade de cincocentos trinta reais producción dos bens existentes que debe da Fundación da Capela da Toma- os tres últimos anos do 1.847 ata o 1.849. Faleceu D. Joaquín e foi sepultado o 19 de marzo de 1856.

Faleceu Dª Teresa Munilla e foi sepultada o 4 de xullo de 1827 nunha sepultura da capela maior da igrexa de S. Xés de Padrián asistindo ao seu sepelio 12 sacerdotes. Ofrecéronse pola súa ánima 162 misas rezadas. Fixo testamento ante D. Miguel Limeses escribán da xurisdición da Lanzada.

Fixo D. Santiago testamento ante Jacobo de Pazos escribán o 24 de abril de 1842. Como dato curioso sinala nel que:

os mobles existentes nesta miña casa de Padriñán e na de Lantaño son meus propios, os uns pola crecida partida de cartos entregada ao gobernador a conta segundo consta na documentación que obra no meu poder, os outros adquiridos das miñas irmás e herdados das miñas defuntas tías da referida de Lantaño, os que ao meu óbito se vendan en pública almoneda.

Na partida de defunción conservada no arquivo parroquial de S. Xés pódese ler:

D. Santiago Buceta o 24 de xaneiro de 1852, maior de 86 anos, morreu de accidente. Deixou disposto que ao seu enterro asistisen todos os cregos que se puidesen xuntar e xuntáronse 37; pola súa anima aplicáronse 300 misas rezadas con máis un novenario de 8 sacerdotes.

As partillas da súa herdanza fixéronse o 31 de maio dese mesmo ano. Nelas sinálanse os vínculos e morgados de que gozaba D. Santiago: o fundado por D. Ignacio Prego de Montaos, o instituído por D. Albaro Boceta, outro por Dª Isabel González e Cea (?) e por último o fundado por D. Pedro Padín reitor que foi de S. Pedro de Vilalonga. Sinálase que a metade dos bens en que consisten corresponden ao primoxénito chamado polos fundadores D. José María Buceta. Así correspóndenlle a el entre outros bens a Casa de Padriñán coa granxa anexa; a Casa da Toma coa granxa; varias casas na Rúa Vella de Caldas entre as que destaca a Casa grande e horta na mesma rúa e o morgado fundado por D. Pedro Padín, do que cobra renda de D. Javier de Mugartegui de Noalla (Pazo de Quintáns) 15.

D. José María Buceta Munilla casou con Dª Benita Barbeito Deán e Moure o 6 de maio de 1822. Era Dª Benita filla de D. Francisco Barbeito de Aguiar e Dª Josepha Deán, neta por liña materna de D. Claudio Deán e Moure e Dª Mª Vicenta Gómez de Valladares, bisneta por liña materna de Dª Mª Luisa Varela Sarmiento e Soutomaior e D. Faustino Gómez de Valladares, e, por liña paterna de Dª Petronila Varela Sarmiento e Soutomaior.

Será Dª Benita sucesora nos vínculos e morgados do seu tío D. Juan Deán e Moure que inclúe diversos bens en Corvillón, Sta. Cruz de Castrelos... e outros na xurisdición de Betanzos.

Residirán gran parte da súa vida na vila de Cambados. Tiveron por fillos D. José María e Dª Benita a:

  • Dª Mª das Mercedes Buceta, bautizada en S. Xés o 14 de febreiro de 1823, sendo os seus padriños o seu avó D. Santiago e a súa tía Dª Gertrudis. Faleceu no ano 1828.
  • Dª Claudia Buceta, bautizada en S. Xés o 21 de maio de 1825.
  • D. Ignacio Buceta (1827-1831).
  • Dª Mª Trinidad (1829-1835).
  • Dª Mª Manuela Buceta Barbeito, bautizada en S. Xés de Padriñán o 9 de xuño de 1831. Casou con D. Joaquín Peña San Pedro e terán por fillos entre outros a Dª Carmen Peña Buceta. O 30 de xullo de 1893 Dª Manuela, viúva, dá consello favorable á súa filla para o seu casamento con D. Cástor Varela, médico cirurxián veciño de S. Fiz de Lois.
  • D. Deogracias Buceta Barbeito que segue a liña.

D. Deogracias Buceta Barbeito, foi bautizado en S. Xés de Padriñán o 7 de abril de 1833 sendo o seu padriño o seu avó D. Santiago Buceta. Casou e residiu en S. Adrián de Vilariño (Cambados) e xa no ano 1893 dise veciño de Padriñán.

  1. Nun manuscrito asinado por D. Joseph Losada de Nabia Señor da Casa de Outeiro a 14 de novembro de 1738 no que menciona a súa xenealoxía titúlao Garcías e Bocettas primeiros poboadores de Lantaño. Garcías no lugar de Outeiro, Bocettas no do Rial e Casal. Nel tamén especifica Polo tronco dos Bocettas (antiguamente Macettas) oriundos de Viscaia, obtiveron antiguamente executoria de nobleza… [volver]
  2. Constátanse foros a Gonzalo Boceta do Rial dende 1557 (Rentas mosteiro de Armenteira.-AHN) [volver]
  3. Gonzalo Boceta do Rial escudeiro aparece como testigo no testamento de Paio Gómez de Soutomaior 23/febreiro/1.454 . [volver]
  4. Esto constátase tamén polo expediente de D. Diego Vázquez Buceta Figueroa para o seu ingreso na orden de Carlos III (1816). Baseándose nas declaración para a información de nobleza de D. Pedro Bonifacio Buceta Figueroa (1772) fan referencia aos seus antergos do Pazo do Rial. [volver]
  5. Apeos de Juan de Gayoso. Mosteiro de Armenteira AHN. …lévaas Alvaro Boceta crego e están vinculadas como patrón da Capela de Nosa Sra. Da O. Á marxe lese Este apeo ata aquí xulgo é o da Granxa da Toma. [volver]
  6. AHPP (Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra) [volver]
  7. Expediente no Arquivo Histórico Nacional. [volver]
  8. Escritura de transación e concordia entre Francisca García, Pedro Boceta o seu fillo e Diego Boceta de Figueroa escribán 14/xuño/1693. AHPO. [volver]
  9. Por un protocolo notarial de 1822 ante Antonio Francisco Barreiro e Bolaño, sabemos que era irmá de D. Diego González Lemos e Puga veciño de Quireza, arcebispado de Santiago, casado con Dª Jacinta de Ogando. [volver]
  10. Según os datos aportados pola información dada para a súa aprobación do oficio de escribán no ano 1678. [volver]
  11. ...Alonso da Silva escribán da súa maxestade, pai lexítimo da dita Mariana da Silva, nai de dona Clara Fernández da Silva, do que dito Alonso da Silva quedaran moitos bens mobles e raíces por herdanza de GonÇalo da Silva e Benita Patiño os seus pais defuntos nas freguesías de S. Cristovo de Couso e na de Sta. María de Cequeril e no lugar que se di da Laceira? e outros máis.... Poder de Dª Clara Fernández da Silva so seu home pola herdanza do seu avó e outros. 16 de febreiro de 1677. Perez de Torres escribán de Vilanova de Arousa. Foron pais de D. Francisco J. Barbeito de Aguiar (1759-1812) quen casou coa súa parente Dª Josepha Deán, filla de D. Claudio Deán e Moure e Dª Mª Vicenta Gómez Valladares, sendo pais de Dª Benita Barbeito Deán. [volver]
  12. D. Luis Vázquez Varela e Dª Isabel Antonia Sarmiento foron pais entre outros de:
    1. Dª Luisa Antonia.
    2. D. Francisco J., reitor de S. Xenxo de Padriñán dende 1700 ata 1730.
    3. Dª Petronila Varela Sarmiento, quen casou con D. Bernardino de Díaz de Aguiar no ano 1704. D. Bernardino era fillo de D. Benito Pérez de Aguiar e Dª Clara Fernández de Silva, veciños de Padriñán. Tiñeron por fillos entre outros Dª Petronila e D. Bernardino a:
      1. Dª Francisca Díaz de Aguiar quen casou con D. José Barbeito e Saco, fillo de D. Miguel Fernández Barbeito e Dª Mª Manuela Saco de Quiroga, veciños de Vilanova de Arousa. Foron pais de D. Francisco J. Barbeito de Aguiar (1759-1812) quen casou coa súa parente Dª Josepha Deán, filla de D. Claudio Deán e Moure e Dª Mª Vicenta Gómez Valladares, sendo pais de Dª Benita Barbeito Deán.
    4. -D. Antonio Varela Sarmiento e Soutomaior casado no ano 1724 con Dª Isabel María de Castro e Mosquera filla de D. Francisco de Castro e Dª Antonia Mosquera de Sta. Mª do Sar en Santiago de Compostela. D. Antonio exerceu de escribán de número da súa maxestade e recetor? Da Real Audiencia. Consérvanse os seu protocolos no Archivo histórico da Universidade de Santiago (1722-1741)
    [volver]
  13. Arquivo parroquial de Sanxenxo. [volver]
  14. Na partida de matrimonio lese: D. Josef Rosendo Buceta, viúvo de Dª Josefa Benita Prego, veciño que foi de S. Pedro de Lantaño e actualmente o é da de Sta. Mª de Caldas, con Dª Antonia Correa, filla de D. Miguel Correa, difunto, e Dª Isabel de Aguiar veciños de Padriñán. Foron testemuñas D. Jacob Prego, D. José Pérez e D. Francisco Barbeito. [volver]
  15. …polo Morgado fundado por D. Pedro Padín, cura que foi de Vilalonga con chamamento en D. José Manuel Valladares debe percibir anualmente 21 ferrados de mediado, un ferrado dúas cuncas e dous quintos de outro de trigo e por contad esa renda debe pagar o D. José Mª Buceta oito reais e 14 maravedís en cartos por razón de misas de fundación á Igrexa de Noalla… Aprobación das partillas da fincabilidad de D. Santiago Buceta entre os seus herdeiros. Jacobo de Pazos escribán. AHPPO. [volver]