No artigo “Casas fidalgas de Forcarei I” falábase de Alonso Ogando Teixeiro Barros e Alemparte, que casou en segundas nupcias con Antonia Docampo, así como do seu curmán segundo Andrés Ogando (fillo do cura de Cerdedo don Francisco Ogando Ribera),que casou con Fabiana Docampo, irmá de Antonia. Sobre as orixes da familia Docampo/Ocampo sabemos o seguinte:

A finais do XVI e principios do XVII vivía en Santa Mariña de Castrelos o escribán Domingo do Campo Magán e Juana Gulías, da casa de Lerce (que en 1662 se valorou en máis de 3.000 ducados) e donos de bens en Baladelo e Framil. O matrimonio fixo testamento conxunto o 3 de setembro de 1644, pouco antes de morrer Domingo, na que se di:

Lerce e ao fondo Forcarei
Lerce e ao fondo Forcarei

y mandamos que se ofrendan por nuestros cuerpos por cada uno una hanega de centeno y por cada uno una carga de vino del nuevo porque el viejo es caro” “y que el día de nuestro entierro y honras se dee de comer y beber a los pobres que se allaren, de las personas de porte se les dé aparte y les traten bien.

Tiveron varios fillos:

  1. Pedro do Campo, cura de santa María de Tomonde (Cerdedo), quen deixou a herdanza á súa irmá Isabel.
  2. O bacharel Agustín do Campo que casou con Francisca de Soto, de Pazos de Arenteiro (Boborás), viúva e filla de Francisco González de Soto e de María Rodríguez Falcón. Morreu moi novo o 6 de febreiro de 1648, deixando orfos a dous fillos moi pequenos xa que Lorenzo do Campo (que segue) tiña 18 meses e Ángela 6 meses.
  3. Susana do Campo casada co escribán da xurisdición de Montes D. Andrés Casal Vaamonde, fillo de Pedro Casal de Moncada, veciño de Arzúa. Vivían en Castrelos. Foron pais de:
    1. Pedro, misioneiro franciscano en Arabia,
    2. Andrés, presbítero,morreu en 1738.
    3. María que casou Antonio Darriba, e foron os pais de Feliciana que casou con Gonzalo Arén. Foron pais de :
      • Jerónima Arén.
      • Bernarda, que casou con Juan Seoane.
    4. Eufemia Vaamonde, que casou co escribán Manuel Barreiro Paz. Pais de Jacinta Manuela (Barreiro) Baamonde, que casou o 27 de decembro de 1725 co escribán Pedro Casal Vaamonde, fillo de Andrés Casal Vaamonde e de María Martínez González de Villar, veciños de Arzúa. A cerimonia nupcial levouna a cabo Andrés Casal, cura de Manduas e unha das testemuñas era Gonzalo Arén, veciño de Parada. Pedro Casal outorgou testamento o 4 de marzo de 1762 ante Antonio Canaval veciño de Dúasigrexas, no que mellora a Mª Antonia e a Mª Ignacia xa que Mª Francisca foi elixida para levar o morgado fundado por Andrés Casal e Susana Docampo. Por iso pide que os seus bens xunto cos dados como dote se leven a montón para facer as partillas entre os irmáns. Eran bens capitais del unha casa e lugar en As Barrosas (Arzúa) que tiña arrendado por 11 fanegas de centeo e 2 de millo, e tiña adquirido durante o matrimonio unha renda de 22 ferrados de centeo, que pide leve a súa muller mentres vivise, pois eran gananciais. Tiveron por fillos a:
      • Pedro Ramón, bautizado o 3 de agosto de 1727 tendo por padriños a Gonzalo Arén Losada e Feliciana Riva, veciños de Folgoso. Foi presbítero e capelán de Castrelo.
      • María Antonia, bautizada o 12 de xuño de 1731, casou con Fernando das Penas, veciños de Sta. Mª Magdalena de Montes. Foi dotada cunha “cama de roupa”, dúas vacas coas súas crías, oito ovellas, e unha arca nova de seis ferrados.
      • Mª Ignacia, bautizada o 27 de outubro de 1735, casou con Gregorio Pérez, veciños de Barciela (Castrelo) onde ela vendía viño polo miúdo. Foi dotada con dúas vacas, roupa de cama e unha arca de seis ferrados.
      • Mª Francisca Barreiro e Casal Vaamonde. Casou o 28 de xaneiro de 1760 co escribán Francisco Arén, pasando a vivir á casa de Lerce. Entón Antonio Casal delegou en Francisco para rexer a casa, de aí que Francisco que ademais de escribán trataba en viño e en gando, levou para a súa nova casa, viño, leitóns, carne, sal e pagaba aos xornaleiros, pedreiros e demais criados de seu propio peto. Tivo un fillo o 28 de febreiro de 1761 chamado José, que foi aleitado ata o 19 de marzo do ano seguinte por Josefa Pérez, a muller de Antonio Pichel, veciños de Lerce, e atendido por Ignacia Rigueira. Mª Francisca faleceu o 5 de maio de 1761 estando enferma desde o parto. Foi atendida por dous médicos, un de Santiago e outro do Ribeiro, e coidada alimentariamente con manteiga, galiñas, carneiro, biscoitos e chocolate.Francisco Arén viúvo reclamou á súa sogra o vínculo fundado por Andrés Casal e Susana Ocampo e non quería facer as partillas que seus cuñados reclamaron o 9 de xuño de 1763 pois pedía que se lle devolvese todo o que el aportara á casa de Lerce e quedou alí cando trala morte da súa muller tornou para a casa de Liñares.Francisco Arén era irmán de Pedro Arén que estaba no Arsenal de A Graña (Ferrol).
  4. María do Campo que casou co escribán Domingo Núñez de Cardecid, natural de Cuntis, que tiveron a María Núñez, quen casou co escribán de Cerdedo Gabriel de Gosende1, -primo de Alonso Gosende, bisavó de Frei Martín Sarmiento- e a Jacobo Núñez escribán e veciño de San Miguel de Cora (A Estrada), que casou con Isabel Núñez Varela de Vaamonde, sendo donos da “casa de Barcia” en Cora.
  5. Juana do Campo, que casou en 1627 con Martín Varela de Piñeiro, escribán e veciño de San Xiao de Guimarei, fillo de Martín Varela e de Elvira de Castro, veciña de San Estevo de Largantóns e neto por liña materna de Diego de Castro e Gracia Rodríguez.
  6. Isabel do Campo, que casou con Juan Rodríguez Casal de Leira, escribán, sendo os fundadores do pazo de Os Muros en Parada (A Estrada).
  7. Catalina do Campo, casou co escribán Pedro Gómez, fillo de Juan Gómez Arias de Ventosa, escribán da xurisdición de Montes, e de Inés Sieira Taboada y Gundín. Foron pais de Dominga que casou primeiro con Pablo Fernández tendo varios fillos, como José, presbítero, e logo casou con Antonio Castro Villamoure, escribán en Castrelos, tendo a Alonso, Francisca (que casou con Francisco Gil) e Andrés Castro. Logo Pedro Gómez de viúvo voltou a casar e tivo cinco fillos, entre eles o tamén escribán Francisco Gómez Gundín -de quen se falará na próxima entrega pois a súa filla Jacinta enlaza cos Cadavid-. A Catalina non se cita no testamento do seus pais.
Defuncion de Antonia de Ocampo e Soto
Defunción de Antonia de Ocampo e Soto

Lorenzo Ocampo Soto (ou Magán), nacido en agosto de 1646 casou en Pazos de Arenteiro o 29 de xullo de 1667 con María Da Riba Ribera, filla da xa citada Isabel Ribera. Lourenzo morreu en Pazos de Arenteiro o 11 de xullo de 1726. Foron pais de:

  1. Antonia Ocampo Soto, que casouo 16 de xuño de 1697 con Alonso Ogando Teixeiro Barros e Alemparte, foi sepultada o 18 de setembro de 1702 na capela familiar de Pardesoa.
  2. Fabiana Ocampo Soto, que casou con Andrés Ogando.
  3. Jacinta Ocampo Soto, que casou con Antonio González, veciños de Lebosende, e que tiveron a Gregoria e a Francisco González, que foi cura.
  4. Josefa Ocampo Soto, que casou 10 de febreiro de 1716 con Bernardo Varela Recimil. Deixou a súa herdanza a súa irmá Jacinta.
  5. Isabel Ocampo Soto veciña de Padrón, que tivo sendo solteira a unha filla chamada Mª Benita Pardo, que casou con Juan Moredo.
  6. Gregoria Ocampo Soto. Morreu solteira o 10 de outubro de 1720.
  7. Joaquín Ocampo Soto.

Cando morreu Lourenzo fíxose a partilla dos seus bens entre os seus fillos. Ao parecer non se convocou a Alonso Ogando, o viúvo de Antonia, polo que en 1751 foron chamados a un preito tódolos fillos ou descendentes de Lourenzo para facer un novo reparto a instancias de Baltasar Ogando Teixeiro, un dos fillos de Alonso Ogando.

  1. Foi bautizado en Cerdedo o 6 de decembre de 1666, fillo do tamén escribán Juan Gosende e de María Benita de Castro, veciña de Padrón, e neto por liña paterna de Juan Gosende e María Rascada, fundadores do pazo de Raposeira (Cerdedo), que Gabriel en 1673 recuperou. Un descendente de Gosende foi o P. Frei Martín Sarmiento. [back]