A casa de Senra está relacionada con moitas das casas fidalgas da terra Tabeirós-Montes. María Antonia de Cortés Varela e Bouchas orixinaria desta casa casou na parroquia de Stª Mª Magdalena de Montes o 28 de setembro de 1772 con Manuel Francisco Ogando Ribera (cfr. Casas fidalgas do concello de Forcarei I). Grazas a documentación particular (sobre as tres primeiras xeracións) e do Arquivo do Reino de Galicia podemos ofrecer a súa xenealoxía, aínda que os libros parroquiais máis antigos de Escuadro desapareceron.

Árbore xenealóxica de A Senra - Escuadro
Árbore xenealóxica de A Senra - Escuadro

O pazo ou casa da Senra ten as súas orixes en Fernando de Senra e a súa muller Marquesa de Senra. Os seus fillos foron:

  1. Juan Fernández da Senra, clérigo, a quen se le imputaron los gastos de estudios.
  2. Agustín Fernández da Senra, reitor de Moalde e Escuadro.
  3. Pedro Fernández da Senra.
  4. MaríaFernández da Senra, que casou con Alvaro de Outeiro.
  5. Jácome Fernández da Senra, que foi mellorado con terzo e quinto.
  6. Marcos (que segue).
  7. Catalina Fernández da Senra, que casou con Afonso de Márquez.
  8. Margarita Fernández da Senra, casada con Juan de Negreiros, escribán.
  9. Teresa, casada con Gregorio do Outeiro.
  10. Inés de Cumbraos, casada con Daniel Núñez.
  11. Catalina, casada con Pedro González de Filgueiras, en Deza.

Marcos Fernández, que foi mellorado cun terzo, casou con Juana Fernández de la Iglesia. Foron pais de:

  1. Pedro Fernández da Senra (que segue)
  2. María Fernández, casada con Sebastián Constela. Tiveron por fillos a Juan (licenciado), Andrés, María, Francisca e Margarita.
  3. Magdalena Fernández, casada con Jerónimo Sabrino, de Fiestras.
  4. Catalina Fernández, casada con Jerónimo Souto, de Lamela.
  5. Inés, casada a trueque -xunto co seu irmán Pedro- con Juan Fernández de la Iglesia.
  6. José Fernández, casado con Justa García.
  7. Juan Fernández, casado, tivo por fillo a Andrés.
  8. Agustín Fernández, cura de Moalde.

Pedro Fernández da Senra, familiar do Santo Oficio, estivo casado con Catalina Fernández de la Iglesia (cfr. Ferro, L.-Bértolo, J.M., A casa de Silva. Arnois. Rev. Anuario Brigantino, 2013). Tiveron tres fillas:

  1. Magdalena Fernández de Senra, que foi dotada con 1.300 ducados e casou con Andrés do Porto Durán. Vivían en Tabeirós e foron pais de Daniel de Miranda.
  2. Josefa, que tamén foi dotada con 1.300 ducados e casou, en primeiro lugar, con Manuel Prado, veciño de Gres, sendo pais de Andrés Mariño de Prados, que fixo unha fundación. Logo casou con Marcos Fernández de Neira, da que tamén quedou viúva. Mediante testamento deixou como herdeiro a seu sobriño Pedro Cortes.
  3. Catalina Fernández de Senra (que segue)

Catalina Fernández de Senra que casou con Lope de Cortes, avogado da Real Audiencia, fillo de Bernardo de Cortes, veciño de Cortes (Curantes), e de Inés López de Cervela, que vivían en San Breixo de Lamas, se ben ela, que foi dotada ante Juan de Muradás o 20 de xuño de 1644, era natural de San Miguel de Alvarellos, pois era filla do escribán de S.M. don Alonso López Cervela e da súa segunda esposa María Pérez (ARG. 4113/23).

Lope de Cortes, irmán de Francisco que se ordenou de prima e graos en 1681, herdou uns bens en Eiravedra, Paraíso e Salón (en Ribeiro de Avia) do seu tío Diego López Cervela, familiar do Santo Oficio, pois se ben este casou con María Portoavales, non tivo descendencia e morreu en 1674 sen testamento.

Lope e Catalina eran veciños de Escuadro onde fixeron testamento o 19 de marzo de 1713 ante Andrés Arias e Somoza facendo mellora e vínculo de terzo e quinto dos seus bens no seu fillo primoxénito o bacharel Pedro. Foron pais de:

  1. María Cortes, nacida sobre 1677 e que quedou solteira por propia vontade.
  2. Juan Antonio Cortes Fernández, reitor de Santiago de Taboada e anexo. Xunto coa súa irmá María, que estaba solteira, agregaron os seus bens ao vínculo feito polos seus pais mediante escritura feita o 10 de agosto de 1717 ante Andrés Arias. En 1715 reclamou para a súa parroquia os bens que deixou o cura de San Martiño de Vilar don Gabriel Carballo pois no seu testamento de 1615 deixou como herdeiros a seus fillos Gabriel e María, pero que se non tiñan descendencia debía pasar a herdanza á parroquia de Taboada (ARG.16761/44).
  3. Rosa Cortes Fernández, que casou con Antonio Gil Taboada, señor da casa de Carballeda, sendo pais de Cayetano (sen sucesión), Gregorio, Rosa e María, quen casada con Fulano Sánchez, herdou a casa de Carballeda.
  4. Ignacia Cortes Fernández, que foi dotada polos seus pais o 12 de xaneiro de 1700 ante o escribán Bernardo García Taboada, e casou con Jacobo (ou Santiago) Paseiro de Vila e Miranda, viúvo e veciño de Callobre que tiña unha filla chamada Justa. Tiveron polo menos a Juan Ambrosio Paseiro Cortes, clérigo, a Ana María que casou con Juan González, a Alberte, e a Bartolomé. Tiñan unha casa en Sobrado. Trala morte dos pais de Ignacia chegou a un acordo (16-1-1715 ante Bernardo García Taboada) con Pedro e demais irmáns de quedar con todas as rendas que percibiran de dote sen necesidade de agregalas ao lote para facer as partillas. Logo venderon o 22 de novembro de 1725 esas rendas situadas en Curantes, San Breixo de Lamas e Pardemarín ao cóengo Pablo Valladares Somoza (Cfr. pazo da Nugalla).
  5. Juana Cortes Fernández, que casou con Bartolomé Giménez (que de viúvo se fixo cura), e foron pais de tres fillas: Mª Rafaela, que casou con Baltasar Martínez de Rozas, Teresa e Ana, que casou con Juan B. Pecul.
  6. Andrea Cortes Fernández, que morreu solteira.
  7. Pedro Andrés Cortes Fernández (que segue)

Pedro Andrés Cortes Fernández, que foi bautizado o 16 de xaneiro de 1692, sendo seus padriños Andrés de Espinosa e Catalina Varela, veciños de Santa María de Castro. Herdou o vinculo e morgado da casa de A Senra. A súa esposa foi Andrea Varela Taboada Leboso, filla de Francisco Varela Taboada, irmán do cura de Escuadro D. Antonio (que tivo unha filla de Jacinta Comeiro), e de Francisca Leboso, que tamén tiña un irmán cura chamado Agustín. Andrea tiña cinco irmáns: Antonio, que foi escribán de Trasdeza e veciño de Lama na freguesía de Rellas onde tiña un pazo, Juan, que foi cura, Francisco, Isabel e Rosa, nai de varios fillos.

Pedro Cortes e Andrea Varela Taboada casaron en 1715, tendo sido dotada ante o escribán Bernardo García Taboada polo seu tío Antonio, que morreu ensetembro de 1715, con todos os seus bens, que tiña na zona de Chapa e tamén no Ribeiro.

Pedro morreu en maio de 1765. Tiveron varios fillos e fillas:

  1. José Cortes Varela Taboada, o primoxénito e por tanto herdeiro, era visitador de rendas xerais e provinciais de Andalucía e partido de Málaga. Comezou un preito (ARG.11184/39) reclamando a súa herdanza vincular, que en parte seu pai vendera e da que en parte algúns dos seus irmáns se apoderaran. Morreu solteiro entre 1766-1767.
  2. Juan Antonio Cortes, naceu sobre 1729 e foi cura e veciño de Escuadro.
  3. Josefa Cortes, que foi dotada o 15 de xaneiro de 1737 polos seus pais con 1.000 ducados para casar con José Vaamonde Montenegro, de Codeseda, fillo primoxénito de Domingo Vázquez Vaamonde e de Ana Mª Vallejo e Castro e Montenegro, que fixeron mellora e vínculo en seu favor o 5 de abril de 1728. Ana Mª Vallejo era filla de Pedro Vallejo de Castro e de María Díaz Solís Montenegro.
  4. Luisa, que casou en Codeseda, co primo do seu cuñado José, Enrique Vaamonde, sendo pais de Ana María, nacida o día 2 de marzo de 1759 e que casou con Ramón Ballesteros Villar en Codeseda o día 30 de agosto de 1778, de quen tivo tres fillos, e xa viúva volveu a casar co Licenciado D. Xulián Francisco Seoane, do que non tivo descendencia.
  5. Benito Cortes Varela Taboada (que segue).
  6. Carlos, era garda de corps da Compañía Italiana. Tivo unha filla sobre 1770 da súa sobriña Antonia á que puxeron por nome Josefa Cortes e que o 28 de xuño de 1792 casou en Soutelo de Montes.
  7. Luis Cortes Varela Taboada, nacido sobre 1730 e veciño de A Cubela (Escuadro). En 1757 Carlos e Luis a causa de certos delitos estiveron na cadea de A Coruña durante seis meses, nos que foron atendidos polo capitán de infantería Pedro Francisco de Losada a rogos da súa nai Andrea, quen prometeu pagar os gastos (ARG. 4094/29). En 1770 era xuíz da xurisdición de Deza e logo foino en Soutelo de Montes onde exercía en 1784 (ARG 186/19) e por último en Cuntis, onde fixo testamento o 31 de outubro de 1789, sendo testemuña entre outros Caetano Antonio Taboada Ulloa, veciño de Manduas, e foi enterrado 20 días despois na igrexa de Cuntis.
  8. O seu tío materno Juan Varela Taboada, cura e veciño de Rellas, fíxolle foro da casa e lugar de A Cubela en 1772, e que logo o seu herdeiro e sobriño Antonio Varela Taboada, que nacera en Santiago o 16 de abril de 1751, ratificou en 1774.

    Luis tivo fillos de varias mulleres, de María Fernández a Teresa e a Leocadia, de Dominga López tivo a Ramón e de Manuela Vilariño tivo a Antonio. Recoñeceunos como fillos no testamento deixándolles a María Fernández unha casa en A Senra, unha becerra e roupa branca, a seu fillo Ramón a casa de A Cubela, á súa irmá Teresa unha arca que tiña na casa de A Cubela, a seu sobriño Manuel Ogando o seu mellor vestido e ao fillo de Manuel, chamado tamén Manuel Ogando a súa escopeta e algunhas prendas de roupa.

    Luis tamén tivo de Antonia Fernández a Teresa, nacida en abril de 1771 e que á súa vez tamén tivo tres fillos de pai descoñecido. Aínda que non aparece recoñecida como filla no testamento, si o foi nos libros da parroquia. A Antonia acusárona de quedarse con diversos bens de Luis, sobre todo con diñeiro en metálico.

  9. Andrés Cortes. En 1771 no sabían del desde había dous anos.
  10. Teresa Cortes, que xunto con Andrés foi acusada de intrusa polo seu irmán José, pois vivían na casa de A Senra.
  11. Vicente Cortes Varela, que marchara ás Indias sobre 1754 e en 1770 no tiñan noticias súas.

Benito Cortés Varela Taboada foi o dono da casa de A Senra, sita na freguesía de Escuadro, ao suceder a seu irmán José. O 12 de febreiro de 1772 tomou posesión de dita casa

que se compón de tres pezas incluído o cuarto que chaman da torre, excepto este as dúas áchanse tan arruinadas que apenas se pode andar por elas especialmente pola do medio sen risco de caerse no chan como o demostran as súas paredes posteadas, co seu oratorio á parte de poñente, cociña e adega e dúas cortes de cabalos, unha corte para gando e un pallar na aira todo elo bastantemente arruinado polo cal dita casa e as súas oficinas e peza que está pegada a ela nomeado de eira vella, na que non se acha, pombal algún e si o muíño sen uso, comprendido na partida segunda e terceira, fíxenlle andar e pasear, abrir e cerrar as súas portas como as do hórreo que se acha preto dela e entregueille pedra, barro, tella e madeira e folla de centeo e trigo, de que parte da peza está sementado, din a dito don Bieito a posesión dun e outro.

Benito nacera sobre 1723, e de rapaz estudou gramática en Santiago durante seis anos. Aos 16 foise para Castela e Andalucía onde estivo ao servizo de S.M. ata 1767-69, pois ao morrer seu irmán maior sucedeulle no morgado e veuse a Soutelo de Montes onde foi o administrador de tabacos. Continuou o preito iniciado polo seu irmán José ata que en 1771 saíu a seu favor. Vivía en Soutelo en 1790.

Casado con María Bouchas foi pai polo menos de María Antonia de Cortes e Bouchas1 (obxecto desta xenealoxía) e de Teresa, solteira, que morreu o 18 de xullo de 1815 tendo testado a favor do seu sobriño Manuel Ogando Cortés.

  1. Cando Rodríguez Fraíz fala de Cristóbal de Soto Cortés y Buncharde, baséase nunha árbore xenealóxica da familia na que pon de onde era natural cada personaxe, e nun caso pon: Bouchas de...., sen completar, por non saber de onde provén o apelido Bouchas. Fai, pois, unha lectura errónea ademais de situalo mal temporalmente. [volver]