Do Imperio Romano á Alta Idade Media Título: Do Imperio Romano á Alta Idade Media.
Autor: Álvaro Rodríguez Resino
Publicación: Editorial Toxosoutos.
Fecha: 2005.
Páxinas: 216 p.
ISBN: 84-96529-45-5 Extracto do comentario de Jorge Guitián en Culturagalega.org:
"Primeiro premio Historia Medieval de Galicia 2004- é unha síntese de todos os traballos arqueolóxicos que se fixeron en Galicia ata agora arredor dunha fase tradicionalmente "escura" e pouco estudada, a que engloba dende os momentos finais do Imperio Romano ata o agromar da Alta Idade Media, pasando polos Reinos Xermánicos, e que na bibliografía científica actual é nomeada como Tardoantigüidade. Pero este traballo non é só unha síntese, senón que tamén presenta unha nova análise do rexistro arqueolóxico destas épocas.

[...]

Partindo destes datos Rodríguez Resino esboza unha estrutura social e urbana que, con orixes na tradición tardorromana, vai evolucionando a través da acción dos elementos xermánicos chegados coas sucesivas vagas que se asentan no territorio e acaba por conformar un sistema de inserción no territorio baseado en grandes capitais, asentamentos medios e pequenas vilas espalladas, do que o noso sistema de parroquias e comarcas segue a ser herdeiro directo.

Deste xeito, o período histórico que podemos situar arredor dos séculos V e VI, no que a romanización aparece xa suficientemente desagregada como para permitir a evolución cara novas formas e estruturas sociais, aparece como unha fase decisiva para a conformación da Galicia que, transformándose ó longo dos séculos sobre este esqueleto, mantense ata os nosos días. Convén, xa que logo, ir desbotando as vellas teorías que facían da alta idade media un período bárbaro de desorde e de retroceso e asumir unha nova ollada a eses elementos arqueolóxicos que poden aportar novos datos para comprender esta etapa histórica de Galicia como mais enriquecedora e probablemente menos traumática do que nos ensinaron a todos na escola.

Pero á marxe dos elementos puramente investigadores o gran atractivo deste traballo para o público non especializado, para aqueles lectores con interese por coñecer o período sen afondar en pormenores históricos ou en detalles arqueolóxicos de carácter técnico, é a importante nómina de xacementos que se estudan, moitos deles visitables e de libre acceso. En certa medida, o traballo pode empregarse como unha guía de campo para coñecer sobre o terreo unha etapa histórica que semella tan escura e inaccesible pero que podemos ver, percorrer e tocar en lugares como a igrexa de Moraime (Muxia), en Adro Vello (O Grove) ou en Augas Santas (Allariz), unha forma de achegarse á historia do país sen dúbida moito mais interesante que aqueles enfoques tradicionais limitados a enumeración de datos e datas. Despois de visitar algúns dos xacementos escollidos por Álvaro Rodríguez a lectura resulta moito mais enriquecedora e, moi probablemente, a nosa perspectiva histórica terá sufrido unha transformación radical. "

Fonte: Jorge Guitián. do libro DO IMPERIO ROMANO á ALTA IDADE MEDIA de Álvaro Rodríguez Resino. CulturaGalega.org, 19-12-2005. (http://www.culturagalega.org/lg3/extra_recension.php?Cod_extrs=859&Cod_prdccn=649)