O mércores 19 de marzal do 2003 Méndez Ferrín, Gerardo Sacau e Gonzalo Navaza falaron no Club FARO sobre a importancia dos nomes de lugar, reivindicando algún deles para a cidade unha actitude de conservación dos mesmos.
Gerardo Sacau: "Reclamo para a toponimia da cidade a consideración de patrimonio cultural". Citas:

Sacau: "Desde esta atalaia cultural do Club FARO DE VIGO reclamo para a toponimia da cidade, como patrimonio que é, o mesmo trato que para calquera outro ben dos chamados materiais e a mesma enerxía crítica da que facemos gala para combati-los estragos dos nosos bens públicos. ¿Verdade que non medimos este patrimonio léxico coa mesma vara de medir coa que medimos outros patrimonios?"
"Entre as ferramentas que nos axudan a comprender algo no mundo, a máis esencial e primixenia é a utilización dos nomes, que xurden como resposta á diversidade do mundo e, máis que nada, a que os nomes sobreviven ós homes e ás cousas, gardando a súa memoria no interior deles".
"Escoiteille dicir ó escritor Álex Grijelmo que si hoxe as palabras cotizasen en Bolsa estarían á baixa e eu fágoo extensivo aos nomes de lugar. Non lle faltaba razón pero teño a esperanza de que paseniñamente vaian tomando unha liña alcista. Cómpre para que así sexa que as autoridades e a poboación civil viguesa velen pola correcta ortografía destes nomes e non consinta a súa deturpación nin esquilmación. Pensen vostedes que os nomes propios Teis, Coia, A Guía... constitúen un patrimonio léxico de envergadura sen parangón, salvo a lingua común".

Navaza:
"como un elemento do patrimonio cultural aínda que sexa inmaterial, recoñocido como tal pola Unesco. Cada topónimo é un monumento histórico e os atentados á toponimia teñen igual gravedade que os cometidos contra os bens públicos materiais. Sen embargo, están desprotexidos pola lei, non existe regulación que os protexa".
"Galicia é un dos lugares de Europa con maior densidade ou riqueza toponímica porque se dan nela condicións favorecedoras: asentamento dunha mesma poboación ao longo dos séculos, orografía irregular (cantos máis accidentes máis necesidades hai de distinguilos), dispersión do hábitat e fragmentación da propiedade".

Ferrín:
"Ábrense paso pouco a pouco os estudios de onomástica. A onomástica ten unha parte importante, como os nomes de lugar, pero tamén ten outra que son os nomes de persona. Eu penso que estes nomes vanse perdendo co tempo, tenden a esvaecerse no ar na medida en que as xeneracións vanse sucedendo. ¿Cantos de nos saben como se chamaban os nosos bisavós, cuios nomes foron sendo sustituídos polas modas doutros nomes? En cambio, os que si teñen máis carácter de permanencia son os nomes de lugar, como Vigo, Oia, Coia, Teis... aínda que algúns cambien pola propia evolución da lingua. O que non pode aceptarse é a súa sustitución invasiva por outros intereses, como os inmobiliarios do capital, que lles fan perder a súa identidade. O caso da "Colina de Castrelos" é un bo exemplo desta desfeita".

Publicado no Faro de Vigo do 20 de marzo, na páxina 38.

Xosé Luis Méndez Ferrín (profesor e escritor).
Gonzalo Navaza (filólogo e escritor).
Gerardo Sacau Rodríguez (filólogo; licenciado en Linguas Clásicas.

Publicacións:
84-505-9122-8 - Vigo nalgúns dos seus topónimos : (estudio etimolóxico) (1990) Sacau Rodríguez, Gerardo. Editor: Ayuntamiento de Vigo = Concello de Vigo.

84-89599-02-5 - Os nomes da terra de Vigo : estudio etimolóxico (1996) Sacau Rodríguez, Gerardo. Editor: Instituto de Estudios Vigueses. Fundación Provigo

84-89599-08-4 - Os nomes da ria de Vigo, Cabo Silleiro, Berbés (1999) Sacau Rodríguez, Gerardo. Editor: Instituto de Estudios Vigueses. Fundación Provigo.

Reboreda: os camiños da identidade. Gonzalo Navaza. Edita: Sociedade Labrego Cultural de Reboreda, Redondela 2000.