O venres 14 de maio inaguróuse no Arquivo do Reino de Galicia a exposición Imaxes de Galicia: fotografía etnográfica. (Homenaxe a Xaquín Lorenzo).

Xaquín Lorenzo Fernández foi un destacado etnógrafo galego, discípulo dos membros da xeración Nós (Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo...), que soubo manter o espírito intelectualmente inquedo dos seus mestres nos traballos de Etnografía e de Arqueoloxía que acometeu nos difíciles anos da posguerra. A el está dedicado este ano o Día das letras galegas, establecido pola Real Academia Galega en 1963 e hoxe institucionalizado pola Xunta de Galicia.

A mostra realízase en colaboración co Museo Etnolóxico de Ribadavia. Na idea de facela concorren a circunstancia do interese amosado dende hai tempo polo Museo Etnolóxico de Ribadavia por censar, describir e estudiar os documentos fotográficos de interese etnográfico conservados en arquivos, bibliotecas, centros de documentación e museos de Galicia coa inquietude do Arquivo do Reino de Galicia polo tratamento e difusión dos fondos e coleccións de carácter fotográfico que custodia. A exposición describe a formación, dende mediados do século XIX, de dúas imaxes diferentes de Galicia. Unha será a mirada folclórica e estereotipada que aínda persiste no imaxinario colectivo dos seus habitantes e das persoas que a visitan. A outra, desenvolvida dun xeito paralelo, será a da investigación etnográfica, que nun principio se interesará por describir coa máxima fidelidade posible o que se cre constitúen caracteres permanentes e invariables da Galicia rural.

Na fixación e difusión de ambas as dúas miradas, a fotografía xogará un papel importante e permite establecer hoxe conexións insospeitadas entre unha e outra forma de percibir e plasmar unha realidade en por si complexa. Nese contexto, sublíñase o interese e a vixencia da obra de Xaquín Lorenzo.

A exposición estará aberta na Coruña ata o 31 de agosto, e dende esa data e ata o 31 de outubro no Museo Etnolóxico de Ribadavia.

Un saúdo,

Arquivo do Reino de Galicia