Unha das resolucións aceptadas na aprobación do Plano Xeral de Normalización Lingüística foi a de correxir, restituír e oficializar definitivamente os topónimos. A mantenza de nomes galegos, tanto para designar lugares coma persoas, foi unha dura loita dende a entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística, hai 21 anos. Mentres que o texto obrigaba á Administración a adoptar a única forma oficial para os topónimos, a galega, os cartaces e a sociedade seguían mantendo *Lage, *Finisterre, *Orense, etc. Do mesmo xeito, mantéñense moitos apelidos patronímicos ou que proveñen de topónimos adulterados. Non foi até o 99 cando se comezou a albiscar a posibilidade de modificar os apelidos sen ter que pelexar coa burocracia durante meses. A posibilidade de alterar a orde dos apelidos, sen necesidade de antepoñer o paterno, posibilitou tamén a escolla do apelido galego. A globalización tamén afecta á toponimia e antroponimia, en detrimento do patrimonio inmaterial galego. Apelidos, nomes e topónimos constitúen un legado lingüístico que ten pasado por procesos de castelanización, impoñéndose traducións mal feitas e versións deturpadas.

O artigo 10 da LNL xa recalcaba que a única forma oficial dos topónimos é a galega, e que son competencia da Xunta os de municipios, núcleos de poboación, territorios e vías de comunicación interurbana, mentres que as vías urbanas compétenlle aos Concellos. Non hai lexislación respecto á toponimia menor, que é a que máis sufre o esquecemento. Gonzalo Navaza, da Comisión de Toponimia da Xunta, salienta: “cando se decidiu oficializar a toponimia atendeuse ás entidades de poboación, pero non aos pequenos lugares ou ríos, e con certas paraxes, quen decide o nome son as constructoras, ás veces cun talante case colonizador. Iso deberialle corresponder á Xunta.” Nun estudo realizado pola Universidade de Vigo, dirixido por Navaza, comprobouse a perda xeracional de emprego destes topónimos: se os maiores de 60 anos podían identificar até 45 lugares distintos en 50 ferrados, os seus fillos chegaban a 20, e os seus netos tiñan unha única denominación para todo o territorio.

A consideración do valor patrimonial da onomástica sería unha garantía da súa preservación. “de todas as comunidades, a única que menciona a toponimia coma patrimonio inmaterial na súa lexislación son as Illas Canarias”, salienta Navaza. “Hai lugares onde son máis vixiantes, coma o goberno do Quebec, en Canadá, que ten moi poucos topónimos precolombinos, polo que impón medidas moi restritivas á hora de nomear espazos. Aquí como parece que temos demasiados, non lles damos importancia.” En Galiza hai unha importante riqueza toponímica, determinada polo número, variedade, antigüidade e densidade. “O que posibilitou estas características foron factores coma a xeografía irregular, a dispersión poboacional, e o asentamento da mesma durante tempo inmemorial: aquí non houbo repoboacións importantes, nin conquistas”, explica o membro da Comisión de Toponimia.

Publicado en A Nosa Terra nº 1145

http://www.anosaterra.com/documentos/central.php?pagina_actual=sociedade.php&numero=1145