http://www.vieiros.com/publicacions/nova.php?Ed=5&id=42347

A xornada sobre toponimia culmínase coa presentación do nomenclátor completo


[20/04/2005 10:35] O nomenclátor galego, que se vén publicando provincia a provinca dende hai anos, preséntase hoxe como remate da Xornada técnica sobre toponimia de Galiza, que se celebra en Santiago. O volume recolle os topónimos oficiais das provincias, concellos, parroquias e lugares de toda a comunidade autónoma, que xa hai anos que están dispoñíbeis a través da internet. A xornada de presentación do nomenclátor, organizada pola Xunta, enmárcase tamén no Proxecto Toponimia de Galicia, co que se persegue a recuperación, catalogación e depuración da microtoponimia, é dicir, dos nomes de leiras, montes e regos que non foron abordados neste estudo inicial. Deste xeito, contribúese a salvar ese patrimonio inmaterial e ofréceselle aos responsables da cartografía unha toponimia acomodada ás formas históricas e propias do galego.

A Xornada técnica sobre a toponimia en Galicia ábrea o conselleiro da Presidencia, e continúa co relatorio de Antón Santamarina, lingüista membro da Comisión de Toponomia da Xunta, sobre "A toponomia galega. Un patrimonio ameazado". Prosegue cunha mesa redonda sobre a toponimia na cartografía e nos traballos sobre a poboación e o territorio, na que participan Fernando García Pazos, coordinador do Proxecto Toponimia de Galicia; Antonio Sampayo, do Instituto Xeográfico Nacional; Rogelio Canedo Lamela, xefe da sección de Cartografía e Sistema de Información Xeográfica do Concello de Santiago de Compostela; José Manuel Colmenero, delegado Provincial do INE e da Oficina do Censo Electoral en Lugo; e Gonzalo Navaza Blanco, lingüista membro da Comisión de Toponimia.

Manuel Fraga presentará a edición física do Nomenclátor de Galicia e finalizará o acto o secretario da Comisión de Toponimia, Xermán García Cancela, expoñendo as liñas xerais do Proxecto Toponimia de Galicia. Pola tarde terá lugar unha sesión de traballo sobre as experiencias do Proxecto Toponimia de Galicia, na que se exporán as iniciativas culturais e educativas en relación coa toponimia. Lembremos que un gran número de concellos, centros escolares e asociacións culturais están implicadas no proxecto de recollida da microtoponimia galega.