Pontevedra acollerá entre os días 19, 20 e 21 de outubro o que será o II Congreso Internacional de Onomástica Galega, onde se expoñerán e debaterán aspectos relacionados coa onomástica, isto é, a disciplina que estuda os nomes propios de persoa, de lugar, de establecementos comerciais, vistos desde varias perspectivas coma a filolóxica, a lexislativa, a literaria ou a social.
Achegaranse a este foro relatores de todo o mundo vindos desde lugares coma Voronezh (Rusia), Viena (Austria), Arlington-Texas (E.U.A.), Toronto (Canadá), Pisa, Bologna e Sassari –Sardeña- (Italia); tamén participarán especialistas de Euskadi, Cataluña e Portugal e un gran número de investigadores galegos.

Asociación Galega de Onomástica As ponencias darán unha idea xeral sobre a onomástica galega con comunicacións que versan sobre temas tan distintos como: os apelidos en perigo de desaparición, os alcumes e pseudónimos galegos ou a motivación dos nomes dos bares en Vigo, entre outros. Pero tamén haberá a oportunidade de saber cales son os nomes das persoas de pobos afastados coma os Bakongos de Angola ou de que maneira o modo de vida actual fai desaparecer os nomes dos lugares en Cataluña, igual que pasa en Galicia. No congreso tamén se darán a coñecer proxectos sobre onomástica que están en curso. Presentarásenos, por exemplo, unha páxina web que nos vai permitir ver cómo se distribúen os apelidos polos concellos de Galicia e se son frecuentes ou non.

Catro conferenciantes de sona internacional no mundo da lingüística, Henri Dorion (Canadá), Mario Alinei e Francesco Benozzo (Italia) e Francisco Villar (España) falarán respectivamente de lexislación toponímica (dos nomes de lugar), da “Teoría da Continuidade Paleolítica” das linguas, que fai remontar en milenios as cronoloxías aceptadas ata agora pola Lingüística e, finalmente, falarán de cales eran os nomes dos lugares na península ibérica antes da chegada dos romanos e nos trouxesen o latín do que derivan case tódalas linguas da península.

O II Congreso Internacional de Onomástica Galega foi organizado pola Asociación Galega de Onomástica co patrocinio da Dirección de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Caixa Galicia e o Concello de Pontevedra.