Entre aqueles instrumentos dos que se serven os xenealoxistas para refacer distintas gallas familiares, un dos más útiles vén sendo a información de limpeza de sangue, que se esixía aos aspirantes a fin de amosar que o investigado non contaba con mouros e xudeus entre os seus devanceiros. O acceso a cargos públicos ou ordes militares, ao ministerio relixioso, así como a entrada ou saída aos reinos do Imperio Español estaban condicionados, en gran medida, ao placet das autoridades, cuestión que, por suposto, supuxo unha gravísima discriminación social e relixiosa, e un auténtico atentado aos dereitos das distintas etnias. Por sorte, hoxe en día a xenofobia é un fenómeno cada vez máis reducido e, setenta anos despois do holocausto nazi e vinte anos despois da fin do apartheid, movementos coma o antisemitismo, a islamofobia e mailo racismo son un mal extirpado na súa meirande parte.
No marco do cristianismo, os arquivos históricos das distintas dióceses galegas conservan, aínda hoxe, as probas de limpeza ás que foron sometidas os seus membros nos séculos da persecución inquisitorial, como resultado do cal, os investigadores e historiadores poden traballar coas fontes orixinais, pero tamén con manuais compostos a partir destas relacións xenealóxicas. Un dos exemplos máis salientabeis é o libro Linajes Galicianos, de D. Pablo Pérez Costanti, que adica unha das súas partes aos coengos da Catedral Metropolitana de Compostela. Pero o certo é que tamén houbo galegos, ou descendentes de galegos, que iniciaron ou continuaron o seu ministerio sacerdotal fóra do ámbito xeográfico de Galicia, nas dióceses dos outros reinos cristiáns na España dos séculos dourados.
Descripción del Reino de Jaen Ordenada por el Doctor Gaspar Salcedo de Aguirre, natural de Baeza y Prior de Arjonilla ; dibujada por Juan Domenico de Villarroel, Cosmógrafo del Rey nro. Señor. Cortada en Sevilla por Baptista Camila (1588)
O propósito desta pequena reflexión é, precisamente, chamar a atención sobre aqueles relixiosos con sangue galego que non foron profetas na súa terra senón que, ao igual que moitos outros en Galicia, foron fillos da emigración. Valla para isto a relación dalgúns dos expedentes conservados na catedral de Xaén, e compendiados maxistralmente por D. Rafael Cañada Quesada no seu traballo Expedientes de Limpieza de Sangre conservados en el Archivo de la Catedral de Jaén1 . Dos cincuenta e seis documentos que se estudan, interésannos particularmente aqueles que fan relación das seguintes once persoas. Trátase de galegos, fillos ou netos de galegos, que, como axiña se verá, pertencían na súa totalidade á nobreza, supoñemos que co propósito de manter por esta vía a tan común endogamia existente entón entre os dous estamentos privilexiados do Ancien Régime: a nobreza e mailo clero. A xerarquía eclesiástica quedou, xa que logo, supeditada ao poder económico dos nobres, no seu rol de herdeiros dos antigos señores feudais e vasalos da casa reinante.
Á marxe, é interesante, e ata convinte, subliñar que case unha quinta parte dos
coengos xaeneses dos XVI e XVII sexa portador de sangue galego, en comparación con
outras rexións españolas que apenas aportan cargos á devandita diócese2 . Unha
nómina destes eclesiásticos vencellados ao noroeste peninsular, que fixeron ostentación
dos postos máis relevantes no Bispado de Xaén, podería quedar como segue:
- D. Francisco Sarmiento de Sotomayor 3. Coengo de Xaén. Foi nacido en Salveterra do Miño, na desaparecida provincia de Tui (hoxe en Pontevedra), sendo os seus pais D. García Sarmiento de Mendoza Sotomayor e D.ª Leonor Sarmiento de Mendoza Sáez de Pesquera. A súa ascendencia galega remóntase, segundo o expedente, ata D. García Sarmiento, Señor de Salvaterra, e a súa dona, D.ª Francisca de Sotomayor, da casa condal de Camiña, quen foron pais de D. Juan Sarmiento de Sotomayor, igualmente Señor de Salvaterra, casado con D.ª Beatriz de Noroña, da casa de Rivadavia, sendo estes últimos os avós paternos do citado coengo.
- D. Rodrigo Alonso de Moscoso Vargas Carvajal Fernández de Córdoba 4. Pese a ter nacido na vila de Truxillo, en Xaén, a súa nai, D.ª Teresa de Moscoso, muller que foi do correxedor de Córdoba, D. Diego de Vargas Carvajal, era oriunda de Santiago, en Galicia, e filla dos Condes de Altamira, D. Rodrigo de Moscoso e D.ª María Isabel de Castro, esta última, da casa de Lemos.
- D. Lope e D. Vicente de Pimentel Moscoso Toledo Osorio Rojas, irmáns5 e ámbolos dous coengos de Xaén, sendo D. Lope tamén o Arcediano de Úbeda. A localidade do seu natalicio foi Valencia, recibindo as aguas do Xordán na igrexa de Santo Estevo. Os seus avós maternos foron D. Lope de Moscoso Osorio e D.ª Leonor de Rojas Sandoval, Condes de Altamira, sendo o primeiro natural de Santiago de Compostela, segundo indica o expedente de limpeza. A filla destes, D.ª Isabel de Moscoso Sandoval, casaría co Marqués de Tábara, D. Antonio Pimentel, sendo proxenitores dos aquí referidos.
- D. Melchor de Moscoso Sandoval de la Guerra Velasco, curmán dos anteriores6 . Coengo. Pese a ter nacido en Madrid, o seu pai, D. Antonio de Moscoso Sandoval, Marqués de Villanueva del Fresco, era oriundo de Compostela e fillo dos Condes de Altamira, arriba sinalados. A muller de D. Antonio foi D.ª María de la Guerra Velasco.
- D. Francisco de Lanzós Sotomayor 7. Coengo, Arcediano de Baeza e Inquisidor Apostólico do Tribunal de Contas de Xaén. O seu tío, D. Fernando de Andrade, chegaría a bispo na mesma diócese. Foi bautizado na igrexa de San Xoán de Vilamourel, no concello de Paderne, provincia de A Coruña. Os seus pais foron os Condes de Maceda: D. Alonso de Lanzós Andrade Sotomayor (fillo de D. Juan de Lanzós, de Betanzos, e de D.ª Aldonza de Novoa Lemos) e D.ª Ana de Goya (filla de D. Félix de Goya e D.ª María de Mandaio, naturais de San Xiao de Mandaio en Cesuras e de San Cristovo de Cuíñas, en A Fonsagrada).
- D. Jacinto e D. Bernardino de Lanzós Andrade 8, coengos. Irmáns enteiros entre si. Irmáns agnados do anterior, tidos do segundo matrimonio do Conde de Maceda con D.ª María de Córdoba Ayala.
- D. José Antonio Rodríguez de Lemos Novoa Parga Pimentel 9. Arcediano de Baeza. Natural de Trasmiras, na provincia de Ourense. Foi fillo de D. Antonio Rodríguez de Novoa (orixinario de A Coruña, fillo que fincara do Señor de Trasmiras, Gaspar Rodríguez, e de D.ª Susana de Novoa Puga, coruñesa) e de D.ª Catalina de Lemos Pimentel (sendo pais desta última D. Vasco Rodríguez de Parga Ribadeneira e D.ª Ana de Lemos Taboada).
- D. Ignacio Ordóñez de Seixas Mariño Sotomayor 10 . Coengo, parente dos Lanzós arriba referidos. Bautizado na freguesía de Santa María do Azougue, en Betanzos. Foron os seus pais D. Antonio Ordóñez das Seixas (igualmente betanceiro, fillo de D. Fernando Ordóñez das Seixas, natural de Lourenzá, en Lugo –fillo á súa vez de D. Alonso Ordóñez e de D.ª Brianda das Seixas-, e de D.ª Urraca Mendoza Sotomayor) e D.ª Inés Melchora Mariño Sotomayor Lemos Lobera (bautizada en San Bartolomé de Pontevedra, filla dos tamén lerenses D. Pedro Mariño de Lobera e D.ª Benita de Sotomayor).
- D. José de Seixas Fernández de Prado López Álvarez. Coengo de Xaén en 1741, natural da cidade de Ourense.
Bibliografía
- CAÑADA QUESADA, Rafael (2008): “Expedientes de Limpieza de Sangre conservados en el Archivo de la Catedral de Jaén” en Elucidario, nº 5, p. 185- 213. [volver]
- Quizáis este feito esté en relación coas repobacións levadas a cabo nos territorios máis ao sur da península, nas que participaron moitos galegos. Asemade, esta circunstancia tén que ver coa presenza de un sinfín de apelidos galegos entre as xentes de Andalucía e, nomeadamente, na súa nobreza. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Xaén, Legaxo 488, Expedente 69. Data: 23 de agosto de 1591. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Xaén, Legaxo 509, Expedente 154. Data: 20 de marzo de 1620. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Xaén, Legaxo 512, Expedente 170. Data: 20 de marzo de 1620. E Arquivo Catedralicio de Xaén, Legaxo 509, Expedente 154. Data: 20 de marzo de 1620. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Xaén, Legaxo 519, Expedente 208. Data: 1 de agosto de 1640. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Xaén, Legaxo 527, Expedente 254. Data: 13 de agosto de 1659. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Xaén, Legaxo 529, Expedente 264. Data: 23 de maio de 1663. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Xaén, Legaxo 529, Expedente 269. Data: 27 de agosto de 1666. [volver]
- Arquivo Catedralicio de Xaén, Legaxo 540, Expedente 337. Data: 4 de xaneiro de 1694. [volver]