Os administradores de Xenealoxía.org e Apelidos de Galicia reuníronse en asamblea na localidade de Pontevedra, o día 23 de Xuño do ano 2012 ás 20:00 horas, decidindo constituirse en Asociación Xenealoxía.org.
segue un extracto da Acta Fundacional
ACORDAN:

- Constituír unha asociación sen ánimo de lucro, ó abeiro da vixente Lei orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, denominada asociación XENEALOXIA.ORG que desenvolverá preferentemente as súas actividades no ámbito autonómico e terá o seu domicilio en avenida Eduardo Blanco Amor, nº 54, letra i C.P.36160, concello de Pontevedra provincia de Pontevedra(ESPAÑA), os seus fins principais son:
- Promover a investigación da historia familiar en Galicia e os seus diferentes contextos: históricos, sociais, lingüísticos, artísticos e xeográficos, entre outros.
- Promover as investigacións relacionadas coa onomástica tanto nas súas vertentes antroponímica como toponímica, co fin de afondar no coñecemento dos apelidos de Galicia.
- Difundir as investigacións científicas relacionadas coas nosas temáticas.
- Construír e manter as bases de datos que recollan tódalas informacións relacionadas coa historia das familias de Galicia.
- Asegurar o acceso libre e gratuíto ás informacións recollidas nas bases de datos. E sen exclusións na medida que a tecnoloxía no lo vaia permitindo.
- Favorecer os proxectos de investigación libres por riba dos privativos, tamén os traballos de libre distribución fronte aos de copyright restritivo.
- Xestionar os espazos web dos seus proxectos, e encargarse da sostibilidade económica dos mesmos.
- Conseguir un espacio físico depositario do arquivo físico e a biblioteca física da asociación.
- Consensua-los estatutos polos que se vai rexe-la asociación lidos neste mesmo acto e aprobados pola unanimidade dos asistentes.
- Elixilo órgano provisional de goberno da asociación, composto polas persoas que se relacionan de seguido, as que se facultan para a tramitación da inscrición da asociación no rexistro correspondente de asociacións.