Cando tiven noticias do estudo que Cristina Buceta estaba a facer sobre o caso concreto dos fillos ilexítimos na freguesía de Saiar no século XVII, inmediatamente veu á miña cabeza a lembranza doutro artigo científico, cuxas conclusións resultaban bastante sorprendentes para todas aquelas persoas que temos inquedanzas pola historia familiar de Galicia.
Temos que remontarnos ao verán de 2005, cando se facían públicas as investigacións levadas a cabo pola Universidade John Moores de Liverpool sobre “discrepancia paterna”, é dicir, o feito de que moitos homes teñen fillos que, sáibano ou non, son produto dunha infidelidade da súa parella e, polo tanto, non son os seus verdadeiros pais biolóxicos, senón soamente os seus pais putativos. O ratio, segundo foi publicado na revista de Epidemioloxía e Saúde Comunitaria, afectaría a preto do 4% dos rapaces, o que implicaría que 25 de cada 100 homes casados estarían criando e dándolle o seu apelido aos fillos doutro.
Como persoa, teño ben claro que pai dun é aquel está presente nos seus primeiros pasos, que se desvela coas súas enfermidades, que trata de axudar nos estudos, que traballa duro para poder darlle un teito, roupa e alimentación aos seus cativos… Dende o punto de vista legal, tampouco existe problemática, ao estar garantidos os dereitos dos rapaces, como fillos recoñecidos que son dos seus pais. Porén, dende o punto de vista da xenealoxía, a “discrepancia paterna” paréceme que marca un punto e aparte no estudo das liñas de ascendencia biolóxica dunha persoa. Neste caso, ao igual que no dunha adopción, a árbore xenealóxica non vai poder explicar se unha persoa, pola banda da súa familia paterna, é propensa a padecer determinado tipo de enfermidades, nin tampouco se van a cumplir as semellanzas físicas previstas polas leis naturais investigadas por Mendel. Noutras palabras, o que quero dicir é que se botamos unha mirada á nosa árbore xenealóxica, entre nós e os nosos sextos avós, podería haber, segundo estas estatísticas da Universidade John Moores, un varón, chamémoslle Señor Equis, que realmente non sexa antepasado sanguíneo noso e, por conseguinte, todos os ascendentes seus tampouco compartirán a parte proporcional do noso sangue que corresponda. Coma o Señor Equis pode ser calquera persoa entre a primeira e sexta xeración, incluso cabería a posibilidade, que cito por exemplo, de que o Señor Equis sexa o noso propio pai, obrigándonos a desbotar como parentes biolóxicos á metade das persoas que inicialmente incluimos na nosa árbore.
Evidentemente, isto opera estrictamente na parte científica da xenealoxía, posto que a “discrepancia paterna” non altera en absoluto os nosos sentimentos nin a nosa pertenza á unha familia. Pero quizáis debería axudar a darlle máis importancia ás gallas femininas xa que, como efecto contrario, o único parentesco que é prácticamente indiscutíbel –a salvo de casuísticas complexas, coma o caso dos nenos roubados ou cambiados nas maternidades- é o da nai. Xa dende os tempos do dereito romano aparecen as figuras dos parentescos agnado e cognado, quedando o primeiro vencellado ao pater familias e o segundo á verdadeira conexión biolóxica, transmitido sempre na figura da muller. Sen recorrer a sociedades directamente matriarcais, se estudamos as liñas dinásticas dos reis da antigüidade, como pode ser o caso concreto dos faraóns do Antigo Exipto, atopámonos coma o acceso dunha nova dinastía sempre mantén un enlace de sangue coa dinastía anterior, ao casar o soberano, ou o seu herdeiro, cunha princesa da anterior casa reinante. É a conexión uterina.
Reivindicar e poñer en valor as liñas de ascendencia matriliñal é unha asignatura pendente, sobre todo, porque ao longo dos séculos a sociedade emperrouse en perpetuar costumes nada equitativas entre homes e mulleres, a través de herdanzas que pasaban de xeración en xeración, seguindo os criterios de primoxenitura e varonía. Mención aparte merece o uso dos apelidos, xa que fronte a tendencias do século XVIII e anteriores, cando os rapaces levaban o apelido do pai e as rapazas o da nai, vaise acabar consensuando a herdanza única do primeiro apelido paterno. Sen entrar a cuestionar a nova lei de Rexistro Civil e os efectos que no futuro poderá ter a decisión de introducir o criterio de orde alfabética se hai desacordo entre os proxenitores, alomenos a escolla de apelido xa non só é unha posibilidade, senón unha obriga para os pais, que teñen que decidir entre paterno ou materno. Pero ata onde quero chegar, no que tén que ver co uso dos apelidos, é que os dous apelidos que cada un tén no noso país, correspondentes aos avós paterno e materno, sabemos grazas ao estudo da Universidade John Moores teño a certeza estatística de que, de remontarnos vintecinco xeracións no noso pasado, atopariámonos alomenos un pai putativo que rompa a cadea de eslabóns biolóxicos que levan dende aquel remoto portador do apelido ata o noso presente, facendo que levemos dous apelidos que, sanguíneamente, non nos corresponden. Pola contra, se lle damos a volta á árbore xenealóxica e observamos a nosa filiación indiscutíbel, a imitación da natureza mesma ao resolver e codificar por liña materna o ADN mitocondrial, para deducir aqueles apelidos que con maior probabilidade nos pertencen, debemos remontarnos á nai, da nai, da nai… dunha longa cadea de nais que van dar ás nosas nais. No meu caso pasaría de apelidarme “Fernández Pousada” a “Pazos Iztegi-Atxa”. Por certo que, pra todos aqueles que dalgún xeito coñezan os procesos e servizos ofertados polo Genographic Project, seguramente poidan decatarse tamén da importante cantidade de información que se agocha neses dous apelidos matriliñais e que non é tan doado de aprezar nos dous apelidos herdados por liña agnaticia.
Antes de rematar esta pequena reflexión sobre a importancia das vías de ascendencia feminina, como antídoto fronte á “discrepancia paterna”, apuntar que esta análise da Universidad John Moores foi testada mediante unha mostra que permite avaliar ratios entre os anos 1950 e 2004. Pero, ¿cal houbo de ser o ratio de “discrepancia paterna” en épocas anteriores? Dicir que é prácticamente imposíbel estudar a xenética de familias enteiras que viviron, por poñer un exemplo, a carón do século XVII. Nembargantes, podemos facernos unha suposición, meramente hipotética, de que esta porcentaxe houbo de ser maior, como argumentaremos a continuación. A razón haina que procurar entre os matrimonios de avinza, xa que non será ata despois do século XVIII, tempo das luces e da ilustración, e coa chegada do século XIX e a expansión do pensamento romántico, cando realmente se popularicen os matrimonios por amor. A suma do século da razón e do século do corazón propicia que a maior parte dos namorados xa non conten con verdadeiras trabas para pasar por vicaría. Fronte a isto, nos séculos anteriores é o pan noso de cada día como se producen os dobres matrimonios, ao casar nunha soa cerimonia dous irmáns con dúas irmás, selando así alianzas familiares. Ou entre viuvos coas súas cuñadas. Ou viuvos que casaban entre si, o mesmo día que tamén casaban os seus fillos, que agora pasaban a ser irmanastros. Ou matrimonios nos que os noivos apenas contaban con 11 ou 12 anos de idade. Ou cando casaban porque a noiva xa estaba esperando un cativo… Os libros sacramentais das diversas feligresías apórtannos historias, case novelescas, que nos permiten contemplar, tal e como se confirma nas cartas de dote, que o casamento de dúas persoas, antes do XIX, era un mero trámite levado á práctica coa fin de salvagardar o patrimonio dunha familia. Por exemplo, cando casaban dous curmáns entre si, reagregando os bens dispersos na anterior xeración; ou cando dúas familias unían os seus esforzos para ampliar as súas propiedades… Neste senso, chámame persoalmente a atención o caso dunha familia de Lourizán, aló polo XVII, que conseguiu que os seus catro fillos casasen con catro rapazas que tamén eran irmás. Seguramente a súa historia daría para un guión de Hollywood, ao tempo que nos deixa entrever que na maior parte dos casos, a celebración dunha voda era unha decisión estratéxica de enormes consecuencias para cada familia. O século XIX, co esbourido demográfico, a industrialización, o crecemento das vilas e cidades en detrimento do rural, a decadencia da nobreza a favor do florecemento da burguesía, a nova lexislación e a incipiente concienciación do pobo sobre o seu poder de decisión na esfera dos asuntos públicos…, vai permitir un maior abano de posibilidades á hora de contraer nupcias, diversificando tamén os candidatos e facilitando unha mestizaxe de clases sociais nunca antes vista, poñendo de moda o matrimonio morganático e finiquitando posturas endogámicas e, en gran medida, os casamentos por avinza.
Pero, ¿cal é o efecto de matrimonios levados a cabo sen amor? ¿Suporá esta conduta un maior número de infidelidades? Precisamente, entre os casos mellor documentados históricamente de nupcias por avinza figura o das casas reais de cada país da vella Europa, nas que ao longo dos séculos está recollido o gran número de fillos bastardos que tiveron os monarcas de todo o continente. Á marxe de que as revistas de papel couché non fagan outra cousa, últimamente, que falar de infidelidades e de fillos non recoñecidos da Coroa, un sinxelo repaso aos libros de historia permítenos observar a cantidade de fillos tidos polos soberanos europeus sen ser coas súas mulleres oficiais. De tal xeito que esa proporción do 4% de “discrepancia paterna” detectado no século XX, en pleno apoxeo do casamento romántico, houbo de ser moito máis elevado en séculos pasados, cando as parellas casaban non polos mandados do seu corazón senón pola vontade das súas familias. Así, a próxima vez que lle botemos unha ollada á nosa árbore xenealóxica teñamos en perspectiva que moitos deses nomes e apelidos de persoas, das que en gran medida só contamos coas datas de bautismo, matrimonio e morte, a profesión, algún censo de vecindade, algunha carta de compravenda e, con sorte, o seu testamento, tiveron unha longa vida chea de contradicións que poden levar a que, para a nosa sorpresa, non sexan verdadeiros ancestros nosos.
Pero esta reflexión é algo que tódalas avoas de Galicia xa saben denantes de ver as noticias ou escoitar falar sobre a “discrepancia paterna”. Non en van, un dos ditos que máis poñen na súa boca as mulleres desta terra di que “os fillos da miña filla, os meus netos son; os fillos do meu fillo, serán ou non”.