Primeira parte do artigo publicado no Nº 11 da revista LETHES (Cadernos Culturais do Limia - Inverno 2012).

Introducción

No 1750, baixo a dirección do ministro de Facenda de Fernando VI, don Zenón de Somodevilla y Bengochea (1702- 1781), I marqués da Ensenada, púxose en marcha unha magna indagación catastral nos territorios e reinos da Coroa de Castela (é dicir, a maior parte de España, excepto as illas, a Coroa de Aragón, Navarra e os Señoríos Vascos (estes últimos pertencentes á Coroade Castela pero con sistema tributario propio), prolongándose os traballos de campo ata o ano 1756. É preciso lembrar que nesa época é a Coroa de Castela a que leva o peso do Estado, xa que a Coroa de Aragón tiña unha fiscalidade máis laxa e equitativa que a castelá, e Navarra e os Señoríos Vascos estaban practicamente exentas.

Santo Estevo de Sandiás

Esta indagación sería a base dunha reforma fiscal na que se pretendía racionalizar e facer máis xusto o sistema contributivo; para que isto fose realidade había que coñecer a riqueza de cada un. O obxectivo principal era o de rematar dunha vez por todas coa grande cantidadede impostos que había (alcabalas, décimos, primicias, etc.), moi difíciles de controlar, e que gravaban sobre todo á maioría dos contribuíntes, especialmente ós pobres, mentres que os ricos se vían moi beneficiados. A causa disto último debíase a que a maioría destes impostos asentábase sobre as produccións e bens de consumo e non sobre as rendas e ingresos netos obtidos pola posesión de leiras e casas. A isto engadíase a redución de ingresos por parte da Facenda Real polos gastos de cobranza de demasiados recadadores (por exemplo: a maioría das alcabalas estaban enaxenadas (vendidas) en mans de particulares). A reforma fiscal consistiría na substitución das rendas provinciais1 (alcabalas, millóns, servizos ordinarios e extraordinarios, sisas e un longo etcétera) por un imposto único, a Única Contribución, proporcional á riqueza de cada quen.

Evidentemente, o fin último deste catastro non era facer unha especie de reforma social senón encher as arcas da Real Facenda, exhaustas logo de anos de guerras e recen saídas da bancarrota de 1739.

Este proxecto fracasou pola forte oposición dos que se opuñan a perder a súa privilexiada posición, é dicir, a nobreza e o clero, xa que non tiñan o menor interese en que se lles medisen as súas elevadas rendas e en que se lle recadara máis do que viñan pagando ata o momento. Esta oposición deu os seus froitos sendo Ensenada destituído en 1754, mentres que o Catastro foi definitivamente abandonado en 1776.

É necesario comentar que Galicia, co abandono do proxecto de reforma saíu gañando xa que a sociedade rural galega, composta por campesiños e rendistas, beneficiábase do marcado carácter urbano do fisco real da Coroa de Castela.

A realización do Catastro foi particularmente difícil en Galicia debido á complexidade xurisdicional, á ausencia de autoridades municipais, á dispersión poboacional, á fragmentación da propiedade (o traballo de recoñecemento, descrición e representación de cada parcela debeu semellar un traballo titánico case imposible de realizar), á orografía do terreo, así como os problemas de comunicación orixinados polo descoñecemento do castelán pola inmensa maioría dos seus habitantes. A solución escollida foi que se catastrou por freguesías, é dicir, por parroquias. Na provincia de Ourense tivéronse grandes dificultades en determinar que formaba unha unidade a catastrar, e os propios comisionados trocaron de criterio ó longo da súa actuación. Así, moitas veces, non coincide o ámbito territorial das entidades catastradas nas respostas xerais coas dos outros libros (Reais, Persoais e Estados), como advirte Olga Gallego no seu catálogo sobre o Catastro de Ensenada en Ourense; ademais os topónimos atópanse barbaramente castelanizados e, ás veces, case irrecoñecibles (basta con comentar o exemplo de Zadagós (no actual concello de Sandiás), que aparece como Zadagones que pertencía e pertence á parroquia de Piñeira de Arcos, pero foi catastrado por separado por pertencer á xurisdición de Xunqueira de Ambía e ó señorío do Bispo de Valladolid).

O catastro dividíase en varios libros que nos ofrecen numerosa información da enorme diversidade de reinos, territorios e lugares que formaban parte da Coroa de Castela no século XVIII. Os documentos que se obtiñan pódense resumir nos seguintes:

  • Memorias ou declaracións de tódolos individuos leigos ou eclesiásticos nas que deberían de figurar os seus datos persoais e os da súa familia, así como unha lista pormenorizada dos seus bens, rendas,dereitos e cargas.
  • Respostas xerais ó interrogatorio.No primeiro documento que se facía, o de respostas xerais, os responsables de cada unidade catastral debían responder formalmente a un interrogatorio de 40 preguntas sobre o nome, lindes, xurisdición, fontes de riqueza dos veciños, etc., de cada lugar ou freguesía no caso galego. Neste interrogatorio, realizado nos preto de 15.000 lugares (freguesías no caso galego e concejos e cotos no asturiano) do Reino de Castela (exceptuando os dos Señoríos Vascos), aparecen multitude de aspectos para coñecer a realidade de Galicia e da Limia na metade do século XVIII.
  • Libros de raíz, do real, para leigos e eclesiásticos. Nestes libros quedaban rexistrados os veciños ou habitantes, así como os forasteiros, que posuísen bens, rendas ou dereitos. Son os libros máis amplos do catastro e os de elaboración máis complicada, xa que un dos problemas máis graves á hora de elaborar o Catastro era o de localizar ós propietarios de fóra da freguesía.
  • Libro dos cabezas de casa, ou maior do persoal ou de familias, ou veciños para leigos e eclesiásticos. Neste libro recollíanse os datos demográficos e familiares de somentes os veciños da freguesía.
  • Documentos complementarios: Autos e dilixencias, Nota de Valor, Relación de suxeitos ós impostos polo persoal, Certificación de décimos do último quinquenio, Certificación de ingresos e gastos do concello, Copias dos privilexios de dereitos alleados á Real Facenda. e Relación do alleado á Real Facenda.
  • Por último recollíanse os resumos ou follas de estado seguintes:
    • Estado D: Recolle todo o relativo a terras.
    • Estado E: Alugueiros, rendas de muíños, fornos, minas, mercados, décimos, censos, etc.
    • Estado F: Ingresos netos por actividades industriais, comerciais ou profesionais.
    • Estado H: Gando.
    • Estado G: Poboación activa, leiga e do estado xeral, masculina, entre 16 e 60 anos, que quedaría suxeita a un gravame especial, o do persoal.

Todos os resumos son dobres, para leigos e eclesiásticos, agás o último.

No caso da freguesía de Sandiás, os libros que se atopan no Arquivo Histórico Provincial de Ourense son as respostas xerais, o libro de persoal eclesiástico e os libros do real, para leigos e eclesiásticos, dos outros non se ten coñecemento.

O Catastro converteuse na fonte documental máis importante para coñecer como era a Coroa de Castela a mediados do século XVIII, posto que é un censo de poboación, un censo gandeiro, un censo de explotacións agrarias, un censo industrial, un nomenclátor, etc. Segundo os datos do Censo de Ensenada a mediados do século XVIII vivirían na Coroa de Castela, 6.570.499 habitantes, que, sumándolle as rexións e reinos excluídos do censo, daríanos unha poboación que situaría a España nos 9.400.000 habitantes.

Na Galicia desa época vivían case 1.300.000 habitantes. Esta cifra, comparada co total da Coroa de Castela e co resto de reinos, reflicte o gran peso que a demografía galega (a súa poboación representaba o 19% da poboación da Coroa de Castela e o 14% do total da española) tiña no Reino de España2. Galicia, ata mediados do século XVIII, sostivo un crecemento demográfico positivo grazas ás melloras introducidas na agricultura (por exemplo: co establecemento das rotacións dos cultivos e a introducción de novos cultivos como o millo (iso que sempre tivo unha escasa difusión no interior de Galicia), que constituíron o fenómeno máis importante da historia rural galega en dous séculos), a erradicación das pragas (cese da peste, etc.) e a regresión das correntes migratorias.

Trátase dunha Galicia densamente poboada e abrumadoramente rural, xa que a finais do século XVIII só as cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e O Ferrol superaban os 10.000 habitantes. En relación coas diferenzas entre a Galicia costeira e a interior, que xa agromaban no século XVI, a mediados do século XVIII apréciase moito máis nidiamente o desprazamento do centro de gravidade da poboación galega cara á costa. No caso da provincia de Ourense no ano 1752 (que tería uns 281.266 habitantes), a cidade de Ourense rondaría os 3.000 habitantes, mentres que as únicas vilas da provincia que superaban os 1.000 habitantes, eran as de Allariz, que andaría preto dos 2.000 habitantes (484 veciños), e a de Ribadavia, con aproximadamente 1.613 habitantes (429 veciños). No caso da nosa comarca, a parroquia de Santa Mariña e vila de Xinzo de Limia quedaban bastante lonxe dos 1.000 habitantes (101 veciños na vila, 66 en Lamas e 50 en Damil)3. Outras das características máis salientables da Galicia de mediados do século XVIII era que só entre un 20% e un 25% da superficie galega atopábase cultivada, xa que unha gran parte do seu territorio atopábase en monte proindiviso, montes moi importantes para os labregos xa que deles obtiñan leña, toxos, pastos, etc. Estes datos dannos unha valiosa información sobre o desequilibrio existente na Galicia de mediados do século XVIII entre a poboación e os recursos.

O proceso de elaboración do Catastro na Coroa de Castela e na parroquia de Sandiás

O método de traballo era, dun xeito moi resumido, o seguinte. Comezaba co envío dunha carta, un pregón e un bando. Nesa carta o Intendente da provincia trasladáballe a orde do rei ó alcalde (Xuíz ou Xustiza) e anunciáballe a data da súa chegada, ou en representación súa un Subdelegado, e a da súa equipa, así como a obriga de pregoar e expor o bando que se lle axuntaba. O alcalde debía dar publicidade ó bando na súa parroquia e nas veciñas, xa que en cada freguesía debían declarar todos aqueles cabezas de familia que tiveran bens, rendas ou dereitos nela, xa foran veciños ou forasteiros, e para iso dábaselles un prazo para facer as declaracións por escrito e asinalas. Estas relacións, que son denominadas memoriais ou relacións, eran recollidas polos alcaldes.

Cando chegaba o Subdelegado coa súa equipa convocábase ó cura, ó alcalde, e a varios veciños escollidos por estes como peritos. A xunta así formada respondía a un interrogatorio de 40 preguntas sobre a parroquia, as súas produccións, os prezos dos productos, etc. O resultado deste acto constituía o documento chamado respostas xerais. O resultado desta enquisa, como poderiamos denominala, era o valor das terras da parroquia, coa que se podía calcular o produto das parcelas. Acto seguido recollíanse os memoriais ou relacións dos veciños e forasteiros, así como se lle axudaba redactar ós que non sabían escribir, é dicir, a gran maioría, cos conseguintes problemas de comunicación e o conseguinte fraude (minoración de superficies, calidades e rendemento), e sometíanse a comprobación (por exemplo recoñecíanse as terras, medíanse as casas, contábase o gando, etc.), constituíndo as denominadas respostas particulares.

Neste artigo analizaremos as respostas máis interesantes ás 40 preguntas do Interrogatorio, enviado a tódolos lugares da Coroa de Castela (excepto ós Señoríos Vascos), realizado en Sandiás o 17 de decembro de 1752. Ante o Subdelegado nomeado pola Real Xunta da Única Contribución, compareceron varios veciños desta freguesía, entre eles, D. Vicente Seguín, Xuíz e Xustiza Ordinaria, Antonio de Quintas4, escríbano dela, Antonio de Dios e Francisco Santana, veciños nomeados peritos pola Xustiza, ademais de D. Mathias Alphonso Porras, cura da freguesía e Marcos Pereyra, perito nomeado pola Súa Maxestade.

No 1752, ano da realización das dilixencias do Catastro, a parroquia de Sandiás, ó igual que a de Couso, pertencían ó señorío do marqués de Malpica (no caso da parroquia de Piñeira de Arcos, ó do conde de Maceda, e o lugar de Zadagós, pertencente á parroquia de Piñeira de Arcos, ó Bispo de Valladolid). Polo que ademais das rendas forais, pagaban vasalaxe e loitosa, o cal imos a ver máis adiante.

En canto ás dimensións da parroquia danse as súas medidas (3/4 de legua de circunferencia), subliñando que serían necesarias unhas dúas horas de camiño para percorrela. Estas dimensións5 serían hoxe as mesmas que a nosa parroquia, dado os nulos cambios acontecidos nos lindes das parroquias galegas ó longo dos séculos. Destaca que é chaira na súa maior parte.

Nas respostas referidas ós cultivos da parroquia sabemos que o centeo (a maior parte) era o cultivo que ocupaba unha maior extensión, ademais do trigo, liño, millo, fabas, millo miúdo, nabos con ferraña, castañas, e hortalizas, que se reducen á verza galega. Destacan que hai poucas árbores froiteiras. As principais produccións na comarca da Limia nese século eran o centeo (pan) e o liño, xa que ata o ano 1777 non aparece ningunha mención ó cultivo da pataca6, cuxo despegue na nosa zona produciríase a mediados do século XIX.

A agricultura constitúe a principal dedicación dos habitantes da freguesía, posto que a inmensa maioría dos veciños son labregos, e os que aparecen na relación de oficios compatibilizarían as dúas actividades. Mais hai que destacarm a gran importancia dunha incipiente industria téxtil artesá do liño da que falaremos máis adiante. Un xornal dun labrego sería de 2 reais ó día. Nesta parroquia hai poucas terras de regadío, e as especies de terra, que se atopan en dito término son: labradíos, hortas de regadío e secano, soutos, prados de regadío e secano, devesas, toxeiras e campiñas.

Das árbores aparecen algúns castiñeiros e carballos, o que apunta que habería poucas árbores.

Advirten tamén a especificidade das unidades de medida da terra: o ferrado, os cuartos, o copelo. Vendíase o ferrado de trigo a 5 reais e medio, o de centeo a 4 reais, o de millo miúdo a 3 reais, o de fabas a 5 e medio, o de castañas, a 2 reais, e o de liñaza, a 6 reais. Un afusal de liño vale normalmente 6 reais, un carro de nabos, 8 reais, un carro de ferraña, 8 reais, un carro de herba verde, 7, un carro de leña, 3 reais, e un carro de toxos, real e medio. No que pode conducir á regulación dos foros, declaran cunha galiña vale 2 reais, par de polos 8 cuartos, un carneiro, 9 reais, un año 4 reais, unha libra de lá, 2 reais, un cuartillo de manteca, 2 reais, un porco cebado 44 reais.

No referente á industria aparecen oito muíños fariñeiros de maquía que moen seis veces ó ano con auga do regato do San Bieito, dous deles son propiedade do presbítero de Sandiás. A cada un destes muíño regulábaselle unha producción de 240 reais ó ano. Apuntar como curiosidade que moito tempo despois, no Censo de 1860, aínda aparecían nas reseñas de dous muíños da parroquia os rechamantes nomes de Molino del Abad de Sandianes e Molino del Conde Troncoso(o veciño de Madrid que aparece no Catastro como un dos propietarios dun muíño era D. Pedro Martínez Feijoo y Rodríguez, que conseguiu o título de conde de Troncoso en 1762).

Hai unhas poucas colmeas de distintos donos.

O gando do territorio son bois, vacas, leitóns, ovellas, carneiros, cabras e algunhas eguas. A maioría dos veciños teñen gando propio, así como tamén o teñen en parcería (a medias), sobre todo no caso das persoas que non o teñen propio. Na parroquia de Sandiás destaca como propietario de gando o abade da mesma, que conta con 2 bois, 12 porcos (6 de cría), 20 carneiros e 80 ovellas, tendo entregado en parcería 3 eguas con 4 crías.

En canto á poboación, son uns 130 veciños segundo a resposta dada no interrogatorio. Se empregamos algúns dos coeficientes empregados en estudos demográficos7 (por exemplo, un 3,76 ou un 4,18) atopariámonos cunha poboación que andaría entre os 489 e os 543 habitantes. Con relación ás parroquias que formarían a partir do século XIX o concello de Sandiás, a de Couso de Limia contaba con 157 veciños (entre 590 e 656 habitantes), a de Piñeira con 113 veciños (entre 425 e 472 habitantes), e o lugar de Zadagós con 14 veciños (entre 53 e 58 habitantes). Sorprendentemente nada lonxe dos datos do ultimo censo8 de 2008 (Couso (498 hab.), Piñeira (476 hab.) e Sandiás (524 hab)).

No relativo á pobreza deste concello, na parroquia de Sandiás aparecen recollidos 16 pobres de solemnidade, que viven grazas ás esmolas. Na parroquia de Couso e no lugar de Zadagós aparecen 2 pobres de solemnidade, mentres que na de Piñeira de Arcos aparece o abraiante dato de que existen 30 pobres de solemnidade.

As casas eran aproximadamente unhas 250, delas 12 arruinadas por desidia e pobreza dos seus donos. Nas notas finais do libro de real de leigos hai unha anotación na que se pon que os camiños e casas da parroquia ocupaban unha extensión de 140 ferrados.

Contaba a freguesía cunha taberna (onde se podía vender viño, aceite, candeas, e mais comestibles) e unha carnicería arrendadas por un veciño, Gonzalo do Moiño, na cantidade de 440 reais.

No apartado de oficios e industria, o que hoxe denominariamos sector secundario e terciario, atopámonos coa seguinte relación de oficios das tres parroquias que conforman na actualidade o concello de Sandiás.

Listado e relación de oficios segundo o anexo ó interrogatorio do Catastro da Ensenada na freguesía de Santo Estevo de Sandiás de 1752.

  • Xuíz (1)
  • Escribán (1)
  • Ministro de Xuíz (1)
  • Xastres (3)
  • Canteiro (1)
  • Siseiro (2) (Arrendatarios da taberna e da canicería).
  • Taberneiro (1)
  • Tecedeiras (15)

Listado e relación de oficios segundo o anexo ó interrogatorio do Catastro da Ensenada na freguesía de Santa María de Couso de Limia de 1753.

  • Arrendatarios de décimos (1) (Arrendatario dos décimos do cura)
  • Arrendatarios de tabernas (2)
  • Tecedeiras (17)
  • Ferreiros (2)
  • Carpinteiros (2)
  • Xastres (3)

Listado e relación de oficios segundo o anexo ó interrogatorio do Catastro da Ensenada na freguesía de San Xoán de Piñeira de Arcos e o lugar de Zadagós de 1752.

  • Xuíz (1)
  • Escribán (1)
  • Taberneiro (1)
  • Tecedeiras (21)
  • Xastre (1)
  • Ferreiro (1)
  • Zadagós: tecedeira (1)

Na relación de oficios do Catastro de Ensenada pódese apreciar a gran importancia que nas freguesías da Limia tiña o cultivo do liño, xa que a nosa comarca era unha das zonas de Galicia onde se concentraba este cultivo, conxuntamente coas terras baixas. Faise necesario lembrar que no século XVIII a principal productora peninsular de manufacturas téxtiles era Galicia e que esa industria ocupaba a 60.000 persoas.

Sumando as tres parroquias que forman parte do actual concello de Sandiás teriamos 54 tecedeiras e 7 xastres. Tratábase dunha incipiente industria rural domestica, xa que as tecedeiras, cos seus teares, producían tecidos de liño máis alá do autoconsumo, chegando a producir para os mercados locais ou comarcais (feiras), sendo unha das poucas cousas nas que os labregos podían sacar máis ala da subsistencia. O réxime foral impedía a introducción de innovacións fundamentais, como sucedeu noutros países (mecanización), o cal fixo que as manufacturas de liño perderan a súa importancia a partir do ano 1830, ó non superar a competencia dos novos productos téxtiles (algodón) doutras zonas xeográficas, primeiramente das importacións inglesas e francesas, e logo dos tecidos cataláns.

Outra fonte de ingresos dos labregos, para ir subsistindo e pagando os tributos, era o ir a Castela á sega, cousa que ata mediados do século XX seguiu realizándose, nas que os labregos aproveitaban para vender as prendas de liño que facían as tecedeiras. Ademais desta emigración temporal existía unha forte corrente migratoria (o comezo da nosa emigración), sobre todo cara ó reino de Portugal (Lisboa e Porto) e á capital da monarquía (Madrid).

Dispoñen os veciños de dous montes comunais para leña e esterco (toxeiras), para as súas terras, na Veiga e no monte de A Uceira.

Nos capítulos relacionados coa fiscalidade real á que tiñan que facer fronte os veciños da parroquia, responden que pagaban cada ano a Súa Maxestade de servizos ordinario e extraordinario (tributos pagados polo pobo, non polos fidalgos e o clero), 279 reais e 2 marabedís, que conducían á casa principal da cidade de Ourense.

Nas parroquias de Couso e Piñeira, os servizos ordinarios e extraordinarios ascendían a 349 reais e 2 marabedís, e a 357 reais e 2 marabedís, respectivamente (ós servizos ordinarios e extraordinarios da parroquia de Piñeira contribuía cunha aportación de 132 reais o Couto de Vilar de Santos (parroquia de San Xoán de Saa), así como se incluía a aportación do lugar de Quinta (parroquia de Coedo)). Para pagar a sisa (imposto que grava a Súa Maxestade) da taberna e da carnicería os veciños pagaban 440 reais. De Millóns pagaban 648 reais e de Carnes 90 reais e 30 marabedís.

Con relación ós tributos que os veciños da parroquia de Sandiás pagábanlle ó marqués de Malpica, aparecen:

  • Foros en favor. Percibe un de cinco ferrados de centeo, e corenta e catro reais vellón por razón de leitón cebado, que lle pagaban Roque Manso e outros veciños desta freguesía, imposto no foral que chamaban Do Castro. Outro de dous ferrados e medio de centeo que lle pagaba Antonio Lorenzo e outros veciños da freguesía imposto sobre o prado, que lle chamaban Do Monte.
  • Vasalaxe. Outro de dous ferrados e medio de centeo que lle pagaba Antonio Lorenzo e outros veciños da freguesía imposto sobre o prado, que lle chamaban Do Monte.
  • Loitosa. Recibe tamén por razón de loitosa (isto é, por cada cabeza de familia que falecía) axustándoa nun tanto, conforme a posibilidade do suxeito, regulada nun quinquenio cada nao, cincuenta reais de vellón.
  • Alcabalas (Enaxenadas, vendidas, pla Coroa ó marqués). Os veciños (pobo e fidalgos incluídos) pagábanlle cada ano 603 reais e 18 marabedís cuxa cantidade conducía á vila de Allariz para entregar ó mordomo do marqués. Os veciños de Couso pagábanlle ó marqués por este concepto 651 reais e 10 marabedís.

Observamos no libro de real de leigos da parroquia de Sandiás que unha gran parte das persoas que posúen bens, dereitos e rendas na parroquia non eran veciñas desta, xa que das 338 persoas que aparecen no índice só 130 sono da parroquia, o resto van ser na súa maioría das parroquias que lindan coa de Sandiás, é dicir, as de Couso, Piñeira, Coedo, etc., pero tamén aparecen persoas de Madrid, Ourense, Celanova, etc.

A inmensa maioría dos labregos galegos do século XVIII viven na total precariedade, só contando cuns poucos campesiños ricos con excedentes agrícolas que poden comercializar. A iso sumarlle a que estaban fortemente expostos á climatoloxía e o conseguinte estrago das colleitas, coma aconteceu nos anos 1768-1769, uns anos catastróficos, que trouxeron a aparición do azoute da fame en Galicia, e isto non eximía de pagar as rendas. Aínda que a súa situación era moito mellor que as masas de braceiros (xornaleiros) que abundaban na Mancha, Andalucía e Extremadura que non tiñan nin posuían nada.

A maior parte dos campesiños galegos, aínda que non eran propietarios plenos das explotacións que cultivaban e por iso debían pagar rendas (foros, arrendamentos, subforos), si dispuñan, sobre todo a partir da Pragmática de 1763, dunha gran seguridade na posesión das terras para introducir todo tipo de melloras nelas. O gran problema era que o sistema de foros non producía excedente, xa que entre o 25% e o 50% da producción agrícola ía integro a pagar as rendas forais, décimos, etc. Ademais disto engadíanselle outros dous: as ridículas dimensións das explotacións agrícolas (minifundio) e a súa complicada parcelación interna (microparcelación).

As rendas forais (foros) e os décimos contribuían á maior parte das diversas cargas que pagaban os labregos. En comparación con estes, os tributos á Facenda Real (tiñan escaso peso no mundo rural), os dereitos de señorío, o voto de Santiago e a primicia semellaban ben pouca cousa. É dicir, os campesiños pagábanlle pouco ó rei, pola natureza urbana do fisco real da coroa de Castela, en comparación co que lle pagaban á igrexa (décimos, foros) e ós señores, xa foran da nobreza titulada ou da fidalguía (foros). A mediados do século XVIII o clero galego chegaba acaparar os 2/3 do excedente agrario e os leigos (nobreza titulada e fidalguía), o terzo restante. No caso da parroquia de Sandiás, os décimos pagábanselle á igrexa de Sandiás. Con relación ós foros que se lle pagaban ó clero, pagábanselle maioritariamente ó convento e mosteiro de Santa Clara de Allariz, ás Capellanias del Dulze (ou Santo) Nombre de Jesús sitas na parroquia de Santiago de Allariz, á igrexa de Sandiás, etc. No caso dos foros ós leigos, pagábanselle maioritariamente ó marqués de Malpica, a D. Joseph A. Santana (fidalgo propietario da Casona de Santa Ana ou Casa dos Santana, aínda que era veciño de Vilariño do Campo (A Merca)), a D. Juan Benito Enríquez (fidalgo de Zadagós), etc.

Para visibilizar a penosa situación dos labregos da Limia a mediados do século XVIII bástanos con recoller un pequeno fragmento da carta que lle enviou en 1765 á Academia de Agricultura do Reino de Galicia o abade de Covelas, Pedro González de Ulloa:

Son digo tantos los trabajos pesados q(u)e cargan sobre estos pobres labradores, que me admiro como pueden sostenerlos, (...): pues á los bueyes áun de lo que trabajan les queda el heno; pero al labrador, ni un grano para comer ni sembrar: pues quanto coje, suele llebarselo p(o)r el Agosto el que no lo sudo, ni un pelo. A las ovejas áunque seles trasquile la lana, aún les queda el pellejo; y áun de este se vé despojado el labrador. A las avejitas quitaseles la miel; pero quedales siempre algo de dulze en las paredes de la colmena; pero quanto le queda al Labrador, todo és amargo, todo acibar, todo hiel.

Os grandes beneficiados das melloras da agricultura e do traballo dos labregos do século XVIII van ser a fidalguía e o clero, que van escomezar neste século a maioría das construcións de igrexas, reitorais, capelas, ermidas, casas grandes e pazos da nosa terra. No caso das tres parroquias que forman o concello de Sandiás é preciso comentar que se van construír ou remodelar a maioría dos pazos e casas grandes existentes nel, como por exemplo, o Pazo do Telleiro (Couso de Limia - Parroquia de Couso de Limia), cuxos elementos máis característicos son do século XVIII. Así mesmo, temos novas da construción en 1712 da capela do Pazo do Espido (As Pegas – Parroquia de Sandiás), da remodelación do Pazo do Penedo no ano 1758 (Vilariño das Poldras – Parroquia de Couso de Limia), da reforma no ano 1790 da Casona de Santa Ana ou Casa dos Santana (Santa Ana – Parroquia de Sandiás) e, posiblemente, da construción ou remodelación da Casa do Fidalgo (Zadagós – Parroquia de Piñeira de Arcos).

Mostra da existencia dunha fidalguía local na parroquia de Sandiás é a existencia na relación de persoas que posuísen bens, rendas ou dereitos na parroquia no libro de real de leigos de tres veciños que reciben o tratamento de Don, ( Dª Ana María Santana, D. Salvador Fernández Feixoo, Dª Benita Martínez) que contrariamente ó que podía pensarse non sobresaen por ter moitas propiedades nin moito gando en comparación con algúns veciños posto que, por exemplo, D. Salvador posúe dúas casas, unha de 10x6 varas e outra de 7,5x8 varas, así como ten de gando propio 6 porcos, mentres que Antonio de Quintas, o escribán, posúe unha casa de 15x20 varas e de gando propio: unha vaca, un becerro e unha becerra, 10 porcos, e unha egua coa súa cría. Isto ten unha explicación no caso de Dª Ana María Santana, xa que era a tía de D. Joseph A. Santana, que figura como propietario da Casona de Santa Ana (14x16 varas. O seu aluguer regulábaselle en 22 reais) ou Casa dos Santana, que era quen percibía os foros e os censos9. No caso de Dª Benita Martínez, era nai do subdiácono, vivía nunha das casas máis grandes de Sandiás (o seu aluguer regulábaselle en 20 reais), xa que medía 40 varas de fronte por 9 varas de fondo, unha medida moi superior á da maioría dos seus veciños, e posuía de gando propio: 2 bois, 3 vacas, 5 xovencos, 9 porcos, 6 ovellas e unha cabra. Tiña tamén 7 colmeas, así como tiña en parcería unha egua coa súa cría. É necesario matizar que moitos dos fidalgos que existían en Galicia e na Limia eran pobres e tiñan que traballar nas terras como os demais labregos. Un exemplo disto último podémolo ver no libro de ou remodelar a maioría dos pazos e casas grandes existentes nel, como por exemplo, o Pazo do Telleiro (Couso de Limia - Parroquia de Couso de Limia), cuxos elementos máis característicos son do século XVIII. Así mesmo, temos novas da construción en 1712 da capela do Pazo do Espido (As Pegas – Parroquia de Sandiás), da remodelación do Pazo do Penedo no ano 1758 (Vilariño das Poldras – Parroquia de Couso de Limia), da reforma no ano 1790 da Casona de Santa Ana ou Casa dos Santana (Santa Ana – Parroquia de Sandiás) e, posiblemente, da construción ou remodelación da Casa do Fidalgo (Zadagós – Parroquia de Piñeira de Arcos). Mostra da existencia dunha fidalguía local na parroquia de Sandiás é a existencia na relación de persoas que posuísen bens, rendas ou dereitos na parroquia no libro de real de leigos de tres veciños que reciben o tratamento de ¨Don¨, ( Dª Ana María Santana, D. Salvador Fernández Feixoo, Dª Benita Martínez) que contrariamente ó que podía pensarse non sobresaen porter moitas propiedades nin moito gando en comparación con algúns veciños posto que, por exemplo, D. Salvador posúe dúas casas, unha de 10x6 varas e outra de 7,5x8 varas, así como ten de gando propio 6 porcos, mentres que Antonio de Quintas, o escribán, posúe unha casa de 15x20 varas e de gando propio: unha vaca, un becerro e unha becerra, 10 porcos, e unha egua coa súa cría. Isto ten unha explicación no caso de Dª Ana María Santana, xa que era a tía de D. Joseph A. Santana, que figura como propietario da Casona de Santa Ana (14x16 varas. O seu aluguer regulábaselle en 22 reais) ou Casa dos Santana, que era quen percibía os foros e os censos9. No caso de Dª Benita Martínez, era nai do subdiácono, vivía nunha das casas máis grandes de Sandiás (o seu aluguer regulábaselle en 20 reais), xa que medía 40 varas de fronte por 9 varas de fondo, unha medida moi superior á da maioría dos seus veciños, e posuía de gando propio: 2 bois, 3 vacas, 5 xovencos, 9 porcos, 6 ovellas e unha cabra. Tiña tamén 7 colmeas, así como tiña en parcería unha egua coa súa cría. É necesario matizar que moitos dos fidalgos que existían en Galicia e na Limia eran pobres e tiñan que traballar nas terras como os demais labregos. Un exemplo disto último podémolo ver no libro de persoal de leigos da freguesía de Couso de Limia na que aparece don Manuel Giron, como nobre e labrego. Neste mesmo libro podemos observar que aparecen ademais en Couso, D. Bernardo Añel y Romay (Fidalgo e cabaleiro), D. Diego Fernández Feixoo (Nobre, arrendatario dos décimos do cura de Couso), e D. Pasqual Blanco y Sarmiento (Nobre). Como anécdota neste libro sinalar que aparece un único estudante, Gonzalo Joga, de 25 anos. Na freguesía de Piñeira de Arcos non aparece ningún fidalgo que fora veciño da mesma (non existe ningún pazo), mentres que no lugar de Zadagós aparece un, D. Juan Benito Enríquez. A maioría dos fidalgos non pobres vivían da xestión da súa explotación agraria, da cobranza de foros e arrendamentos e do gando cedido en parcería. A fidalguía galega que vivía cunha maior folgura nos grandes pazos introducirase viciando o sistema de foros a longo prazo, pasando os labregos de depender na súa maioría dos grandesmosteiros a depender dunha fidalguía intermediaria que lle subrendaba as terras a uns prezos moito mais altos.

O que poderíamos denominar o estamento cun maior poder económico na parroquia era o clero. O clero en Sandiás estaba formado por un abade (o cal tiña 2 criadas e un criado), un presbítero (o cal tiña 2 criadas), e un subdiácono. No referente á fiscalidade eclesiástica o cura vivía dos beneficios obtidos polo cobro do décimo, é dicir, do 10% da producción agropecuaria. Disto dependía se o cura dunha parroquia era máis ou menos rico, así como dos ¨destros¨(bens do igrexario) que posuíra e do que percibira doutros dereitos parroquiais de difícil cuantificación. Outros tributos que percibía a igrexa son as primicias e o voto de Santiago. As primicias, percíbeas o cura en beneficio da parroquia, mentres que o voto de Santiago, era un tributo que se pagaba ó cabido da catedral de Santiago de Compostela pola festividade do apóstolo (un bo exemplo onde se empregaron algunhas destas rendas foi na construción da fachada do obradoiro da catedral de Santiago de Compostela). Obviamente, todo isto sen contar os ingresos que percibía o cura procedentes de misas, enterros, etc.

Na freguesía de Sandiás os veciños non saben exactamente a cantidade á que ascenderán estes beneficios pagados á igrexa, mais dan unha cifra, este beneficio incluído o décimo e a primiciaarrendábase en 11.000 reais cuxa primicia ascendería regularmente a 75 ferrados de centeo e a 50 de millo miúdo, mentres que o voto de Santiago ascendería regularmente a 130 ferrados de centeo. Algo moi revelador dos beneficios do clero en Sandiás son a construción en datas próximas á elaboración do Catastro da reitoral de Santo Estevo de Sandiás (1779), así como a construción da primitiva ermida do San Bieito da Uceira (1755 ou 1766). Curiosamente a cifra dada dos décimos e primicias incluídas, coinciden coa parroquia de Couso (a metade dos décimos estaban arrendadas a D. Diego Fernández Feixoo na cantidade de 8.800 reais vellón, mentres que a outra metade dos décimos arrendábase en 2.200 reais vellón). No caso dos da parroquia de Piñeira arrendábanse en 9.000 reais vellón.

Finalmente, para rematar e completar este artigo, transcribo as respostas xerais (Anexo I, II e III) así como a relación de persoal eclesiástico (Anexo IV) e unha relación de veciños de Sandiás extraído do libro de real de leigos (Anexo V), documentos que se atopan no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

  1. As rendas provinciais que se pretenden substituir por unha única contribución, engloban termos moi dispares. O principal ramo era a alcabala, un tributo do 10% de todo o que se vendese, permutase ou sobre o que establecera censo. [volver]
  2. Galicia tiña neste século unha densidade de poboación que case dobraba á densidade do Principado de Cataluña. Na actualidade a poboación galega representa somentes o 6% do total da española. [volver]
  3. Na vila de Xinzo vivirían aproximadamente 380 habitantes, en Lamas 248 habitantes e en Damil 188 habitantes (coeficiente de conversión: 3,76). [volver]
  4. Antonio de Quintas é autor dun proxecto de desaugamento da lagoa de Antela enviado á Academia de Agricultura do Reino de Galicia.
    Tambien se leyó una carta de D. Antonio de Quintas natural de la feligresia de Sandianes en tierra de Limia dirigida al Sr. Presidente incluiendo un mapa de este pays, y proponiendo el modo de desaguarlo, y se acordó reservarla con los mas papeles que tratan este asunto.
    Acta 18ª celebrada el día 26 de mayo de 1765. [volver]
  5. A extensión da parroquia de Santo Estevo de Sandiás é de 19,4 Km². [volver]
  6. González de Ulloa, Pedro: Descripción de los Estados de la Casa de Monterrey en Galicia. 1777. Edición, prologo e notas de José Ramón Fernández Oxea, Cuadernos de Estudios Gallegos, Anexo IV. Santiago de Compostela, 1950. [volver]
  7. O coeficiente de conversión de veciños a habitantes no Catastro lógrase aplicando un coeficiente mínimo de 3,5 e un máximo de 4,5. Na maior parte de Galicia optouse por un coeficiente do 3,76. Claro que segundo o estudo La Alta Limia en los siglos XVII-XVIII. Un muestreo parroquial(Parroquias de Maceda, Arnuide, Vide, Maus e Baños de Molgas) de Rosa Ferreiro Pérez (Memoria de Licenciatura inédita) aparece unha media de 4,18 persoas por fogar. [volver]
  8. INE, (01/01/2008) [volver]
  9. Préstamos hipotecarios. [volver]