No VII Congreso Iberoamericano de Genealogía en Quito (2011) acordáronse unhas recomendacións para os investigadores de xenealoxía, coñecidas como "Acordo de Quito" o equipo de Xenealoxía.org subscríbeas ao completo e quere compartilas e difundilas.

  • PRIMEIRA: As fontes consultadas na realización de todo estudo xenealóxico deben ser sometidas a un severo xuízo crítico, que permita corroborar a autenticidade do que nelas se afirma. Isto é particularmente importante no caso das fontes bibliográficas, debendo evitarse a repetición de erros. En caso de contradición entre dúas fontes, en principio, débese outorgar primacía á documental sobre a bibliográfica. Idéntico criterio debe aplicarse ás novas fontes informáticas.
  • SEGUNDA: As conclusións extraídas mediante a aplicación do método dedutivo deben fundarse en presuncións graves, precisas e concordantes, e ser explicitadas como tales, citándose os elementos de xuízo en que se basean. As hipóteses de traballo non deben ser expostas como conclusións, senón que son presentadas en tal carácter ao xuízo do lector, mediante a mención dos elementos que suscitaron a súa formulación.
  • TERCEIRA: Todo traballo xenealóxico, sexan cales fosen as súas características e o método expositivo adoptado, debe ser harmónico, comprensible e de doada lectura, evitándose as expresións ampulosas que afecten a súa sobriedade. No caso específico dos estudos de liñaxes deben extremarse os recaudos precitados, facilitando ao lector a situación das distintas xeracións, mediante unha correcta enumeración correlativa, división en capítulos, uso de maiúsculas ou outros procedementos destinados a preservar a súa claridade e uniformidade. Con idéntico propósito, recoméndase evitar as biografías extensas, a excepción daqueles traballos que combinen Xenealoxía e Historia. A utilización de abreviaturas debe reservarse a aqueles traballos que pola súa extensión e modalidade o fagan aconsellable. En caso de utilizarse abreviaturas, recoméndase aclarar o seu significado ao comezo ou á finalización do traballo. Ponse énfase na conveniencia de incorporar índices onomásticos, sobre todo en caso de traballos extensos.
  • CUARTA: As circunstancias de tempo, lugar e ámbito sociocultural, deben constituír elementos integrantes dos estudos xenealóxicos, toda vez que permiten situar a cada individuo ou familia dentro do medio en que se desenvolveu.
  • QUINTA: O tratamento de don e dona debe reservarse estritamente aos que o utilizaron nas súas firmas ou o recibiron por parte dos seus contemporáneos. Esta norma é esencial tratándose de persoas que viviron ata o século XVIII, e a súa inobservancia -tanto ao atribuírllo a quen non o tivo, coma ao omitirllo a quen o recibiu- constitúe un erro histórico e xenealóxico. Cando un individuo apareza en distintos documentos con tratamento de don ou dona, e sen el, recoméndase consignalo expresamente.
  • SEXTA: O invento e terxiversación de datos resultan inadmisibles nun traballo xenealóxico. O ocultamento e a omisión deben así mesmo ser evitados, correspondendo consignarse toda a información obtida sobre o tema que se trate, utilizando unha linguaxe clara, sen incorrer en eufemismos que favorezan interpretacións equívocas. Os ditirambos, o exceso de cualificativos e as frases apoloxéticas non gardan harmonía coa sobriedade que debe caracterizar a toda obra do xénero.
  • SÉTIMA: A mención detallada das fontes onde foron obtidos os datos que se consignan é unha condición imprescindible en todo traballo xenealóxico, debéndose ademais, no caso das documentais, citarse a signatura completa e o Arquivo onde se custodia o documento.
  • OITAVA: Recoméndase evitar as alusións a liñaxes diferentes ao tratado, que levan o mesmo apelido e que poidan confundir o lector. Cando se trate de formulacións de hipótese sobre presuntas vinculacións entre ambos os dous deberá deixarse debidamente aclarado o seu carácter conxectural.
  • NOVENA: Cando nun traballo xenealóxico se fagan referencias aos emblemas heráldicos dunha determinada familia, o autor limitarase a expresar se a devandita liñaxe fixo uso de tal escudo de armas e absterase de facer referencia aos utilizados por outras familias do mesmo apelido, pero sen parentesco comprobado coa familia tratada.
  • DECIMA: A descrición das armas deberá xustificarse sinalando as súas probas documentais: labras nas fachadas das casas, reposteiros, selos, executorias, certificacións de armas, etc. e acompañadas dunha análise crítica destas, facendo constar a procedencia do testemuño. As certificacións dos Reis de Armas só nos dan fe de que unha persoa utiliza unhas determinadas armas, pero nunca das razóns diso ou dos seus antecedentes históricos, que hai que examinar sempre con prevención.
  • DECIMO PRIMEIRO: Débese observar a estrita aplicación da terminoloxía heráldica, en canto a particións, metais e cores, na descrición de calquera emblema de carácter familiar ou institucional, xa sexa civil, militar ou eclesiástico.
  • DECIMO SEGUNDO: Hanse de evitar as explicacións esotéricas ou cabalísticas, así como as atribuídas a orixes mitolóxicas ou bíblicas, que non teñen ningunha base científica. Igualmente ao posible simbolismo atribuído a cores e figuras, que adoita ser case sempre inventado moi a posteriori e, polo tanto, sen ningunha base científica.
  • DECIMO TERCEIRO: Recoméndase a participación de heraldistas, así como das institucións que os agrupan, en todo proceso de creación de novos emblemas heráldicos.
  • DECIMO CUARTO: Invítase ás institucións a dar a coñecer estas normas nas súas respectivas publicacións.