Bisavoa e bisavó

Arribamos neste mundo nunha familia, sexa esta do tipo que sexa, o caso é que por herdade temos dúas vertentes a xenética e a do carácter. A xenética pode ou non darse segundo sexa a nosa familia, biolóxica ou non, de selo teremos oportunidade a longo da nosa investigación de verificar moitas das calidades dos nosos corpos e tamén das nosas doenzas. A do carácter atoparémola sempre, as respostas fronte a medio, mesmo emocionais, sonnos impregnadas ou mesmo absorbémolas durante a nosa infancia sen tempo a reflexionar nelas e nin tan sequera ser conscientes delas.

O esforzo xeracional por manterse no mundo foi xerando un carácter que se vai estendendo sobre toda a cadea xenealóxica. Iso que teñen os da Casa Tal, todos os da miña casa o percibimos, e o xenio dos da Casa Cal, e a cobiza que lles pode ós da Casa de Aló... Entendemos do que estou a falar. É o patrimonio inmaterial da nosa familia, e polo regular a ninguén lle interesa ao menos que sexa da nosa familia. Aí chego ao gancho da historia familiar: para a maior parte das familias populares a súa historia non ten valor para ninguén, e o que é peor, ninguén vai afondar nela se nós non o facemos, e ao facelo xerámoslle aos nosos descendentes un patrimonio non cuantificable en cartos pero que serviralles para acadar unha mellor compresión do que eles deveñen ser neste mundo.

Non imos buscar unha explicación total, somos espíritos en libre albedrío, pero si poderemos obter as claves de certos aspectos da nosa personalidade.

Falar cos máis vellos, recoller datos nos libros de familia, nas cartas, nas fotos, nos cemiterios, nos expedientes, nas escrituras; cada dato nos levará a unha nova pista, a visita os arquivos ampliará os noso horizontes, os lugares que eles pisaron. Se testou, ollaremos a súa derradeira vontade. Se o noso antepasado sabía escribir poderemos ollala súa firma, os seus trazos (de novo as emocións), mesmo dixitalizala e gardala no noso arquivo. Xa teremos un pequeno arquivo persoal. Solicitaremos axuda a outros investigadores de lugares de máis lonxe. As noites diante do ordenador da cabalo dos séculos. Onte foi fai cinco séculos, antonte... Xa non podemos parar, estamos atrapados na popular xenealoxía: ¿de onde eran os teus?.

El Escorial, 15 de Outubro do 2005

Historia Familiar

Bibliografía

Ricardo Lago Couce. Historia Familiar. Saudade nº 4, novembro, 2005.